Cambio, troco, change, exchange, wechsel… cripto!

As casas de cambios, habituais en Europa antes do euro, son agora un elo esencial no mundo cripto: aquí contamos máis

Cartel de casas de cambio, moi habitual antes da entrada en vigor do euro.
Cartel de casas de cambio, moi habitual antes da entrada en vigor do euro.

Non me compliquei moito para a canción de hoxe: foi buscar exchange, ver Massive Attack e telo claro. Din que a música que nos marca é a da nosa adolescencia e mocidade. Este grupo ten un oco importante na miña memoria musical. Recordo ler que para rebaixar a importancia da Guerra do Golfo, as radios británicas evitaban dicir frases bélicas, así que eles decidiron chamarse “ataque masivo”. Hai cousas que non cambian. Esta non é a súa mellor canción, pero si unha boa canción para ler e logo deixarse levar polo modo aleatorio de Youtube. Espero que che guste.

A semana pasada falabamos da montaña rusa nas cotizacións das criptomoedas. A montaña rusa é divertida, pero pode marear. Se estás neste blogue é para aprender como funciona este novo parque de atraccións, tan complexo e á vez tan apaixonante. Hoxe quero falarche dunha peza fundamental, case imprescindible para o mundo cripto, as casas de cambio.

Os exchanges son moi importantes porque son a porta de entrada, e a de saída, ao mundo cripto. O seu papel vai alén de simples intercambiadores, xa que tamén custodian, ofrecen servizos engadidos e por tanto xestionan unha enorme cantidade de criptomoedas. Algúns mesmo os chaman os bancos de blockchain.

O cartel que ves ao comezo deste artigo era moi frecuente nos 90. Anunciaba, en varios idiomas, que ese banco podía intercambiar moedas. O euro non existía, as tarxetas de crédito non eran tan populares nin as súas comisións tan baixas, así que o normal cando viaxabamos a outro país era cambiar o noso diñeiro. De feito, non quedaba outra opción que pagar unha suculenta comisión por intercambiar “papeis” que si funcionaban nas tendas dese país. Hai cousas que non cambian. Lembro ver eses carteis sendo un adolescente, e pensar se algunha vez chegaría algún turista alemán a cambiar os seus marcos ao meu pequeno barrio, mentres no meu discman soaba Massive Attack.

Como usar casas de cambio (exchanges) de criptomoedas

Unha casa de cambio é unha empresa que intercambia unha moeda por outra, neste caso unha moeda normal (euro, dólar, peso…) por unha criptomoeda. Por ese servizo cobra unha pequena comisión. A operativa é sinxela, e non moi diferente dun banco en liña.

Se unha casa de cambio tradicional cambia uns billetes por outros, de forma física, unha casa de cambio cripto pedirache que mediante transferencia bancaria ou mediante tarxeta de crédito/débito lle envíes diñeiro, que a casa de cambio engadirá ao teu saldo unha vez recibido. Na súa páxina web verás o teu saldo e poderás facer os intercambios que desexes. Por exemplo 100 euros por 0,0032 BTC (bitcoins), polo que pagas unha comisión de 1,5%. É dicir 1,5€. Felicidades, xa tes bitcoins.

How to Buy Bitcoin on Coinbase, Step by Step (With Photos) - Bitcoin Market Journal

Desde ese momento, poderás acceder á túa conta no exchange e volver cambiar os bitcoins por outra criptomoeda ou por euros outra vez. Tamén poderás enviarlle a cantidade que queiras da criptomoeda á conta que queiras, neste caso terás que pagar as comisións de envío da rede bitcoin (ou da criptomoeda que sexa) e ás veces un extra para o exchange.

Beginner's Guide: How to Transfer from Coinbase to Binance

En resumo: comprar, vender, enviar e recibir. Non é preciso ser un hacker, pero hai varios detalles a ter en conta.

O primeiro é que terás que confiar en que a páxina web da casa de cambio sexa lexítima, xa que vas facer unha transferencia bancaria a unha conta seguramente situada noutro país da Unión Europea (probablemente Estonia). Unha boa práctica é fixarte en que no teu navegador a dirección da páxina é a que se supón que é.

O segundo é que cando cambias os teus bitcoins, a casa de cambio gárdachos xentilmente sen cobrarche nada, é o que se chama custodia. Por iso deberás confiar novamente na casa de cambio e a súa estabilidade a longo prazo.

