Venres 26 Abril 2024

AMSlab: múltiples frontes desde Lugo contra o coronavirus

O grupo investiga kits alternativos de detección, realiza controis de calidade de equipos de protección e colabora con hospitais e a industria farmacéutica

A vontade de boa parte da sociedade para botar unha man na crise do coronavirus abrangue moitos aspectos da vida cotiá. Desde a ciencia hai quen procura unha vacina, fármacos ou tratamentos para combater a infección, e hai quen puxo en marcha en pouco tempo diversas liñas de traballo para botar unha man adaptadas á nova realidade. É o caso de AMSlab, un grupo biotecnolóxico con base en Lugo, e que conta con laboratorios especializados en análises para diversos sectores, como o téxtil, o farmacéutico, a cosmética ou a xenética. Desde hai semanas, o grupo púxose mans á obra en tarefas tan diversas como o control de calidade de tecidos das máscaras de protección e EPIs, o desenvolvemento de kits de diagnóstico ou a análise proteómica de posibles fármacos. “En poucos días atopámonos con algunhas liñas de traballo totalmente paradas, pero ao tempo vimos que podiamos poñernos en marcha para botar unha man, e así o fixemos”, explica Manuel Lolo, CEO de AMSlab.

Kits de diagnóstico

 Segundo informou a empresa, no seu laboratorio Xenotechs estanse investigando dous sistemas de diagnóstico . “Vimos que había limitacións na capacidade de facer probas PCR, e nós tiñamos experiencia no desenvolvemento destes kits para sectores como o agroalimentario, o téxtil, o veterinario ou o cosmético”, apunta Lolo. Xenotechs, en colaboración con laboratorio CIFGA, do que AMSlab é accionista maioritario, busca novas vías para detectar o virus, en contacto permanente coas administracións sanitarias para reforzar o sistema en caso de que sexa preciso.

Publicidade

Por unha banda, un dos métodos baséase na técnica RT-PCR (PCR a tempo real) para ser desenvolvida no laboratorio. Outra das liñas de investigación busca acelerar a toma de mostraxes a través dunha proba máis sinxela e rápida, para a que non serían precisos equipamentos manexados por persoal especializado. “Poderá realizalo calquera persoa, xa que non son precisos coñecementos técnicos nin equipamento sofisticado para facer o test”, explica a empresa nun comunicado.

“Coas alternativas nas que estamos investigando, queremos axudar a superar o colo de botella que hai ante a escaseza de material na parte da extracción, cando recolles o virus na mostra e tes que ‘rompelo’ para obter o ARN e convertelo en ADN”, engade Manuel Lolo. Este punto crítico, tal e como expuxeron diversas administracións nas últimas semanas, dificulta a realización dun maior número de análises PCR. AMSlab espera agora pola validación destes métodos por parte do Instituto de Salud Carlos III para contemplar a posibilidade de saír ao mercado.

Para isto, o grupo participa nun equipo de traballo conformado por Asebio (Asociación Española de Bioempresas), que explora as capacidades do tecido industrial nacional para poñerse a fabricar os kits que sexan validados, así como os materiais que agora mesmo limitan unha maior realización destas probas, engade o CEO da empresa.

Proteómica

No marco do tratamento, outra das compañías do grupo, AMSbiopharma, especializada na investigación de fármacos biolóxicos, ten contactos co Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) para explorar o desenvolvemento de proteínas que poidan funcionar como marcadores do virus. Deste xeito, sería posible facer un seguimento do tratamento a pacientes positivos polo SARS-CoV-2.

Máscaras e equipos de protección individual

Ao tratarse dun grupo especializado no control de calidade, unha das preocupacións na crise, explica Lolo, foi a dos posibles riscos derivados do uso de materiais con poucas garantías na fabricación de máscaras e outros equipos de protección individual. “Moita xente puxo toda a boa vontade para axudar dalgún xeito, pero non se pode coller calquera tecido, por exemplo, para fabricar unha máscara cirúrxica; hai que seguir uns criterios estritos. O que nós fixemos cando vimos que se comezou a industrializar a produción de máscaras ou EPIs foi poñernos en contacto con clientes que producen estes tecidos, para asesoralos”, lembra Manuel Lolo.

Do mesmo xeito, nos laboratorios do grupo están a investigar distintos tipos de tecidos que, lavados a alta temperatura, permitan a desinfección segura das máscaras para facer máis longa a súa vida útil. Todo isto, no marco do cumprimento das normativas ditadas nas últimas semanas arredor destes materiais.

Laboratorios de AMSlab.
Laboratorios de AMSlab.

“A pandemia demostrou as carencias que tiñamos na industria”

A falta de material e a tardía resposta en determinados aspectos da crise foi, para Manuel Lolo, a evidencia duns erros que se arrastraban desde hai tempo no tecido I+D+i. “Eu creo que esta pandemia demostrou as carencias no sector, non só en Galicia, senón tamén en España e Europa. Caemos na conta que se queremos ter con urxencia, por exemplo, unha gran cantidade dun determinado encima, non hai capacidade para fabricalo, e hai que compralo. Sabiamos como facelo, pero non tiñamos as ferramentas para producilo“, resume o responsable do grupo.

“Desde hai tempo, Europa é unha zona que exporta moito coñecemento e innovación, pero coa deslocalización da produción vemos agora as eivas que temos, e que determinados países que producen non teñen”. Para Lolo, a crise podería ser “unha oportunidade para dar o salto na I+D desde a etapa de fabricación, intentando que haxa máis produción local, pero isto ten que vir acompañado de políticas que o favorezan; moitas veces descoñecemos as capacidades que temos preto da casa”. Conclúe que “non se trata de proteccionismo, senón que se favoreza a aposta polo local, e se teña en conta o que se fai aquí”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade