Venres 19 Abril 2024

Dez medidas urxentes para recuperar Combarro

O pasado 16 de febreiro caía totalmente destruído un hórreo no pobo de Combarro, e o feito non era anecdótico nin illado, senón o síntoma dun problema real: o deficiente estado de conservación destas construcións populares, as máis significativas do Conxunto Histórico de Combarro. Ante esta grave situación un grupo de profesionais, encabezados polo profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Rafael Vallejo, puxéronse mans á obra na elaboración dun informe urxente de actuación, un documento que xa está rematado, segundo informa o Duvi. O plan describe 10 medidas básicas para conservar o seu patrimonio cultural no horizonte, no ano 2022, do 50 aniversario da súa declaración como conxunto histórico.

Os profesionais urxen un pacto institucional para salvagardar un patrimonio en “grave perigo de perda”

A presentación do informe, de cuxos resultados xa foron informados o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e os partidos con representación política no Parlamento galego, tivo lugar este mércores no Consello da Cultura Galega, no marco do Seminario Os conxuntos históricos no borde marítimo galego, un encontro coordinado por Vallejo, experto en Historia das Institucións Económicas, e o arquitecto Iago Seara.

Publicidade

As medidas propostas son as seguintes:

1. Diagnose rigorosa

A primeira das dez medidas propostas consiste na realización dunha diagnose rigorosa sobre a situación socioeconómica e patrimonial do Conxunto Histórico de Combarro por parte das administracións públicas galegas. “Para isto sería desexable, desde o noso punto de vista, lograr un gran pacto municipal e un compromiso extraordinario dos poderes públicos galegos”, subliñan os autores, ao tempo que fan fincapé en que se trata de lograr unha iniciativa conxunta que salvagarde os valores propios de Combarro “hoxe en grave perigo de perda irreversible”. Conscientes das dificultades financeiras polas que atravesan as corporacións municipais, reclaman como “máis urxente ca nunca” a actuación coordinada do conxunto das administracións públicas, máis aló da cor política de quen goberna. “Salvagardar un conxunto histórico de Galicia, irrepetible como este, tería que formar parte dos consensos básicos que deberían presidir a política en Galicia”, subliñan no informe.

2. Enquisa aos residentes

Ligado ao anterior, figura á realización dunha enquisa á poboación de Combarro residente no Conxunto Histórico na que sexan os propios residentes os que teñan a oportunidade de amosar a súa percepción, as súas necesidades e as súas aspiracións. “O que vaia suceder non ten que ser decisión exclusiva das elites político-administrativas ou intelectuais; ten que ser froito da decisión voluntaria dos seus habitantes”.

3. Revisión do Plan Especial

Cos resultados da enquisa na man, os autores do informe destacan a necesidade de actualizar o estado de conservación dos espazos e as vivendas e as necesidades en materia de urbanismo.

4. Área de rehabilitación

Creación dunha área de rehabilitación integral sustentada con fondos europeos, do Goberno central e de recursos autonómicos e locais, con implicación directa do Concello de Poio e da Xunta.

5. Restauración de hórreos

Posta en marcha dun plan permanente de conservación e restauración de hórreos, que inclúa a inspección periódica, o asesoramento técnico aos particulares e subvencións para a súa preservación.

6. Máis vivendas en aluguer

O informe recomenda a compra por parte da Xunta e do Concello de Poio do parque inmobiliario de vivendas en ruína, levando a cabo obras de rehabilitación modélicas e converténdoas en vivendas sociais, a ser posible en réxime de aluguer.

7. Soterramento dos cables

Eliminación do tendido aéreo de todo tipo de cables en toda a área de protección do Conxunto Histórico, procedendo ao seu soterramento nun prazo máximo de tres anos e uniformando os puntos de luz (farolas, etcétera)

8. Mellora de accesos

O plan de actuación incluiría a aplicación por parte do Concello de Poio das recomendacións efectuadas no informe do Seminario de Estudios Carlos Velasco en 2008 de mellora de accesos ao conxunto histórico, así como a pavimentación con pedra do país de todos os espazos públicos de Combarro.

9. Concellaría específica

Creación na corporación municipal de Poio dunha concellería dedicada exclusivamente ao Patrimonio Cultural, dada a importancia do patrimonio deste concello, que inclúe non só o conxunto histórico, senón tamén atractivos coma o Mosteiro de Poio, a Área Arqueolóxica da Caeira ou os muíños de Samieira.

10. Plan piloto de excelencia turística

Deseño e aplicación, nunha acción concertada do Concello de Poio, a Deputación Provincial de Pontevedra e de Turismo de Galicia dun Plan Piloto de Excelencia Turística que poida servir de modelo para a súa aplicación a outros conxuntos históricos de Galicia.

1 comentario

  1. Non sempre que vou a Combarro fago un recorrido polo casco antiguo. si o fixen esta fin de semana e volvín a comprobar con desagrado os grandes cambios producidos nos últimos anos. O marxe das boas actuacións que as hai, percíbese en outros casos un grado de abandono evidente . os usos que os veciños veñen facendo dos seus locais non axuda precisamente a mellorar está percepción. calquer iniciativa que revirta está situación ten de entrada o meu incondicional apio.

    un saúdo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un libro sobre Manuel Colmeiro pecha as homenaxes ao Científico Galego do Ano

Tamén colocan unha placa na súa memoria na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC

Dez anos fomentando a curiosidade

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, felicita a Gciencia polo seu décimo aniversario

De Angola a Suecia pasando por Nova Zelandia: estes son os países con hórreos ‘galegos’

O arquitecto Fernando Cerqueira asegura que hai máis de 40 estados con "graneiros elevados" que servían para almacenar os cereais

Cambiar de modelo forestal e outras medidas para frear a expansión do eucalipto en Galicia

O Consello da Cultura Galega publica un informe que analiza o impacto sobre o patrimonio cultural e natural das especies forestais de rápido crecemento