Tiburóns na costa galega

As quenllas peláxicas son organismos asombrosos que permanecen durante todo o seu ciclo vital nun ambiente oceánico extremadamente oligotrófico, polo que percorren miles de millas en busca de zonas máis ricas onde alimentarse. Entre estes animais atópase a quenlla azul ou ‘tintoreira’ (Prionace glauca), un escualo cosmopolita oceánico de gran distribución mundial, frecuente en todos os océanos tropicais e tépedos  do planeta.

Galicia atópase na súa área de distribución habitual e non resulta estraño observar exemplares novos a poucas millas da costa galega, como se aprecia no seguinte vídeo que obtivemos nunha saída peláxica fronte ás Illas Cíes.

Publicidade

O que resulta do todo inusual é atopar esta especie en augas someras como praias e portos. Con todo, isto é o que estivo a acontecer con relativa frecuencia durante estes últimos dous anos no noso litoral.

Quenllas no peirao de Muros. Foto: Toño Maño
Quenllas no peirao de Muros. Foto: Toño Maño

Por iso, animámonos a realizar un rexistro destes estraños eventos o que nos permitiu analizar o fenómeno en detalle dando como resultado o seguinte estudo, que proximamente sairá publicado no  Journal of Fish Biology: Observations of newborn blue sharks Prionace glauca in shallow inshore waters of the NE Atlantic Ocean onde se presentan novos datos sobre este sorprendente e novo comportamento.

Publicidade

O devandito estudo describe como nos últimos dous anos, durante os veráns de 2014 e 2015, incrementouse inesperadamente a presenza de neonatos e xuvenís en augas costeiras pouco profundas de Galicia.

Quenllas no porto de Muros. Fotos: Toño Maño e Rafa Bañón.
Quenllas no porto de Muros. Fotos: Toño Maño e Rafa Bañón.

Tamén se analizan diferentes causas para tan insólito comportamento, como son certas variacións nas condicións oceanográficas, altos niveis de recrutamento da especie, ou cambios nas áreas de cría tradicionais coñecidas.

Esta publicación foi posible en boa medida grazas ás achegas desinteresadas de organizacións conservacionistas como a CEMMA e dun importante número de persoas que, desde de todos os puntos de Galicia, rexistraron e comunicaron as súas observacións destes tiburóns, case sempre acompañándoas de valiosos vídeos e fotografías. Agradecemos profundamente este esforzo e compromiso, que supón un claro exemplo do concepto de ciencia ciudadá, e que está a axudar a rexistrar e a describir diversos fenómenos mesmo a escala global (como ECOCEAN, ver post sobre quenllas balea).

Dado o valor destas observacións, resulta crucial dar continuidade no tempo ao rexistro deste tipo de información para realizar análises máis fondas e obter conclusións máis sólidas sobre este fenómeno. Isto debería permitir confirmar a persistencia destes comportamentos e baixo que circunstancias acontecen.

Animámosvos a seguir informando de novas citas e observacións de quenllas. E non só de ‘tintoreras’ ou quenllas, senón tamén de quenllas peregrino (Cetorhinus maximus) que adoitan visitarnos na primavera e verán (tentaremos marcar algúns exemplares con transmisores, neste caso é crucial que nos avisedes canto antes, para poñernos en marcha), así como doutras especies que poidan ser de interese.

Xuvenil de Prionace glauca. Fonte: Marcados para sobrevivir (BEC)
Xuvenil de Prionace glauca. Fonte: Marcados para sobrevivir (BEC)

Podedes comunicar as vosas observacións a través das seguintes canles: mensaxes nas páxinas de Tiburones de Galicia, Ecología Azul e G+ ou un correo electrónico a apristurus69@gmail.com / ecologia.azul@gmail.com. Ou ben, a través das canles habituais como o 112 ou poñéndovos en contacto coa CEMMA ou con calquera outra asociación ambiental que coñezades, para que polo menos quede algunha constancia do voso rexistro.

IMPORTANTE: Canta máis información nos fagades chegar, mellor, pois máis completos serán os resultados ao finalizar a tempada: día, hora, posición, zona xeográfica e datos sobre o lugar, tamaño aproximado, o comportamento do exemplar ou exemplares, sexo, etc. É máis que recomendable achegar unha ou dúas fotografías con referencia visual de tamaño (é dicir, colocando á beira do exemplar un obxecto como unha moeda ou un reloxo para determinar o tamaño), se é posible unha instantánea da zona ventral, para confirmar sexo e a presenza de cicatrices umbilicais.

Referencia: Rafa Bañón, Toño Maño, Gonzalo Mucientes (2016). Observations of newborn blue sharks Prionace glauca in shallow inshore waters of the NE Atlantic Ocean.  Journal of Fish Biology.

Ecoloxía azul

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla