Antonio de Ron. Foto: CSIC.
Antonio de Ron. Foto: CSIC.

Antonio de Ron: “Temos un baleiro de investigadores novos que hai que cubrir”

O novo delegado institucional do CSIC en Galicia avoga por atopar solucións ao envellecemento da plantilla debido á pegada dos recortes

Minutos despois de tomar posesión como novo delegado institucional do CSIC en Galicia, Antonio de Ron analizou as principais liñas que guiarán a súa nova responsabilidade. Despois de máis de 30 anos como investigador no organismo, o científico da Misión Biolóxica de Galicia asume o cargo desde o que terá que abordar asuntos como a renovación do persoal, despois de anos de crise que impediu a contratación de investigadores e un maior apoio a proxectos. Galicia conta con cinco centros con participación do CSIC (Misión Biolóxica, Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas, Instituto de Investigacións Mariñas, Instituto Padre Sarmiento e Cesga).

– Que pegada deixou a crise no CSIC?

– Sufrimos moito nos anos pasados; os investigadores, os centros, o delegado e o propio CSIC. Foi un problema que afectou a máis sectores, como a educación ou a sanidade, pero coa ciencia hai un problema engadido. Tivemos uns recortes brutais, e saímos adiante con moito esforzo de todos, facendo case o mesmo pero con menos recursos. Non se cubriron as xubilacións, e tampouco se contratou a suficiente xente nova.

– E como hai que abordar isto?

– Temos un baleiro de investigadores novos que hai que cubrir. Hai persoas que poden ingresar agora coas ofertas públicas de emprego, con arredor de 40 anos. Detrás hai outro grupo de xente que están agardando por esas prazas, que xa son doctores, xa traballaron no estranxeiro. Pero detrás destes non hai persoal. De 35 anos cara a abaixo non temos xente, porque se corresponden cos anos da crise nos que deixou de haber bolsas, contratos, etc. E aí hai un oco que non se repón facilmente.

Poderiamos dicir, por tanto, que os grupos de investigación envelleceron, porque non puidemos nutrirnos con xente nova, que estea agora coa súa tese. E isto vai pasar factura moi pronto. Non podemos dicirlle aos investigadores que desde que acaban a tese, con 26-27 anos, ata os 40, non van ingresar nun posto estable. Son moitos anos.

– Hai instrumentos para solucionalo?

– É outro problema. Por exemplo, temos un máster en Xenética e Xenómica coa UVigo e a USC, pero non temos oportunidade de contratar aos alumnos que saian de aquí. Apenas temos contratos ou bolsas que nos dean a oportunidade de fichalos. Esta é unha das ameazas que nos imos atopar nun prazo de 10 anos. Van faltar recursos humanos, e isto hai que arranxalo.

Antonio de Ron toma posesión como delegado do CSIC en Galicia

– Que poden facer as Administracións aquí?

– Temos que conseguir que acheguen os recursos necesarios. A maior parte do noso financiamento é público; o privado é bastante limitado. Estamos en contacto coa Xunta, por exemplo, para captar máis recursos. Grazas ás xestións de Eduardo Pardo de Guevara e Rosa Menéndez abríronse de novo algunhas vías, e moi pronto imos establecer novos encontros para seguir incrementando esta axuda.

Nós entendemos que a Xunta prioriza ás universidades e os centros de investigación propios. Pero nós tamén traballamos desde, por e para Galicia. A Misión Biolóxica, o Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas, o IIM, o Padre Sarmiento… ofrecen os seus servizos e o seu coñecemento a Galicia. E por iso cremos que ten que mellorar o soporte e o apoio que recibimos, e seguro que pouco a pouco o iremos conseguindo.

– Como están preparados os centros do CSIC en Galicia para o gran cambio tecnolóxico que estamos afrontando?

– O Centro de Supercomputación de Galicia é punteiro nisto, e ofrece recursos a toda a comunidade científica de Galicia, e con eles estamos nunha moi boa posición. O resto dos centros aborda o reto desde os seus eidos. En agricultura, por exemplo, hai xa 25 anos que incorporamos o cultivo in vitro de plantas, cando era unha técnica punteira, e hoxe xa é máis habitual. Hoxe, seguimos buscando estar na primeira liña de innovación en disciplinas como a xenética e xenómica, como comentabamos antes. E tamén nos centros humanísticos, con sistemas moi avanzados de procesamento de datos e visualización da información.

O que temos que facer é producir coñecemento e incorporar moito, aprendendo de todo. Saímos moito cara a fóra, e procuramos traer sempre o último que haxa fóra e se estea facendo en cada disciplina na que traballamos. E por iso é tamén moi importante que se incorpore xente nova: que xa aprendera e saiba desenvolverse con estas novas técnicas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.