Cinco anos. Ese foi o tempo que nos levou preparar una revisión Cochrane sobre un tema tan reducido como é o tratamento da psoríase con pastillas ou inxectables. Para os médicos, resumir o coñecemento científico sobre un tema de forma fiable é una tarefa titánica. Como exemplo, no ano 2017 publicáronse máis de un millón de artigos médicos, de calidade e valor práctico moi variables. Só de psoríase hai máis de 45.000 artigos publicados. É simplemente imposible lelos todos.
No ano 1993, Ian Chalmers liderou a creación dunha organización para aportar una solución a este problema: a Colaboración Cochrane. A Colaboración Cochrane é una organización internacional que coordina o traballo de máis de 10.000 voluntarios en máis de 90 países para resumir a mellor información sobre tratamentos médicos. Cada revisión Cochrane dá resposta a unha pregunta sobre o tratamento dunha enfermidade. Para escribilas, emprégase un método propio moi estricto: primeiro búscase toda a información, selecciónase a máis fiable (os experimentos chamados ensaios clínicos), extráese e avalíase toda a información e agrúpase empregando métodos estatísticos.
A revisión Cochrane resume en poucas páxinas a información extraída de milleiros de documentos
As revisións vanse actualizando para engadir os novos achados. Unha revisión Cochrane condensa en poucas páxinas a información extraída de milleiros de documentos. Pero ademáis de resumir, estas revisións tamén filtran a información válida, e avalían a credibilidade dos resultados. A Colaboración Cochrane ten mellorado moitísimo a atención médica: os médicos saben dela e empregan os seus resultados para tomar decisións baseadas no saber científico.
Pero cando falamos de aspectos sociais probablemente máis importantes, porque nos afectan a todos, como son o ensino, a xustiza, a economía, ou o benestar, a impresión é que as decisións baseadas no coñecemento científico son excepcionais. É utópico un goberno baseado no coñecemento científico?
A Colaboración Campbell busca facer accesible o coñecemento científico en materias sociais
En 1999, pouco despois da creación da Colaboración Cochrane, apareceu unha organización xemelga, a Colaboración Campbell, para facer accesible o coñecemento científico en materias sociais. Uns exemplos de preguntas que atopan resposta nas Revisións Campbell serían: que medidas mostraron a súa eficacia para reducir a violencia dentro da parella?, e para facilitar a creación de pequenas empresas?, e para reducir as expulsións nos centros escolares? É eficaz concentrar a atención policial nos puntos onde hai máis delincuencia? Os sistemas de videovixilancia reducen a delincuencia? Do mesmo xeito que as revisións Cochrane, as revisións Campbell seleccionan a información mais fiable para obter respostas baseadas no método científico.
Un inconveniente da Colaboración Campbell é que, aínda que podemos encontrar algúns resumos en español, a maior parte da información está en inglés. Ademáis, o número de revisións non é moi elevado e para moitos temas non encontraremos información, ou ben os achados serán que a información disponible non é fiable. Aínda así, parece imprescindible incorporar o coñecemento científico á toma de decisións en ciencias sociais.
Chegará o día en que a Colaboración Campbell sexa unha pregunta obrigada nas oposicións e todos os xestores e políticos saiban dela?