O 75% das persoas contaxiadas por SARS-CoV-2 en Galicia superou a infección

O número de casos activos baixa ata os 2.179, con só 10 novos positivos, un ingreso na UCI e dous falecementos máis ca onte

Á espera de que os datos dos vindeiros días constaten a tendencia, a pandemia da Covid-19 en Galicia segue amosando sinais de remitir. Cos datos deste mércores, facilitados pola Consellería de Sanidade e o Ministerio de Sanidad, tres de cada catro persoas nas que se detectou a presenza do virus SARS-CoV-2 ou de anticorpos contra el (son, ata o momento, 10.782) superaron xa a infección. A notificación de 176 novas infeccións resoltas, para un total de 7.996, fan baixar os casos activos ata 2.179, segundo as cifras que facilita a Xunta de Galicia.

Outro dos sinais optimistas sobre a evolución da pandemia, polo menos a curto prazo, foi a confirmación de que se están a detectar moi poucos positivos diarios a través de probas PCR. Este martes (día no que se recollen os datos do mércores), só 10 persoas foron diagnosticadas a través desta técnica, a máis ‘fiable’ para confirmar a infección. Con todo, estes números sempre se corresponden co cumio da pirámide de persoas afectadas, é dicir, óbvianse aquelas persoas que puideron ter pasada a infección pero non lles foi realizada unha análise para confirmalo. Este mércores, cos primeiros resultados do estudo de seroprevalencia que avanzará pola tarde o Ministerio de Sanidad, obterase unha imaxe máis próxima da incidencia real do virus na poboación.

Publicidade

Neste sentido, a incidencia en Galicia nos últimos 14 días (casos acumulados por cada 100.000 habitantes) volve estar por debaixo da media estatal. A cifra galega é do 23,19, fronte ao 25,71 cando hai unha semana era do 41,49 (40,15 en España). Ademais, o número reprodutivo básico instantáneo (o promedio de casos secundarios que pode chegar a provocar un individuo infectado nun período de tempo), é en Galicia do 0,62, tamén menor cá media de España (0,77).

Sobre as infeccións resoltas, as autoridades explican que, ademais das altas hospitalarias e domiciliarias, nesta cifra están incluídos os pacientes que, por exemplo, dan negativo nunha proba PCR do coronavirus despois de ser positivo, aínda que poidan seguir ingresados no hospital ou atendidos no domicilio, pero xa fóra dos casos activos. Aquí tamén se inclúen, tal e como aclara o propio Ministerio, os casos de persoas, como os positivos en tests de anticorpos, aos que se lles fixo unha proba serolóxica e non se puido evidenciar en que momento contraeron a infección, ou que mesmo puideran ser asintomáticas.

Publicidade

Casos activos

Despois das case 400 ‘altas’ do martes, os casos activos volven baixar en todas as áreas sanitarias agás Coruña, e destaca sobre todo a baixada en Vigo, con 61 casos menos. Das 2.179 persoas, 532 están na área da Coruña-Cee, 124 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 333 na de Ourense-Verín-O Barco, 110 na de Pontevedra-Salnés, 565 na área de Vigo, 436 na de Santiago-Barbanza e 79 na de Ferrol. Así está a situación:

Destes casos activos, 465 están vinculados a residencias de maiores e centros de discapacidade (289 usuarios e 176 profesionais). Son o 21,34% dos afectados por Covid-19 en Galicia.

En canto á situación nos hospitais, outro dos sinais da remisión da pandemia foi que só se produciu un ingreso na UCI, e ningún noutras unidades de hospitalización. Actualmente hai 22 persoas na UCI e 144 noutras unidades, o que supón 25 menos có martes. O resto das persoas, 2.013 (un 92,38% do total), están no domicilio. Así é a situación actual:

No referido aos falecementos, a cifra de óbitos por Covid-19 medrou en dúas persoas, Ata a noite do luns informouse de 597 falecementos, dos que 269 son de usuarios de residencias de maiores (45,05%). Porén, ningunha das mortes dos últimos catro días corresponde a usuarios destes centros, segundo os datos do Sergas.

Probas diagnósticas

En canto ás probas realizadas, Sanidade informou de que se levan feitas 118.665 PCR, 1.664 máis có luns.

Ademais, o Ministerio recolle tamén os novos positivos confirmados desde Galicia a través de tests de anticorpos: son 1.481, 35 máis có luns. Desde o comezo da crise, diagnosticáronse en Galicia 10.782 positivos por Covid-19. Deles, 9.301 detectáronse mediante PCR e 1.481, por tests de anticorpos (neste caso, non son necesariamente infeccións novas ou recentes). Ademais, con data do 7 de maio, que en Galicia se realizaron 83.108 tests de anticorpos, dos que algo máis de 50.000 forman parte do estudo epidemiolóxico impulsado polo Sergas. Así foi a evolución da detección de casos e de probas realizadas nos últimos días:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“A circulación do virus de Crimea-Congo en Galicia existe, pero polo de agora é moi baixa”

Investigadores da USC admiten que o salto do patóxeno a persoas é “cada vez máis posible” no territorio galego, pero chaman á calma

O virus hemorráxico Crimea-Congo salta por primeira vez a 13 animais de granxa en Galicia

A carracha 'Hyalomma marginatum' quintuplica a súa presencia no territorio galego e transmite o patóxeno a outras especies en ata oito concellos distintos

Un investigador da UVigo axuda a resolver un dos enigmas dos ciclos das idades de xeo

O achado, que emprega unha técnica analítica que permite datar rexistros paleoclimáticos ata hai 600.000 anos, axudará a prognosticar con maior precisión o clima futuro

A IA predí como será a vida dos pacientes de esclerose múltiple dentro de 10 anos

Investigadores galegos empregan as resonancias magnéticas dos pacientes para prognosticar a evolución da enfermidade autoinmune cunha certeza do 90 %