Detectan por primeira vez átomos de osíxeno na atmosfera dun exoplaneta

Investigadores do Instituto de Astrofísica de Andalucía e outros centros realizan o achado no planeta KELT-9b, con temperaturas que impiden a vida

Por que os exoplanetas son tan diferentes aos do Sistema Solar? Esa é a pregunta que, durante máis de dúas décadas, trata de responder a astronomía. Sen ir máis lonxe, en 1995 achouse o primeiro planeta extrasolar e hoxe xa hai máis de 4.000 catalogados. Un dos principais obxectivos da ciencia é entender as atmosferas destes astros. Por iso agora un equipo internacional, con participación do Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC), publica o descubrimento de átomos de osíxeno no exoplaneta KELT-9b, a primeira vez que se detecta nun planeta fóra do Sistema Solar. O estudo acaba de ser publicado en Nature Astronomy.

Malia todo isto, KELT-9b é o exoplaneta máis quente coñecido. A súa temperatura diurna acaba máis de 4.000 graos. Foi descuberto en 2017 e trátase dun xigante gaseoso parecido a Xúpiter. A diferenza deste último, a temperatura de KELT-9b é tan alta que se podería fundir ferro. E nestas condicións, por moito que se achase osíxeno, é imposible que se desenvolva a vida. O motivo polo que consegue acadar unhas temperaturas tan extremas débese a que xira moi preto da súa estrela anfitrioa. De feito, consegue completar a órbita en tan só 36 horas. Dende o seu descubrimento, os astrónomos tratan de entender como é posible que non se desintegre, malia estar tan preto da estrela.

Publicidade

Método dos tránsitos

Segundo informan dende a Agencia SINC, para o estudo das atmosferas destes planetas faise uso do método dos tránsitos: pequenos eclipses producidos cando o planeta pasa por diante da súa estrela. Así, durante o tránsito a luz da estrela anfitrioa atravesará a atmosfera do planeta, permitindo estudar as características físicas e a composición de dita atmosfera.

“O noso equipo detectou as pegadas do osíxeno atómico no espectro do planeta. Dado que KELT-9b é un planeta xigante gaseoso moi quente, esta detección non é un indicio da presenza de vida, pero é a primeira detección definitiva de átomos de osíxeno na atmosfera dun exoplaneta”, afirma Francesco Borsa, investigador do Osservatorio Astronomico dei Brera (INAF, Italia) e director do estudo, en declaracións á Agencia SINC.

Publicidade

De feito, esta detección foi posible grazas a un modelo informático (o máis avanzado ata estas datas) para o estudo das atmosferas dos exoplanetas quentes. Dito modelo coincidía coas observacións doutros compostos da atmosfera de KELT-9b e tamén predicía que os datos deberían mostrar a presenza de átomos de osíxeno.

Análise das observacións

Os investigadores volveron a analizar as observacións anteriores, obtidas co telescopio de 3,5 metros do Observatorio de Calar Alto (Almería). Os resultados confirmaron a predición do modelo: o osíxeno xa estaba alí, pero non fora detectado con anterioridade. “A concordancia entre o modelo e as observacións é un fito na nosa exploración dos planetas fóra do sistema solar: demostra que agora podemos crear modelos realistas de exoplanetas e mellorar significativamente a nosa capacidade para comprender as atmosferas dos máis quentes”, destaca Denis Shulyak, investigador do IAA que participa no descubrimento.


Referencia: High-resolution detection of neutral oxygen in the atmosphere of an ultra-hot exoplanet. (Publicado en Nature Astronomy)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectada por primeira vez a atmosfera dun planeta rochoso nunha zona habitable

O achado, publicado na prestixiosa revista Science, supón un fito importante na busca de vida máis alá do noso sistema solar

Blanca Landa, experta en covid das plantas: “Adestramos cans que xa detectan vexetais infectados”

A investigadora do CSIC coordina un proxecto europeo para mitigar o impacto de 'Xylella fastidiosa', unha bacteria capaz de afectar máis de 700 especies

Descuberto un intrigante mundo de tamaño similar á Terra

O exoplaneta Gliese 12 ten características parecidas a Venus e está a 40 anos luz de distancia

Un novo exoplaneta desafía as teorías clásicas de formación planetaria

Un equipo de astronónomos descobre LHS 3154b, cunha masa similar a Neptuno, orbitando preto dunha estrela anana de moi baixa masa