O disco da nave Genesis tras o impacto en Utah. Foto: NASA.

O disco da nave Genesis tras o impacto en Utah. Foto: NASA.

“Un prato voador aterrou en Utah”, chancéase a NASA

A imaxe do día da axencia espacial recorda a rocambolesca historia da misión Genesis para capturar partículas do Sol

O disco da nave Genesis tras o impacto en Utah. Foto: NASA.

O disco da nave Genesis tras o impacto en Utah. Foto: NASA.

A NASA tira a veces de sentido do humor para a súa sección APOD (A Picture of the Day), na que publica unha fotografía diaria relacionada co mundo da astrofísica e da conquista do espazo. Desta volta, o titular non podía ser máis abraiante: “Un prato voador aterrou no deserto de Utah“, publicado este domingo. Pero detrás do que semella un ovni, hai unha historia aínda máis espectacular. A NASA fai unha broma porque, en realidade, ten que recordar un fracaso que fai honor a un dos seus lemas máis famosos: “Todo o que pode saír mal… sairá mal“.

Porque esta publicación da NASA é un recordatorio icónico dos contratempos na nosa historia da navegación espacial. E por que é necesario coidar cada misión espacial ata o máis ínfimo detalle… “Un prato voador do espazo exterior estrelouse no deserto de Utah despois de ser rastrexado por un radar e perseguido por helicópteros”, afirma a descrición da foto , aínda que a NASA non está a insinuar unha visita de extraterrestres.

O prato esnafrado, medio soterrado na area do deserto, era en realidade a cápsula de retorno da nave espacial Genesis. E supoñíase que non debía aterrar dun xeito tan brutal. Lanzada o 8 de agosto de 2001, a misión foi o ambicioso esforzo da axencia espacial por enviar unha nave espacial ao vento solar da nosa estrela, reunir mostras e devolvelas á Terra.

Ao recompilar datos sobre a composición das partículas cargadas que flúen desde a coroa solar, os investigadores esperaban determinar con precisión a composición da estrela e aprender máis sobre os elementos que existían cando se formaron os planetas do Sistema Solar. Para traernos mostras de vento solar, a nave Genesis estaba equipada cunha cápsula de retorno que contiña un recipiente de materiais de vento solar, reunidos cando a nave pasou dous anos orbitando o punto 1 de Lagrange , un dos lugares no espazo onde se equilibra a gravidade da Terra e do Sol.

Científicos da NASA analizan os restos da Genesis.

Científicos da NASA analizan os restos da Genesis.

A nave capturou o vento solar ao despregar unha serie de colectores, cada un cargado con materiais de alta pureza como aluminio, zafiro, silicio e mesmo ouro. “Os materiais que utilizamos nos conxuntos de colectores Genesis tiñan que ser fisicamente fortes dabondo para ser lanzados sen romper; reter a mostra durante a radiación solar, e ser tan puros para poder analizar os elementos do vento solar despois do retorno á Terra”, explicou o científico do proxecto Amy Jurewicz o 3 de setembro de 2004.

Cinco días despois, esa cápsula de mostra estrelouse contra o chan en Utah, a unha velocidade estimada de 310 km/h. O que se supoñía que ía suceder era bastante diferente: 127 segundos despois de volver entrar na atmosfera, unha detonación liberaría un paracaídas preliminar para retardar e estabilizar o descenso. Logo, un paracaídas principal íase inflar, proporcionando á cápsula un suave descenso sobre Utah.

Na foto do accidente , podemos ver helicópteros, que estaban preto, listos para enganchar a cápsula no aire e transportala directamente a unha sala limpa para evitar a contaminación das mostras.

Despois dunha investigación exhaustiva, o erro foi identificado: un conxunto de sensores, apenas do tamaño do extremo metálico dun lapis, estaban instalados ao revés. Malia ao accidente, o equipo do proxecto recuperou calquera cousa que aínda puidese ser recuperada e estudada. Afortunadamente, a misión do Genesis non se arruinou por completo, mesmo despois dunha chegada tan dramática da cápsula da mostra.

Algúns dos materiais resistentes dos colectores sobreviviron, e os investigadores lograron limpar as superficies sen alterar o material solar incrustado no interior. Nun prazo de tres anos, unha serie de artigos foron publicados sobre os achados de Genesis.

Grazas á destemida misión, aprendemos detalles sen precedentes sobre a composición do Sol e as diferenzas elementais entre a nosa estrela e os planetas internos do Sistema Solar.

Así que non: isto non era un prato voador nin un ovni procedente do espazo exterior como se chancea estes días a NASA. Pero a abraiante imaxe ten detrás unha historia definitivamente moi interesante…

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.