A Academia salienta que ‘a Ciencia Galega estivo á altura nesta crise’

A Real Academia Galega de Ciencias celebrou no Colexio Fonseca de Santiago un acto de homenaxe aos investigadores que traballan sobre a Covid-19

As científicas e científicos das tres Universidades Galegas elaboraron máis de 150 propostas de investigación na procura de solucións directas fronte a Covid-19. Nun acto, celebrado no Salón nobre de Fonseca, presidido pola Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, os Reitores das Universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e a Vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, foron premiados 20 proxectos de investigación (9 da USC, 7 da UVigo e 3 da UdC), financiados por diversas institucións como o Instituto de Salud Carlos III, Axencia Galega de Innovación (GAIN), Fondo Supera-Covid, Fundación Amancio Ortega, Sergas, Tragsa, Augas de Galicia e EdardeBens, realizados nas tres Universidades Galegas.

O presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio subliñou que “A Ciencia Galega soubo estar á altura das circunstancias, respondendo cun gran dinamismo e ilusión, fronte a crise e amosando unha extraordinaria vocación de servizo á Sociedade, o que demostra unha vez mais a necesidade de manter un tecido científico de calidade”.

Publicidade

Os proxectos encadráronse en seis diferentes áreas. Na primeira, na que se procura unha detección precoz da infección mediante o análise das augas residuais, realízanse os proxectos liderados por Margarita Poza, Claudio Cameselle, Jesús Lopez Romalde e Juan M. Lema. Avalíase a carga de material xenético do virus nas depuradoras de augas e nos colectores municipais de un total de 20 cidades e vilas de Galicia.

Mediante a modelización matemática, nos proxectos de Iván Area, Jorge Mira,  Angel Miramontes e Ricardo Cao preténdese determinar o impacto futuro da infección baixo diferentes supostos e analizar a súa distribución xeográfica. Os modelos resultan de grande interese á hora de valorar o impacto potencial de diferentes medidas preventivas que se podan tomar.

Publicidade

Na terceira área, orientada a novas vacinas, presentáronse os proxectos dirixidos por María José Alonso , que busca unha estratexia mellorada para a dosificación da vacina mediante nanotecnoloxía , e por Javier Montenegro e José M. Martinez Costas que aplican conceptos orixinais para desenvolver vacinas fronte ó SARS-Cov2.

O traballo de Angel Carracedo, encadrado na área de “Biomedicina” pretende encontrar determinantes xenéticos de risco e biomarcadores xenómicos de resposta e o de David Posada  pretende avaliar a modificación xenética do virus ó longo do tempo. Por outra banda, Federico Mallo realiza un ensaio clínico para o tratamento da neumonía provocada polo virus.

Para mellorar a eficiencia, precisión e rapidez dos procesos de  diagnose de persoas infectadas pola covid-19 o traballo de Jorge Pérez Juste propón metodoloxías innovadoras para novos procedementos de detección e os de Jacobo Porteiro e Marcos Ortega desenvolven sistemas baseados en intelixencia artificial para axilizar os análises, clasificar mellor os pacientes, estimando a súa gravidade e predicindo a súa evolución.

Finalmente no bloque destinado á desactivación do virus, Juan M.Garrido explicou o desenvolvemento do procedemento e a produción de 20.000 botellas de hidroxel para o Sergas, Fermín Navarrina, sobre a destrución da la cápside do virus mediante resonancia e Higinio González presentou un sistema de desinfección mediante dispersión de líquidos e sistemas aéreos non tripulados.

O Reitor da USC agradeceu, en nome das tres Universidades, o esforzo dos investigadores para traballar, baixo unha grande presión e en condicións moi difíciles, tratando de poñer en valor a ciencia como resposta ás demandas da sociedade.

Finalmente, a Conselleira de Educación, Universidades e Formación profesional puxo de relevo os resultados das políticas do goberno galego para o financiamento de grupos, agrupacións estratéxicas e centros de investigación universitaria en Galicia e en aproveitar o momento de prestixio social cara á ciencia para conseguir un recoñecemento ao labor silencioso dos investigadores.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos