O enxeñeiro galego que quere adiviñar se tes coronavirus escoitando a tose

Tomás Teijeiro traballa na escola politécnica de Lausana, en Suíza, e intenta desenvolver unha 'app' para detectar o son característico da doenza

Tomás Teijeiro traballa no Embedded Systems Laboratory (ESL) da politécnica de Lausana.
Tomás Teijeiro traballa no Embedded Systems Laboratory (ESL) da politécnica de Lausana.

Moitas das persoas que están a padecer a infección polo coronavirus SARS-CoV-2 coinciden nunha cousa: un dos primeiros síntomas é unha tose seca e frecuente, á que, se a cousa se complica, suceden a febre, a dor de cabeza ou o malestar xeral. En Portugal, que achega os datos dos síntomas das persoas diagnosticadas coa Covid-19, a tose é o máis habitual (51% dos casos confirmados). A OMS eleva a porcentaxe ao 67,7% por cento. E así o están constatando médicos de todo o mundo. Este detalle tamén o tiveron en conta un grupo de investigadores do laboratorio da École Polytechnique Fédérale de Lausana (EPFL), en Suíza, onde traballa Tomás Teijeiro (Castro de Rei, 1987). Este enxeñeiro informático é investigador posdoutoral no Embedded Systems Laboratory (ESL), e un dos encargados do desenvolvemento da ferramenta Coughvid (xogo de palabras co nome da doenza e cough, tose en inglés), o proxecto para desenvolver unha app que recolla, a través do micrófono do teléfono móbil ou o computador, a tose que envían os posibles afectados para establecer patróns no son que axuden a perfilar características propias no caso da Covid-19.

O español David Atienza, director do laboratorio ESL no que traballa Tomás Teijeiro, é o líder do proxecto, explicaba en días pasados que xa estaban compilando miles de rexistros para perfeccionar a ferramenta antes de poñela a disposición da sociedade “nas vindeiras semanas”. En conversa con GCiencia, Tomás, que estudou Enxeñaría Informática na Universidade de Santiago e realizou a tese de doutoramento no CiTIUS, afonda nos detalles do proxecto.

“Levamos máis de 15.000 mostras recibidas”

Teijeiro, no campus da EFPL.
Teijeiro, no campus da EFPL.

– Como xorde a idea de desenvolver esta ‘app’, e en que premisas se basea?

– A idea xurdiu dunha das estudantes do laboratorio, Lara Orlandic. Súa nai é médico nos Estados Unidos e atende a pacientes con Covid-19, e comentoulle que a maioría amosan un tipo de tose moi característica, e que os doutores son capaces de distinguir moi ben. A partir de aí contactamos con persoal médico co que colaboramos e comezamos a buscar bibliografía, e efectivamente a tose seca é un síntoma distintivo da doenza, que se dá en aproximadamente dous terzos dos pacientes.

Ademais, a análise automática da tose xa se ten empregado con éxito para a diagnose de enfermidades coma a asma, a pneumonía ou a tose ferina, polo que decidimos explorar esta vía para a Covid-19. Naquel momento aínda non coñeciamos ningunha iniciativa semellante, pero na mesma semana xurdiron outras dúas en universidades de moito prestixio (Cambridge e NYU), o que aumenta a nosa confianza na hipótese de partida.

– Puxeron en marcha un sistema para recoller a tose de posibles afectados. Que destacan ata agora das mostras que recibiron?

Por agora non podemos afirmar que haxa un patrón de tose característico da Covid-19. Si que é certo que aparentemente hai unha prevalencia de enerxía en certas partes do espectro audible, pero para determinar ata que punto iso é algo que nos vaia permitir unha discriminación eficaz é precisa moita máis experimentación. Ademais, a estratexia de recolección de datos ten a vantaxe de poder proporcionarnos moitas mostras en pouco tempo (xa levamos máis de 15.000), pero pola outra banda unha importante porcentaxe resulta ser inservible: a xente envíanos gravacións que non son de tose, mente nos cuestionarios, etc.

Iso vainos esixir un esforzo en control de calidade e limpeza dos datos. Por este mesmo motivo estamos colaborando cun estudo clínico que se está a realizar en Suíza en diferentes hospitais e no que nos proporcionan distintas gravacións ao longo do tempo de pacientes que xa están diagnosticados, o que nos permitirá ter un conxunto de referencia para a validación dos resultados.

O sistema atópase na fase de recollida de mostras para establecer patróns de son característicos da Covid-19.
O sistema atópase na fase de recollida de mostras para establecer patróns de son característicos da Covid-19.

– Como vai axudar isto no diagnóstico e ás autoridades sanitarias?

O noso obxectivo é servir como ferramenta de screening pola cal un usuario sintomático pode facer un test de tose na súa casa, contestar algunhas preguntas e como resultado diráselle se é preciso que se poña en contacto co seu centro de saúde para facer un test, ou se pola contra só debe seguir as recomendacións habituais para o resto da poboación. Por suposto, estas recomendacións dependerán totalmente da precisión que consigamos obter na análise da tose.

Outra aplicación interesante podería ser dende o punto de vista das autoridades, pois como as gravacións inclúen xeolocalización en principio podería ser posible detectar novos focos de contaxio. Para isto, o método de análise podería integrarse nalgunha das apps que se están desenvolvendo para o control das próximas vagas da epidemia. Neste sentido, a OMS xa se puxo en contacto con nós en relación á app que están a desenvolver para a xestión do COVID-19.

“A app podería axudar tamén a detectar novos focos de contaxio”

– Como se ve a situación desde Suíza do que está a pasar en Galicia e España, no referente á resposta científica á crise?

– Non podemos pretender que a ciencia nos resolva problemas urxentes. Dende logo, a solución a esta pandemia só pode vir e virá da man da ciencia, pero non principalmente do que se investigue nestes poucos meses, senón de liñas consolidadas que levan décadas xerando o coñecemento que precisamos neste momento.

Cando máis pronto ca tarde apareza unha vacina ou un tratamento eficaz, sempre haberá quen estea tentado a pensar que todo se fixo en 5 ou 6 meses, e na miña opinión esa é a peor conclusión á que se podería chegar. Un investimento forte e constante en investigación é o único que nos pode preparar fronte a este tipo de situacións, aínda e cando non saibamos a que nos imos ter que enfrontar.

– Cales son as súas liñas de investigación en Lausana?

– Traballo principalmente no desenvolvemento de novos algoritmos de intelixencia artificial para a monitorización de sinais biolóxicas dende o punto de vista da eficiencia enerxética, de cara a desenvolver dispositivos de seguimento vestibles (wearables) que sexan eficientes e precisos. Por exemplo, un dos proxectos nos que estou traballando é o desenvolvemento dunhas gafas para a detección de ataques epilépticos mediante a monitorización do electroencefalograma.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.