A amizade, o mellor analxésico do mundo.

A amizade, o mellor analxésico do mundo.

Cantos máis amigos teñas, máis resistencia á dor terás

Un estudo demostra que as persoas con círculos de amizade máis grandes son máis tolerantes á dor física

Din que os amigos son a familia que eliximos, as persoas que temos ó noso carón nas boas, e tamén os primeiros en aparecer cando as cousas van mal. Un apoio incondicional que ademais, fai aumentar a nosa resistencia á dor física.  De acordo a un recente estudo realizado pola Universidade de Oxford e publicado na revista Nature, canto maior sexa o círculo de amigos dunha persoa, maior resistencia mostrará ás doenzas.

O estudo titulado O tamaño da rede social humana determina a resistencia á dor, comprobou a relación entre os limiares da dor e as dimensións do círculo social, demostrando que as persoas con grandes grupos de amigos teñen un maior nivel de endorfinas. Unha sustancia química producida polo corpo que está vinculada aos sentimentos de pracer, reduce a incomodidade física e constitúe un analxésico natural en toda regra, máis potente incluso que a morfina, de acordo con investigacións anteriores.

As interaccións sociais están vinculadas ao noso benestar físico e mental

Como parte da investigación, 101 voluntarios de idades comprendidas entre 18 e 34 anos completaron un cuestionario sobre a súa vida social e de personalidade antes de someterse a unha medición do seu nivel de resistencia á dor. Esta consistiu na realización dun exercicio físico de cuadríceps que consistía en poñerse en crequenas contra unha parede, coas costas rectas e os xeonllos en ángulo recto, e permanecer nesa posición ata non poder soportalo máis.

Os investigadores atoparon que as persoas cos círculos sociais máis grandes tiveron unha maior resistencia á dor. Ademais, os individuos máis desenvolvidos fisicamente tamén podían soportar a dor durante períodos máis longos, xa que a actividade física tamén promove a liberación de endorfinas.

Dalgunha maneira, este estudo tamén pon de relevo que é preciso coidar as interaccións humanas porque están vinculadas ao noso benestar físico e mental. Segundo explica Katerina Johnson, estudante de un doutorado en Psicoloxía Experimental e coordinadora do estudo: “Como especie, evolucionamos para prosperar nunha contorna social rica; e, en cambio, nesta era do dixital as deficiencias nas nosas interaccións sociais poderían ser un dos factores que pasamos por alto e poden estar a contribuír á deterioración da saúde da nosa sociedade moderna”.

Para máis información,
consulta o estudo completo na Revista Nature

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.