Premiados coas Medallas de Investigación da RAGC, xunto ao presidente Feijoo e o presidente da RAGC, Juan Lema.

A Academia bríndase a traballar no Pacto pola Ciencia en Galicia

O acto académico do Día da Ciencia en Galicia, celebrado en Compostela, rendeu homenaxe ao Científico Galego 2020 na persoa do enxeñeiro Andrés Comerma

O presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan M. Lema Rodicioagradeceu o compromiso da Xunta de promover un Pacto pola Ciencia en Galicia, iniciativa impulsada pola RAGC para dinamizar o modelo socioeconómico do futuro, e ofreceu a colaboración da institución para a súa concepción. Ademais, amosou a súa satisfacción pola boa acollida que tivo por parte dos axentes políticos e académicos de Galicia a recomendación realizada pola RAGC de establecer un programa forte para a atracción e retención estable de talento investigador en Galicia. Segundo lembrou Lema, estas recomendacións partiron do informe da RAGC sobre a evolución da produción científica galega e das posteriores reunións con investigadores e cos responsables das tres universidades e dos centros do Consello Superior de Investigacións (CSIC) en Galicia.

Mesa presidencial do acto do Día da Ciecia en Galicia en Fonseca.

Durante a súa intervención no acto académico do Día da Ciencia en Galicia, o presidente da RAGC destacou tamén a resposta rápida e eficaz dos investigadores e investigadoras de Galicia ante a crise da Covid-19. Entre os numerosos avances protagonizados por equipos científicos galegos para contribuír á resposta global ante a pandemia, Lema mencionou o deseño e desenvolvemento de vacinas, o estudo da dependencia entre a infectividade e o xenoma, modelos preditivos da evolución de contaxio, técnicas de detección precoz mediante a análise das augas residuais e novos procedementos de desinfección e detección.

O acto, celebrado no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, estivo presidido por Lema e polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Asistiron, entre outras personalidades, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o coordinador do CSIC en Galicia, Antonio de Ron; e o almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Antonio Duelo.

Os familiares de Andrés Comerma pousan no claustro de Fonseca.

Luis Puig, un dos bisnetos de Andrés Comerma, foi o encargado de glosar a figura deste polifacético enxeñeiro, elixido este ano protagonista do Día da Ciencia en Galicia. Puig destacou o carácter visionario e audaz do seu bisavó como responsable do deseño do Dique da Campá no Arsenal de Ferrol –a obra máis importante realizada en Galicia no século XIX e que, polas súas dimensións, se converteu nun dos máis grandes do mundo na súa época–, así como do proxecto para unir Europa e África mediante a construción dun túnel submariño de 19 km. baixo o estreito de Xibraltar. Puig tamén lembrou a paixón de Comerma pola innovación tecnolóxica, ata o punto de que actuou como introdutor en Galicia de numerosas invencións punteiras naquela época, como a telefonía e os raios X.

Na conmemoración desta homenaxe participaron tamén o Consello da Cultura Galega e o Concello de Ferrol, que colaboraron na edición dunha monografía que recolle os principais fitos da traxectoria científica, persoal e social de Comerma, así como un roteiro que percorre os puntos máis emblemáticos da cidade de Ferrol relacionados con él.

Medallas e premios de investigación

Durante o acto foron entregadas as Medallas de Investigación da RAGC a cinco científicos de prestixio en cada unha das súas cinco seccións, aos que Lema felicitou polas súas excelentes traxectorias.

Recibiron a distinción José Manuel Sabucedo, catedrático de Psicoloxía Social da USC (Medalla Domingo García-Sabell Rivas); Xosé Ramón Nóvoa, catedrático de Química da UVigo (Medalla Isidro Parga Pondal); Luis Miguel Botana, catedrático de Farmacoloxía da USC (Medalla Ánxeles Alvariño); Carlos Salgado, director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC (Medalla Enrique Vidal Abascal); e Jesús Simal, catedrático de Nutrición e Ciencia Alimentaria da Uvigo (Medalla Antonio Casares Rodríguez).

Foto de familia dos galardoados cos Premios de Investigación 2020.

Tamén se fixo entrega dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo, para os que, segundo subliñou o presidente da RAGC, se recibiron nesta edición cerca de 90 candidaturas. O Premio de Investigación 2020 foi recollido polos responsables do descubrimento dunha ferramenta para a reprogramación celular que abre novas portas ao estudo e ao tratamento de enfermidades coma o cancro e as doenzas autoinmunes. O equipo galardoado está liderado polos grupos de Epitranscriptómica e Envellecemento e de Células Nai e Enfermidades Humanas do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC e conta coa participación de grupos científicos de Reino Unido, Estados Unidos, China, Australia e Canadá.

O enxeñeiro Raúl Santoveña, do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, recolleu o premio para investigadores mozos. O seu traballo, publicado o mes pasado na prestixiosa revista Nature Communications, baséase no descubrimento dun novo tipo de estrelas moi ricas en fósforo, o que podería desvelar a orixe deste elemento fundamental para a vida na Terra.

En ambas as dúas categorías foron entregadas hoxe mencións honoríficas. No caso do premio a investigadores sénior, a no enxeñeiro Jesús Balado, do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de VigoNa categoría de investigadores mozos, a Esteban Suárez, do grupo Nanobiomol do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.