Hoxe en día os principais exchanges están bastante regulados, pero no seu momento non o estaban, ou residían en xurisdicións estrañas, ou eran máis vulnerables a hackeos. De feito houbo casos nos que os fondos do exchange se volatilizaron. Como o famoso caso de MT Gox, que en 2014 foi hackeado, perdendo 850.000 bitcoins.

Entón ao final teño que confiar nun terceiro? Pero isto non ía de non ter que confiar en ninguén, que ninguén controla nada?

Para cambiar diñeiro por criptomoedas, existen alternativas como as redes de intercambio entre particulares ou plataformas seguras de intercambio como Hodl Hodl, son máis incómodas pero é factible. Tamén existe teoricamente a posibilidade de minar criptomoedas (poñer o teu computador a traballar como parte da rede blockchain e recibir parte das comisións) pero a nivel práctico é case imposible para xente normal. Así que para intercambio, o máis sinxelo acaba sendo un exchange.

Para a custodia en cambio, si que existen alternativas reais e cómodas. Existen programas chamados wallet (moedeiro ou  billeteira), que podes instalalos no teu computador, o teu móbil ou mesmo un dispositivo de seguridade independente (hardware wallet). Ese programa proporciónache un número de conta (clave pública) e unha clave de acceso (seed phrase ou clave privada). Por tanto, só terías que enviar as túas criptomoedas do exchange ao número de conta da túa wallet, e xa estarías ti mesmo custodiando as criptomoedas. A wallet permíteche volver envialas onde queiras, xa que se comunica coa rede blockchain. Pero, e aquí vén o pero: se perdes ese contrasinal, non hai forma de recuperar as túas criptomoedas. É literalmente imposible!

Exodus - Your 12-word phrase is your private keys all...

É probable que escoitases historias de persoas que perderon as súas criptomoedas. En realidade o que perderon é o contrasinal que lles dá acceso ás criptomoedas. E como en  blockchain non manda ninguén, ninguén pode recuperar o teu contrasinal. Soa raro, pero se o pensamos ben, cando o banco nos cambia o PIN da tarxeta da conta, ou Gmail  nos recupera o contrasinal é porque tanto o diñeiro como os nosos correos electrónicos están completamente nas súas mans, podendo eventualmente negarnos o acceso.

Se es unha persoa minimamente precavida imaxino que isto pode darche un pouco de vertixe. A min tamén. Por iso moita xente prefire o risco de que a casa de cambio desapareza fronte ao risco de que o contrasinal se perda ou sexa roubado. É a túa elección.

Moi ben entón que exchange recomendas?

A miña recomendación sempre é que investigues por ti mesmo. Pero lembra que tes á túa disposición unha guía moi simple para empezar en cripto, e que tes as miñas recomendacións en Notion, cunha ligazón de afiliados con algunhas vantaxes para ambos. As páxinas de información como Coingecko, ofrecen tamén unha listaxe de exchanges e a súa confiabilidade.

Entón non deixa de ser isto igual que os bancos? Tantas voltas para isto?

Si, se os exchanges gardan as túas criptos, entón convértense en bancos. Para o bo e para o malo.  Incluídos a cantidade de servizos extra que ofrecen como  trading, trading con crédito (margin trading), staking, tarxetas de crédito, pedir ou ofrecer préstamos, as súas propias criptomoedas…

De feito Coinbase, unha das casas de cambio máis coñecida, segura, sinxela e cara, comezou a cotizar en bolsa en abril, con todas as regulacións que iso implica. De feito xa foi investida, entre outros, polo BBVA e postúlase como a gran referencia mundial regulada dos exchanges. Un banco-cripto.

Pero, á vez que isto sucede, no ano 2020, utilizando os smart contracts, comezáronse a crear  exchanges descentralizadas (DEX) como Uniswap ou 1inch. Tamén moitos outros servizos financeiros como préstamos, seguros, produtos derivados… Todos eles creados enteiramente en blockchain grazas sobre todo á posibilidade que ofrece Ethereum de facer aplicacións descentralizadas. Este movemento chámase DeFi, ou finanzas descentralizadas. Está a dar e vai dar moito que falar, tamén neste blogue.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.