Perú é un país moi atractivo en canto a biodiversidade, tanto terrestre como mariña. Se falamos de flora calcúlase que alberga unhas 25.000 especies vexetais (un 10% do total mundial); se nos centramos nas aves podemos atopar unhas 1.879 especies (das cales 139 son endémicas), o que representa o 19% do total do mundo e o 60% da avifauna de América do Sur, situándose como o segundo país con máis especies a nivel mundial despois de Colombia, que ostenta o primeiro posto cunha maior diversidade de aves. No eido mariño, ata o momento están identificadas, a modo de resumo, unhas 750 especies de peixes, 872 de moluscos, 412 de crustáceos, 45 de equinodermos e 240 de algas.
As augas peruanas presentan un gran valor en canto a conservación de tiburóns
As augas peruanas presentan un gran valor en canto á conservación das quenllas. Isto contrasta fortemente cunha carencia en iniciativas de xestión e a falta de estudos sobre a súa bioloxía, ecoloxía e pesca. Aínda así, Perú atópase entre os 12 principais países exportadores de aletas de quenlla no mercado de Hong Kong. Aínda que o goberno rexistra pesos totais por especie, número de exemplares descargados, así como parámetros poboacionais (por exemplo, sexo, tamaño e peso), estes datos non son reportados. Ademais, para algúns xéneros, a identificación a nivel de especie é deficiente, sobrestimándose a biomasa descargada a nivel de especie e subestimándose a diversidade específica (Gonzalez-Pestana et al.).
A literatura existente, como a guía de tiburóns de Perú entre outras publicacións, tenta botar luz sobre a identificación dos escualos para o público en xeral. Con todo non se dispoñía, ata o momento, dunha listaxe profunda e completa sobre as especies de elamobranquios presentes nas ricas augas peruanas, información básica para levar a cabo plans de xestión e conservación efectivos (que comezan timidamente a implementarse neste país).
Coa intención de encher este baleiro, foi publicado recentemente un interesante e actualizado traballo sobre as especies de condrictios rexistradas ata o momento en augas de Perú: An updated checklist of Chondrichthyes from the southeast Pacific of Peru, publicado na revista científica especializada en temas de biodiversidade, e de acceso libre, CheckList.
No devandito traballo contabilizáronse un total de 115 especies (aproximadamente o 9% de total mundial), que inclúe 66 especies de quenllas, 43 de raias ou mantas, e 6 de quimeras. Preséntanse nel 9 novos rexistros para este país e un recente descubrimento, ademais de comentarios e actualizacións sobre as distribucións xeográficas.
Segundo Dulvy et al. (2014) case a metade das especies coñecidas de condrictios están avaliadas baixo a clasificación de ‘Datos Insuficientes’, segundo a IUCN. Mesmo información básica, como é a presenza ou ausencia nos diversos ecosistemas mariños do mundo, é escasa. O presente rexistro actualizado pode proporcionar unha base sólida para un sistema de xestión de pesca mellorado dacordo ao establecido no Plan de Acción para a Conservación e Xestión das Quenllas (FAO 1999) e o recentemente aprobado Plan Nacional de Acción para a Conservación e Xestión de Quenllas, Raias e Especies Afíns no Perú.