Sábado 20 Abril 2024

Premio para unha tese de Vigo sobre recuperación de solos de minas

Leva dúas semanas en Brasil comezando unha nova etapa profesional, pero Verónica Asensio fixo as maletas coa ilusión de ver recoñecido o seu traballo científico na Universidade de Vigo. E é que a Sociedade Española da Ciencia do Solo premiou a súa tese de doutoramento como a mellor do 2013 neste eido. Investigadora da Facultade de Bioloxía no laboratorio de contaminación do solo, centrou a súa tese na calidade dos solos das minas, comparando os chans degradados con aqueles que foron sometidos a tratamentos de recuperación para determinar cal é o mellor tratamento. Para iso realizou diferentes determinacións físicas, químicas e biolóxicas nas mostras dos solos das distintas zonas dunha mina e, con todos estes datos, elaborou un índice de calidade de solos de mina que conclúe que “o mellor tratamento, en liñas xerais, é o uso combinado de residuos con compoñentes orgánicos mais a plantación de vexetación”.

Verónica Asensio continúa coa súa investigación na Universidade de Sao Paulo, en Brasil

Segundo conta M. Del Río no DUVI, despois de presentar a súa tese, dirixida por Emma Fernández Covelo, Asensio acadou unha bolsa de posdoutoramento da Fundação de Amparo à Pesquisa do Estado de São Paulo para traballar na universidade desta cidade brasileira durante dous anos. Coa vista posta no longo prazo, recoñece que lle gustaría volver a España como investigadora, “pero tal e como están as cousas, e non creo que cambien en pouco tempo, véxoo bastante difícil”. Adaptándose nestas primeiras semanas ao cambio de continente, Verónica Asensio recoñece que tanto ela como a directora da súa tese, Emma Fernández Covelo, están “moi agradecidas, é para nós unha honra que a Sociedade Española da Ciencia do Solo elixise esta tese como a mellor do ano” e lembra que “para as persoas que estamos comezando na investigación é moi gratificante saber que o noso traballo é apreciado pola comunidade científica do noso ámbito”. Aínda que o xurado non lle comunicou os puntos fortes da investigación que a fixeron valedora do premio, considera que “o feito de que sexa unha tese internacional e que en gran parte estivese xa publicada en revistas de alto índice de impacto contribuíu á decisión do tribunal avaliador”.

Publicidade

Pinos e eucaliptos

No seu estudo, Asensio analiza os tratamentos de recuperación de solos de minas para determinar cal ou cales son máis efectivos para aumentar a calidade tanto física como biolóxica dos mesmos. Tras estudar diversas zonas dunha mina de cobre en desuso, tanto tratadas como non tratadas, conclúe que o mellor tratamento para incrementar a calidade dos solos de mina é plantar vexetación e emendalos con lodos de depuradora e residuos de fábrica de papel”.

A idea de Verónica Asensio parte do feito de que “a baixa calidade dos solos de mina implica graves problemas ambientais, fundamentalmente a contaminación por metais e acidificación”. A recuperación destes terreos é polo tanto fundamental, pero para iso é preciso determinar cales son os procesos e produtos máis beneficiosos. A investigadora explica que os tratamentos de recuperación máis comúns neste tipo de chans son plantar vexetación e emendar con residuos, pero non existían apenas traballos sobre os efectos que teñen estes dous sistemas empregados individualmente ou ben combinados “e en condicións de campo”. Ademais, a investigadora tamén apostou por traballar nun método para avaliar a calidade dos solos tratados, que ata o momento non existía. 

Os restos de fábricas de papel e de depuradoras axudan a recuperar os solos



Deste xeito a súa tese centrouse en dous obxectivos principais. Por unha banda tratou de avaliar cal é o mellor tratamento para incrementar a calidade dos solos de mina: vexetar con pinos e eucaliptos, emendar con residuos ou ambas técnicas á vez. En segundo lugar decidiu elaborar un índice de calidade para chans de balsas de flotación e de entulleiras de minas vexetados con árbores e emendados con residuos. Comparou os resultados obtidos en solos localizados nunha entulleira e nunha balsa de flotación dunha antiga mina de cobre e analizou cada tipo de terreo, tanto as áreas non tratadas (que actúan como control) como as vexetadas, as emendadas con residuos e con ambos tratamentos combinados. Os resultados amosaron que os mellores resultados de incremento da calidade se obteñen neste último caso, combinando a vexetación co uso de lodos de depuradora e residuos de fábrica papel

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Un estudo senta as bases para clonar os castiñeiros máis resistentes e produtivos

O traballo, elaborado por Ricardo Castro da Universidade de Santiago, céntrase nos mecanismos reguladores da rexeneración de raíces adventicias

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas