Venres 26 Abril 2024

Antonio Figueras: “Sexamos claros, a vacina non estará ata dentro de dous anos”

O científico do CSIC, autor dun informe sobre a transmisión do SARS-CoV-2 en praias e piscinas, pide medidas "homoxéneas e claras" ante a crise

Un informe publicado a pasada semana por varios investigadores do CSIC afondou nunha das preocupacións de parte da sociedade cara aos vindeiros meses: a probabilidade de transmisión do SARS-CoV-2 en praias, piscinas e zonas de baño. Un dos autores do documento, Antonio Figueras, é profesor de investigación no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) de Vigo, e acumula décadas de experiencia no estudo das enfermidades transmisibles en peixes e moluscos bivalvos, cuxo laboratorio é unha referencia neste sentido. Como coñecedor do dano que poden causar os axentes infecciosos nalgunhas especies, Figueras ve con preocupación a “relaxación” dos últimos días tras a fase aguda da crise, e advirte do risco de que novas ondadas causen un grave impacto na sociedade.

– Entón, habería que parcelar as praias?

Publicidade

– Eu véxoo imprescindible, porque o problema non está na auga nin na area, está en nós. E isto só se soluciona respectando a distancia social. Pero claro, estas decisións teñen que ser homoxéneas, claras e con sentido. Non pode ser que se vou a unha praia do Salnés teño uns requisitos, e no Morrazo, outros. Loxicamente, iso non aplica aos grupos cunha mesma situación inmune, como os convivintes, pero non podemos permitir nas praias o que xa estamos vendo estes días nas terrazas: multitudes que non respectan a distancia e que poderían causar repuntes en dúas semanas.

– Que se podería propoñer?

– É lóxico que haxa incerteza en como se vai proceder, pero é mellor non agardar a xullo para ir establecendo pautas. Se vai haber unha limitación de capacidade nalgunhas praias, por exemplo, non podemos esperar a que se monten os atoamentos nas estradas. Debemos buscar un sistema que regule a entrada e saída. E se son os concellos os que teñen competencia sobre as praias, pois haberá que acordar entre todos uns criterios, que non dependen de a que praia queiramos ir.

A auga de praias e piscinas, máis segura ca dos ríos fronte ao coronavirus

– Hai algunhas augas con máis risco ca outras?

Como dicía, o risco non está tanto nas augas como na necesidade de manter a distancia social. Podemos gardar todas as precaucións do mundo ao bañarnos que se alguén nos esbirra ao lado cando pasea pola area, non serve de nada. O certo é que na auga do mar, por exemplo, o risco é mínimo pola dilución da carga viral que poida haber. E nas piscinas cun bo tratamento de desinfección, os virus son moito menos viables.

Pero por exemplo, podemos ter problemas nos ríos, porque estamos vendo que o SARS-CoV-2 se mantén en augas residuais. En Galicia e en España aínda temos moitos problemas sen resolver no tratamento destas augas, e algunhas van directamente a ríos onde se baña xente. Pero ben, o risco, aínda maior ca nas praias ou piscinas, segue sendo pequeno. Pero para sabelo mellor fai falta investigación e evidencias, que por agora non temos porque non hai financiamento para facelo.

– Como podería garantirse a seguridade, por exemplo, nunha piscina municipal?

Habería que investigar, por exemplo, ata que punto pode unha piscina, en atención aos metros cúbicos de auga que ten, facer inviable o contaxio mediante a desinfección. Iso pode darnos, por exemplo, a garantía de que cun número máximo de persoas bañándose á vez, o risco de contaxio vai ser ínfimo. E fóra da auga, por suposto, hai que extremar a precaución nos vestiarios ou, no caso das piscinas ao aire libre, na distancia entre cada persoa. O máis perigoso, insisto, non é a auga, é o contacto con outras persoas.

“Non podemos poñernos a facer tests serolóxicos a gran escala porque por agora non son demasiado fiables”

– Como experto en axentes infecciosos, como ve a crise?

– Creo que está habendo unha certa relaxación e comeza a obviarse o punto clave ata que teñamos unha vacina ou antivirais específicos e efectivos: a distancia social. E, temos que dicilo, sexamos claros, que a vacina non estará ata dentro de dous anos, como pouco. Por moito esforzo que se faga agora, as carencias que levamos tendo en España no mundo da ciencia desde que comezaron os recortes, xa no ano 2008, non se solucionan poñendo cartos agora a toda présa durante tres meses.

Non é só conseguir unha vacina, que xa é un esforzo grande, senón que esta sexa efectiva. A da gripe, da que tanto se fala, non pasa do 60% de efectividade, porque é un virus que cambia moito e faise resistente á inmunización do organismo. E non sabemos aínda como se vai comportar o coronavirus, pero estamos vendo cousas preocupantes. Por exemplo, fálase de que coa calor baixa o risco, e resulta que nun país como Brasil a pandemia está medrando a unha velocidade enorme.

Para cando a segunda ondada?

– A que nos podemos enfrontar?

– Caben varios escenarios. Como comentaba nun artigo recente, non sabemos se o virus simplemente vai desaparecer, como pasou outras veces, ou se resulta que teremos unha segunda ondada máis grave, ou serán varias ondadas de menor intensidade, pero fortes igualmente, durante dous ou tres anos… A bioloxía é incerteza, por moito que estudemos e saibamos sempre vai haber imprevistos porque os virus son impredicibles. Pode pasar tamén, por exemplo, que despois de percorrer o mundo, e afectar a poboacións con distintos perfís xenéticos, se volva máis ‘suave’, ou se ‘agrave’. Non o sabemos aínda.

– E como se pode protexer á poboación?

– O único que sabemos que funciona é a distancia social. Pero cas ganas de dar tranquilidade e seguridade estanse a facer cousas que non teñen demasiado sentido por agora. Por exemplo, non podemos poñernos a facer tests serolóxicos a gran escala porque por agora non son demasiado fiables. Hai que darlle prioridade, por exemplo, as probas PCR en determinados espazos e colectivos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Identificado o risco de miocardiopatía dilatada nos portadores xenéticos

O estudo liderado polo investigador Pablo García-Pavía analiza as posibilidades de herdanza da enfermidade en familiares

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica