Venres 26 Abril 2024

Ángeles Muñoz: “Comerma sempre tivo por meta aumentar o nivel cultural da cidadanía”

A bisneta do Científico Galego do Ano é profesora de Microbioloxía na Universidade de Santiago de Compostela

O recoñecemento do enxeñeiro Comerma como Científico Galego do Ano 2020 supuxo para os seus descendentes, que residen na Coruña e Ferrol, unha oportunidade para contribuír á divulgación dunha figura de grande relevancia non só para a cidade onde viviu, senón tamén para o desenvolvemento científico e técnico da construción naval en España. Unha das súas bisnetas, Ángeles Muñoz Crego, profesora do Departamento de Microbioloxía da USC, filla do neto do enxeñeiro, e neta da súa filla pequena, Matilde, fai memoria do legado do seu bisavó. Este xoves, a Real Academia Galega de Ciencias celebra o Día da Ciencia en Galicia coa homenaxe a Comerma a partir das 19 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela.

– Que lembra da pegada de Comerma na súa familia?

Publicidade

– Meus pais conviviron cos meus avós, é dicir, a miña avoa era Matilde, a filla pequena do enxeñeiro Comerma. Sempre se falou moito na casa do meu bisavó, e a miña avoa era a que transmitía todas as anécdotas. Lembra, por exemplo, que lle gustaba moito comer, que tiña moita afección polos bastóns, dos que presumía cando podía… De feito, aínda conservamos na casa unha colección. E persoalmente tamén teño outros recordos de ter cerca ao estar na casa o seu sombreiro, a súa pistola, cousas moi persoais que sempre estaban presentes, aínda que non as tocaramos.

E contáronnos tamén anécdotas curiosas, de cando fixo as primeiras experiencias co teléfono que trouxo a Ferrol, un dos primeiros. Facía probas na casa co seu axudante, e a miña bisavoa, ao escoitar como falaba só, pensaba que estaba tolo.

– Un dos trazos destacados do seu legado era o afán pola divulgación do coñecemento.

– Deixouno escrito en moitos artigos, nos que falaba do fonógrafo, da electricidade, de construción naval… Comerma sempre dicía que tivo por meta aumentar o nivel cultural da cidadanía. Unha das cousas que el lamentaba era que unha cidade emerxente, como era Ferrol, non dedicara máis esforzo á educación. Esa era unha das súas motivacións: que toda a xente tivera coñecemento dos avances científicos e técnicos que se estaban producindo no mundo.

– Transmitiuse dalgún xeito o seu carácter de curiosidade, de aprendizaxe?

– Sen dúbida, quen máis herdou ese carácter foi o meu pai. A curiosidade, o tesón, a procura de novidades, de descubrimentos, a sorpresa polos avances tecnolóxicos… Por exemplo, sorprendeulle moito cando saíron ao mercado os teléfonos intelixentes, dicía que quería un, que quería aprender a manexalo. Sempre tivo os ollos moi abertos.

Andrés Comerma: unha mente de vangarda que serviu a Ferrol e a Galicia

– O seu pai recuperou parte do legado do seu avó, de feito.

– El sempre tivo a idea de compilar e recuperar todo o material sobre Comerma. Cando se xubilou, e sobre todo despois de enviuvar, con 82 anos, púxose ao 100%. Aprendeu a usar o ordenador e era moi meticuloso ao facelo. Ademais disto, el sempre acudiu coa miña nai ás trobadas, os encontros que reunían en Cataluña a todas as persoas co apelido Comerma (non só descendentes do enxeñeiro, senón todos).

– E chegou a visitar o seu lugar de nacemento?

– Si, e foron tamén ao concello, onde lles pasou unha anécdota moi curiosa. Entraron, porque sabían que alí había un cadro de Comerma, e preguntaron se podían velo. Cando el dixo que se chamaba Antonio Muñoz Comerma, que era neto del, montouse alí todo unha homenaxe, mesmo co alcalde, que os recibiu con gran alegría.

– Como recibiron na familia o nomeamento do Científico Galego do Ano?

– Foi, como é lóxico, unha alegría enorme, e recibímolo con moito agradecemento. E puxémonos tamén a traballar para compilar toda a información posible e divulgala aproveitando a homenaxe. Cremos que é de xustiza que se lle faga o recoñecemento que merece. Foi unha persoa que estivo ao servizo da sociedade e do seu país, poñéndoo por riba de calquera interese persoal, como foi o que aconteceu co túnel do estreito de Xibraltar.

– É a oportunidade para que trascenda alén de Ferrol?

– É certo que a súa sona non saíu moito de Ferrol, nin sequera no resto de Galicia. E é unha das cousas que á familia nos gustaría ver. Hai moitas outras persoas, con méritos semellantes, que son moito máis recoñecidas. Está o exemplo do Día das Letras Galegas, que por exemplo se divulga de forma moito máis intensa e boa parte da sociedade acaba coñecendo, máis ou menos, quen era a persoa homenaxeada. Gustaríanos que co Científico Galego do Ano pase algo semellante.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Un tratamento da USC para deixar de fumar logra a abstinencia do 77% de participantes

O estudo demostra que o uso de recursos tecnolóxicos, como as videochamadas e aplicacións móbiles, son efectivos para abandonar o tabaco

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións