O telescopio James Webb desprega con éxito o seu parasol

A estrutura, do tamaño dunha cancha de tenis, é imprescidible para protexer o observatorio da luz e do calor e manter fríos os instrumentos científicos

“Un momento crítico”. Así definiu a astrofísica viguesa Begoña Vila o despregamento do parasol do telescopio James Webb. Unha estrutura do tamaño dunha cancha de tenis que protexe o observatorio da luz e calor do Sol, da Terra e da Lúa. Unha función imprescindible e igualmente complicada que logrou resolverse onte con éxito. Ese “momento crítico” xa pasou á historia e o James Webb viaxa polo espazo co seu parasol correctamente despregado. Un “fito clave”, segundo afirmaron dende a NASA, para que o observatorio máis potente da historia poida levar a cabo as súas operacións científicas.

Máis en detalle, o parasol é unha gran estrutura formada por cinco capas. Cada unha das láminas de plástico que o compoñen son tan finas como un cabelo humano e están cubertas dun material reflectante que protexe ao telescopio da luz e do calor. De feito, estas cinco capas son tan protectoras que conseguen reducir a exposición do Sol: de 200 kilovatios a unha fracción de vatio. A función do parasol é imprescindible para o James Webb, posto que esta estrutura garante que os instrumentos científicos estean a moi baixas temperaturas. Teñen que manterse moi fríos para captar a luz infravermella que o Webb trata de atopar.

Publicidade

“Despregar o parasol do Webb no espazo é un fito incrible, crucial para o éxito da misión”, di o director do programa dende a NASA, Gregory L. Robinson. “Miles de pezas tiveron que traballar con precisión para que esta marabilla da enxeñaría se despregara por completo”, continúa explicando. De feito, é a primeira vez que lanzan ao espazo un telescopio tan grande. É máis, o parasol tivo que dobrarse para caber dentro de Ariane 5, o cohete no que o Webb foi lanzado ao espazo.

Máis de cinco meses para a súa configuración

Aínda que o proceso xa finalizou, a súa complexidade estendeuse ao longo de oito días. Primeiro, dúas estruturas que levaron ao observatorio á súa lonxitude total. Despois, o conxunto da torre de despregamento, que serviu para dar espazo e separar o telescopio e os instrumentos do parasol. O terceiro paso foi a aleta de impulso de popa e as cubertas da membrana, que se soltaron e despregaron. Despois, os brazos intermedios e finalmente, a tensión completa do parasol, que se levou onte a cabo, e marcou o final do proceso.

Publicidade

De todas formas, isto só acaba de comezar. Quedan por diante máis de cinco meses ata a súa completa configuración. Estímase que o Webb poida comezar a capturar fotografías en xuño deste ano. Os seguintes pasos serán o despregamento do espello secundario e as ás do espello primario, o aliñamento da óptica do telescopio e a calibración dos instrumentos científicos. E logo xa estará todo listo para ver todo o que o Webb nos poida ensinar. E as súas pretensións son revolucionarias: explorar o universo, coñecer as galaxias máis temperás e comprender as nosas orixes. Un proxecto ambicioso que naceu da man da NASA, da Axencia Espacial Europea (ESA) e da Axencia Espacial Canadense.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Carlos García-Galán: “Chegar á Lúa é o primeiro paso, agora o obxectivo é vivir alí permanentemente”

O director do proxecto 'Moon Base' da NASA visita Galicia para analizar os desafíos científicos e tecnolóxicos de crear unha base humana no satélite

Como escribe a Terra o teu nome? Descúbreo con esta ferramenta da NASA

O programa Landsat conta co espazo “Your name in Landsat”, que recolle unha galería de imaxes satelitais que amosan accidentes xeográficos en forma de letras.

Conta atrás para o regreso de Artemis II: calor extrema, silencio e amaraxe no Pacífico

A tripulación da nave Orión revisa os protocolos finais e prevé o descenso fronte á cidade de San Diego na madrugada do sábado, hora española

De Apolo a Artemis: cincuenta anos de misións lunares a través das súas imaxes

As fotografías tomadas polas tripulacións da NASA ao longo do tempo documentan os primeiros sobrevoos do satélite