Cometas, eclipses e chuvias de estrelas: estes son os eventos astronómicos de 2023

Este mesmo mes, ademais de chuvias de meteoros, poderá verse un cometa que levaba sen pasar preto da Terra máis de 50.000 anos

Un eclipse solar nunha imaxe de arquivo | Pixabay

Se se bota un ollo cara atrás na historia do descubrimento do espazo e a astronomía, 2022 será un ano dificilmente superable. Durante o pasado ano, a NASA asombrou a medio mundo con escenas cósmicas capturadas polo Telescopio Espacial James Webb; a misión DART colocou un asteroide nunha nova órbita; Artemis I puxo á humanidade nun novo proxecto de regreso á Lúa; e a China terminou de construír unha nova estación espacial en órbita, entre outras ducias de logros da ciencia arredor do planeta. Malia todo, nos ceos galegos, este novo ano 2023 pode ser tamén interesante e entretido. Por iso, lembramos algúns dos eventos astronómicos que se poderán ver nos próximos meses dende terras galegas.

Catro eclipses a partir da primavera

Unha eclipse é un evento que ocorre cando un obxecto astronómico ou unha nave espacial escurece temporalmente, ao pasar á sombra doutro corpo ou ao pasar outro corpo entre el e o observador. Esta aliñación de tres obxectos celestes coñécese como sicixia. Á parte de sicixia, o termo eclipse tamén se usa cando unha nave espacial alcanza unha posición na que pode observar dous corpos celestes aliñados. Unha eclipse é o resultado dunha ocultación ou dun tránsito deste tipo.

Tódalas fases da Lúa nunha foto de arquivo | Imaxe de lee seonghak en Pixabay

O termo eclipse é usado con maior frecuencia para describir unha eclipse solar, cando a sombra da Lúa cruza a superficie da Terra, ou unha eclipse lunar, cando a Lúa se move cara á sombra da Terra. Con todo, tamén pode referirse a tales eventos máis aló do sistema Terra-Lúa.

Este ano, acontecerán estes catro, aínda que o que se percibirá sen problema dende Galicia será o último:

  • 20 de abril: eclipse solar mixto
  • 5 de maio: eclipse lunar penumbral
  • 14 de outubro: eclipse solar anular
  • 28 de outubro: eclipse lunar parcial

Chuvias de estrelas: máis alá das Perseidas

As chuvias de estrelas son un fenómeno que pode ser visto, coa única condición de que contes co equipo necesario e te atopes nun sitio despexado e por completo escuro. Con todo, neste 2023, as etapas de choivas como as líridas (abril) as perseidas (agosto) e as xemínidas (decembro) chegarán ao seu punto máximo nos días próximos á lúa nova. A ausencia de brillo do satélite natural axudará moito á visibilidade destes fenómenos.

Unha estrela fugaz capturada por Aleksandar Pasaric en 2022

Unha chuvia de meteoros é un evento no que se observa un grupo de meteoros radiando desde un só punto no ceo. Estes meteoros son causados, principalmente, por cascallos que ingresan á atmosfera a velocidades moi altas. Nunha choiva de meteoritos, estes refugallos adoitan ser o resultado das interaccións dun cometa coa Terra, onde o material do cometa se desprende da súa órbita, ou cando é a propia Terra a que cruza esa órbita. A maioría dos meteoros son máis pequenos que un gran de area e, polo tanto, case sempre se desintegran e non alcanzan a superficie do planeta.

Estes refugallos ingresan á atmosfera a gran velocidade e entran en combustión, formando as chamadas estrelas fugaces. Calquera planeta do sistema solar cunha atmosfera razoablemente transparente pode ter choivas de meteoritos.

  • 3-12 de xaneiro: Cuadrántidas
  • 16-25 de abril: Líridas
  • 28-29 de xuño: Delta Acuáridas
  • 13-14 de agosto: Perseidas
  • 9-10 de outubro: Dracónidas
  • 21-22 de outubro: Oriónidas
  • 17-18 de novembro: Leónidas
  • 13-14 de decembro: Xemínidas

Un cometa que non se vira dende hai 50.000 anos

Se falamos de cometas, este ano haberá un evento significativo. Procedente dos confíns do sistema solar, o cometa C/2022 E3 (ZTF) volverá cruzar o ceo terrestre tras unha longa ausencia de 50.000 anos, e podería ser visto a primeira ollada a finais de xaneiro e comezos de febreiro.

Imaxe do cometa C/2022 E3 (ZTF) | NASA

É un pequeno corpo rochoso e xeado, dun diámetro de apenas 1 kilómetro, descuberto en marzo de 2022 polo programa Zwicky Transient Facility (ZTF), que opera o telescopio Samuel-Oschin do Observatorio Pombal, en California. Foi detectado cando pasaba pola órbita de Xúpiter, e esta semana pasará preto do Sol. Alcanzará o seu perihelio, é dicir o punto máis próximo ao Sol, o 12 de xaneiro, segundo os astrónomos, que puideron calcular a súa traxectoria tras meses de observación.

Cando un cometa se achegue ao Sol, o xeo que contén o seu núcleo pasará a estado gaseoso e soltará unha longa cola que reflicte a luz do astro rei. Este ronsel brillante é o que poderá observarse desde a Terra, inicialmente no hemisferio norte, a medida que C/2022 E3 (ZTF) se vaia achegando.


Neste calendario interactivo da NASA podes atopar absolutamente todos os eventos astronómicos perceptibles dende Europa durante todo o ano 2023.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.