Xoves 25 Abril 2024

Nace BioIncubatech, unha iniciativa pioneira sobre biotecnoloxía en Galicia

BioIncubaTech, a incubadora de Alta Tecnoloxía para o fomento da innovación e transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias ás micropemes, é a primeira incubadora especializada en Biotecnoloxía de Galicia. Esta é unha proposta impulsada pola USC en colaboración con Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela que conxuga dotación de infraestruturas e programas de incubación para conseguir atraer talento emprendedor e resultados de investigación de todo o mundo a Galicia.

BioIncubaTech presentouse publicamente e iniciou as súas actividades este martes 23 no Edificio Emprendia no transcurso dun acto institucional presidido polo reitor Antonio López, e no que tamén participaron o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o director xeral da Fundación INCYDE, Javier Collado Cortés; o presidente da Cámara de Comercio, José Sierra; e o conselleiro delegado de Uninova, Vicente Pérez Muñuzuri. Tamén estivo presente a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey Vilar. Ademais, a xerenta do Clúster Empresarial de Ciencias da Vida (Bioga), Loli Pereiro moderou unha mesa na que se presentaron experiencias relevantes da man das empresas incubadas na USC Sunrock Biofarma, Tastelab, I-grape e Savelo Química Industrial.

Publicidade

O reitor Antonio López subliñou o orgullo da USC por ter podido incorporar aos espazos universitarios este proxecto de alcance internacional polo que se constitúe esta incubadora especializada en biotecnoloxía. A súa posta en marcha dá continuidade a iniciativas que se remontan vinte anos atrás coa posta en marcha de Uninova ou Unirisco, xermolos que alentaron o que hoxe é unha realidade e que redundarán na mellora das condicións de vida da sociedade.

Mentres que José Sierra salientou a necesidade de relacionar investigación e industria e empresa, como algo “básica para a economía de calquera país”, Javier Collado trasladou os seus parabéns e a súa satisfacción e orgullo porque “creo que temos acertado coa concesión deste proxecto”, do que destacou que é “o único proxecto de Europa de incubadoras de alta tecnoloxía”. Para pechar o acto, o conselleiro Francisco Conde agradeceu o compromiso de Javier Collado e da Fundación INCYDE co tecido produtivo do Estado e de Galicia. Nesta incubadora compaxínase “talento e vocación de emprendemento” achegado, respectivamente, pola USC e por Bioga e a Cámara de Comercio.

O proxecto acadou a máxima puntuación da convocatoria da Fundación Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (Fundación INCYDE) e será financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) con 1,48 millóns de euros. Ademais, a iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación por tratarse dun proxecto aliñado cos obxectivos da RIS3 e da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2020. Na base de BioIncubaTech atópanse as capacidades, infraestruturas científicas e coñecemento disruptivo no campo da biotecnoloxía da USC, refrendado por apostas institucionais estratéxicas como pode ser Campus Vida.

Imaxe: USC.
Imaxe: USC.

Esta xornada inaugural estaba dirixida a emprendedores/as e pequenas e medianas empresas do sector biotecnolóxico, a saúde e as tecnoloxías alimentarias. A presentación permitiulles coñecer os oito módulos de incubación dispoñibles en Emprendia, así como as instalacións de infraestrutura científico-técnica centralizada, que inclúe unha sala de cultivo celular, outra de bioloxía molecular e unha sala branca. Ademais, BioIncubaTech ofrecerá acceso preferente a infraestruturas científicas da USC.

Esta incubadora especializada consta dunha primeira fase de dotación e mellora de infraestruturas para cubrir as necesidades específicas da creación e primeiras fases de vidas das empresas deste sector. Tamén despregará todo un abano de programas de apoio á creación e maduración de novas empresas agrupados en catro eixos de actuación: fomento da transferencia de coñecemento e innovación; captación de talento directivo; cooperación e despregue internacional; e consecución de recursos financeiros.

Obxectivos

Entre os obxectivos da súa actividade, esta incubadora propiciará a creación de micropemes nos sectores de biotecnoloxía en ciencias da saúde e de biotecnoloxía alimentaria, así como a mellora da competitividade das empresas dos sectores bio, ciencias da saúde e tecnoloxías alimentarias a través da transferencia de tecnoloxía e o desenvolvemento de accións de incubación, fomento da innovación, mentoring, networking e accións de comunicación e promoción.

Outros dos fins desta incubadora serán a transferencia da tecnoloxía real ao sistema produtivo, producindo o dobre efecto de mellora da competitividade, pero tamén de sustentabilidade da propia acción de I+D+i; así como o acompañamento das empresas no proceso de internacionalización das súas cadeas de valor, fomentando, o alcance de acordos tecnolóxicos e comerciais con partners estratéxicos nacionais e internacionais, o desenvolvemento de clientes ao longo de todo o globo e, en definitiva, a ser actores relevantes nos mercados globais. Finalmente, a incubadora buscará o impulso da internacionalización das actividades de investigación e desenvolvemento, especialmente no ámbito da transferencia de tecnoloxía, a colaboración inter e intrasectorial, a captación de talento e o uso compartido de equipamentos punteiros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses