Reciclar palabras para falar de reciclaxe

Hai uns poucos días vin en Twitter un chío do Departamento de Educación Ambiental de Sogama que falaba da “exposición de fotografía sobre reciclaxe Upcycling“. A deformación profesional levoume a fixarme na palabra inglesa e na forma en que parece identificarse con reciclaxe.

“Outra vaca no millo!”, pensei; “Outros que lle chantan unha palabra inglesa a algo que xa ten nome en galego, para ver se así parece máis moderno!”. E empecei a buscar información pensando en dedicarlle este apuntamento d’Un idioma preciso ao tal upcycling. E xa ven que o estou facendo, pero teño que dicirlles que metín a pata.

Publicidade

E metina porque no material que atopei descubrín que reciclaxe e upcycling non significan o mesmo; así que non podo despachar o asunto dicíndolle algo como “usen a primeira e esquezan a segunda”. Temos primeiro que determinar que é cada cousa e despois atopar o nome que mellor lle acae (e o mesmo para o seu parente downcycling).

Por comezar polo máis coñecido, a reciclaxe é a práctica de valorización que consiste someter un obxecto a un proceso de transformación que permite incorporalo —a el ou a parte dos seus compoñentes— no proceso de fabricación dun produto semellante ou con función análoga. Por exemplo, botellas de vidro poden transformarse en novas botellas.

Publicidade

En teoría, este ciclo podería ser infinito (por iso se representa con este logotipo); pero outras veces estes procesos de valorización acaban producindo obxectos de valor superior ou inferior ao dos orixinais. E aquí é onde entran en xogo os nosos dous anglicismos:

  • O upcycling é a modalidade de reciclaxe que é quen de transformar materiais ou produtos que xa non se usan noutros de calidade ou utilidade superior. Facémolo ao convertermos tarros de vidro en lámpadas, chanclas en obxectos decorativos ou cámaras de rodas en roupa e accesorios deportivos. Esa idea do valor superior represéntase en inglés co up-; e en galego podemos optar por un procedemento semellante, botando man do prefixo supra para construír suprarreciclaxe ou supraciclaxe.
  • Á modalidade de reciclaxe que só transforma os materiais orixinarios noutros de calidade ou utilidade inferior, ou que teñen ciclos de vida máis curtos (converter papel de escritura en cartón, rodas en pavimentos…), chámaselle en inglés downcycling, aplicando o mesmo patrón do caso anterior. Do mesmo xeito, en galego podemos falar de infrarreciclaxe ou infraciclaxe.

Vemos, pois, que non fai falta importar palabras para referirse a estes dous novos conceptos. É mellor reciclar materiais do propio galego (o susbstantivo reciclaxe e os prefixos supra- e infra-) para construír novos termos (suprarreciclaxe, infrarreciclaxe) que se van adaptar perfectamente ao noso ecosistema lingüístico. Algo que non se pode dicir das palabras inglesas, que obrigarían a forzar as regras de escrita e de pronuncia do galego.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gumersindo Feijoo: “Os nosos fillos e netos vivirán menos se abandonan a dieta atlántica”

O catedrático de Química da USC e director científico do CRETUS ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

As doce razóns polas que non funciona a reciclaxe de plástico

As limitacións técnicas, económicas e de deseño fan que a maioría do plástico nunca se recicle de forma efectiva

Reciclar metais é un negocio prioritario a nivel ambiental, económico e xeopolítico

Xestionar aluminio require un menor consumo de enerxía e emite menos gases de efecto invernadoiro que extraelo da natureza

O IGFAE colabora na detección da fusión de buracos negros máis grande xamais observada

Os centros LIGO-Virgo-KAGRA anuncian a identificación dunha onda gravitacional que abre novas perspectivas no estudo destes eventos cósmicos