Venres 26 Abril 2024

Pagar as autovías con recortes de Mafalda?

A vindeira medida sobre as peaxes por circular neste tipo de estrada pon o foco sobre a cuestión do futuro sistema de pagamento: por uso, ou por viñeta?

Levamos xa ben meses oíndo falar de que imos ter que pagar peaxes por circular polas autovías en España, pero parece que desta vai, e que a medida se vai aprobar nos vindeiros días. Un dos asuntos que falta por aclarar é o futuro sistema de pagamento: cobrarannos por cada quilómetro que percorramos ou polo dereito a usar as autovías?

O primeiro sistema coñécese como pagamento por uso e xa o empregamos actualmente cando queremos circular por unha autoestrada de peaxe. Para a segunda alternativa, os medios están empregando un nome que resulta ben estraño para os oídos dun galegofalante: pagamento por viñeta… Viñeta? Imos pagar logo con recortes de Mafalda ou d’O Bichero?

Publicidade

Non se fagan ilusións, que abofé que non… a tal palabriña é un regalo envelenado que nos chega do francés, desde onde pasou cara a outras linguas. Nese idioma, vignette é un anaco de papel emitido por unha Administración, que se pega sobre un obxecto ou un documento para acreditar o pagamento dun dereito ou dunha taxa (algo semellante ao noso timbre). Por iso, cando en Francia se regulou que para circular por determinadas estradas habería que aboar unha taxa cuxo pagamento se acreditaría pegando un adhesivo no parabrisas do vehículo, tiña todo o sentido reutilizar esa palabra.

Xa ten moita menos lóxica que en galego fagamos o mesmo e carguemos a palabra viñeta con ese novo significado‚ “moi afastado dos que tiña ata o momento”, simplemente porque é a mesma palabra que se usa en francés. A este proceso chámaselle falso amigo e é o mesmo que provoca as confusións coas cousas espantosas que atopamos en Portugal.

E se viñeta é unha mala opción, como lle poderiamos chamar logo a esa forma de pagamento? Pois con algunha palabra galega que describa ben as súas características básicas. Xa mencionamos que unha posibilidade sería timbre; pero se pensamos nunha pequena etiqueta de material plástico, que se vai pegar ao parabrisas (algo coma isto?) e que nos vai identificar como usuarios autorizados, adhesivo ou distintivo serían moi boas alternativas. De feito, a primeira delas xa se está empregando en medios de comunicación en galego.

E nas linguas da nosa contorna? Pois flutúan entre as que manteñen unha postura máis purista, como o español (que aposta por distintivo), e outras que asumen con naturalidade (ou resignación?) a importación do falso amigo do francés, coma o portugués (vinheta) ou o catalán (vinyeta).

Resumindo, as autovías acabarémolas pagando por uso ou por adhesivo (por timbre, se se prefire). Pero non tería moito sentido, “lingüístico”, pagalas por viñeta.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Desertización ou desertificación: o deserto faise ou facémolo?

As dúas palabras existen en galego pero difiren no significado, diferenciando entre o proceso natural e o inducido pola acción do home

O “solraio”, un tiburón de fóra cun nome de fóra

Unha exemplar desta especie de tiburón de augas profundas foi avistado por primeira vez en augas galegas a semana pasada

As “guerras xurídicas”, ou cando os xuíces fan política

O anglicismo "lawfare" fai referencia ao uso ilexítimo que os poderes xudiciais fan do sistema legal, mais en galego non se debe empregar ese termo

O “nabo do diaño”, un suplantador de identidades

Un home morreu en Bergondo a causa dunha intoxicación alimentaria pola inxestión de tubérculos da planta, denominada en galego "pé de boi"