Dío en inglés, que queda máis moderno: o caso dos ‘badges’

Se algunha vez cursastes un MOOC, estaredes familiarizados cunha palabra coa que eu batín hai unhas poucas semanas, ao rematar a miña primeira experiencia de formación por esta vía. Xa comezara algún outro, pero… ai, a falta de constancia!

Pois resulta que ao pouco de acabalo, recibín unha mensaxe que me convidaba a descargar o badge que acreditaba a miña formación. Era unha situación curiosa: velaí estaba eu sen saber que era o que me ofrecían descargar para demostrar que superara o curso.

Publicidade

Unha consulta rápida á Wikipedia permitiume aclarar esta primeira dúbida: estábanme ofrecendo un certificado dixital (normalmente baixo a forma dun ficheiro de imaxe) que acredita que unha persoa completou un determinado curso, ou adquiriu unha especialización, habilidade ou competencia concretas.

Pero a información que a mesma Wikipedia ofrece sobre os badges físicos —dos que tomaron o seu nome os dixitais— levoume a outra pregunta: se en inglés aproveitaron unha denominación existente para reutilizala cunha nova realidade, ten xeito que en galego importemos a palabra estranxeira? Unha palabra, ademais, que non sería nada doada de integrar, nin baseándonos na grafía nin apoiándonos na pronuncia.

Publicidade

Se en galego a eses mesmos obxectos físicos lles chamamos distintivo ou insignia —pensaba eu— non sería lóxico aproveitar esas palabras para bautizar a súa versión dixital? E mirade por onde, veu avalar as miñas intuicións nin máis nin menos ca Microsoft.

Buscando no seu Portal Lingüístico (que ofrece a posibilidade de consultar e descargar coleccións de terminoloxía, guías de estilo e traducións de interfaces de usuario en múltiples idiomas) descubrín que nas súas aplicacións empregan tamén distintivo para referirse a esas pequenas iconas ou imaxes. Se a iso lle engadimos que esa mesma forma é a recomendada para portugués e para español (á beira de insignia, neste caso), creo que temos argumentos abondos para arrombar definitivamente a importación da palabra inglesa.

Por iso, desde o Servizo de Normalización Lingüística aconsellamos empregar distintivo ou insignia (se se quere completados co adxectivo dixital) e evitar falar de badges.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

Como revivir a lingua

Estas son as estratexias das marcas para recuperar o galego, dende o derbi galego ata Inditex. Por Andrea Veiga

O novo acordo lingüístico permitirá impartir Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química en galego

Os centros educativos poderán decidir a repartición das materias na ESO, respectando o equilibrio do 50% entre os dous idiomas

Celta vs. Deportivo: dúas formas de reivindicar a lingua galega dende o fútbol

As estratexias de comunicación de ambos clubes buscan reforzar o vínculo coa afección e coa cultura do territorio a través do idioma