
Explicación: unha Lúa vella e as estrelas de Orión erguíanse por riba do horizonte leste o 10 de agosto. O minguante da Lúa aínda brillaba abondo para estar sobreexposta nesta instantánea tirada desde outro gran satélite do planeta Terra, a Estación Espacial Internacional. Unha luminescencia verdescente perfila a atmosfera sobre o limbo da noite do planeta. Por baixo, as luces das cidades e os alustros das tormentas aparecen sobre o México meridional. A toma tamén captura a aparición dunha forma rara de lóstregos da atmosfera superior, un gran espectro vermello collido por riba dun flash dun alustro no extremo dereito. Mentres o movemento orbital da estación espacial fai que as luces da cidade se emborronen e deixen un ronsel durante a exposición, o flash extremadamente breve do espectro vermello aparece definido. Aínda que agora se sabe que están asociados coas tormentas, moito dos espectros seguen a ficar no misterio, incluíndo como acontecen, o seu efecto no circuíto eléctrico atmosférico global e se están relacionados dalgún xeito con outros fenómenos de lóstregos da atmosfera superior coma os chorros azuis ou os flashes gamma terrestres.
GCiencia realiza unha reserva expresa das reproducións e usos das obras e outras prestacións accesibles desde este sitio web a medios de lectura mecánica ou outros medios que resulten adecuados a tal fin de conformidade co artigo 67.3 da Real Decreto - lei 24/2021, do 2 de novembro // Auditado por GFK












