Antonio de Ron recibe a insignia de delegado de mans de Rosa Menéndez, a carón de Eduardo Pardo de Guevara. Foto: CSIC.
Antonio de Ron recibe a insignia de delegado de mans de Rosa Menéndez, a carón de Eduardo Pardo de Guevara. Foto: CSIC.

Antonio de Ron toma posesión como delegado do CSIC en Galicia

A sede do organismo en Santiago acolleu o acto, ao que asistiu a presidenta Rosa Menéndez e o xa exdelegado, Eduardo Pardo de Guevara

Antonio Miguel de Ron Pedreira (Lugo, 1952) é xa o novo delegado institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia despois do acto de toma de posesión celebrado esta mañá na sede do organismo en Santiago de Compostela. De Ron, profesor de investigación do CSIC na Misión Biolóxica de Galicia (MBG), sucede a Eduardo Pardo de Guevara y Valdés.

No acto deste luns estivo presente a presidenta do CSIC, Rosa Menéndez, que entregou a Antonio de Ron a insignia que o acredita como delegado. Comezou falando Pardo de Guevara, que agradeceu a todo o equipo do CSIC en Galicia o apoio durante os sete anos nos que exerceu o seu cargo. “Voume co privilexio de ter ocupado esta responsabilidade, e con gratitude e satisfacción polo traballo feito”, subliñou o xa exdelegado, que seguirá á fronte, como ata agora, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

No seu discurso, De Ron lembrou a súa longa relación co organismo. “O CSIC é a miña casa desde 1983, e débolle todo na miña traxectoria”. Avogou tamén porque o centro consiga a plena recuperación en canto a contratación de persoal e estabilización, despois dos anos marcados polos recortes da crise. E manifestou a necesidade de abrirse á sociedade, á colaboración coas entidades locais e autonómicas e a mellorar a colaboración público-privada para aumentar o financiamento dos proxectos do CSIC en Galicia.

Rosa Menéndez subliñou, pola súa parte, a importancia do papel que xogan os delegados “como conexión entre a institución e os centros de investigación en cada comunidade autónoma, para facilitar a vida aos científicos dos nosos equipos”.

Antonio de Ron: “Temos un baleiro de investigadores novos que hai que cubrir”

Antonio de Ron

É doutor (1987) en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela.Exerceu como catedrático de Instituto (1977-1988) e en 1988 obtivo por oposición unha praza de científico titular na MBG, promocionando sucesivamente a investigador científico (2004-2009) e profesor de investigación (2009-actualidade).

Tras un breve período como bolseiro no Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA), todo o seu labor investigador desenvolveuse na MBG, concretamente, no grupo de “Bioloxía de Agrosistemas”, que dirixe desde 1988.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.