Venres 26 Abril 2024

WISE: un congreso para impulsar a igualdade e diversidade na Ecoloxía

Un equipo de investigadoras galegas impulsa o encontro, que se celebrará de forma virtual entre os días 4 e 6 de novembro

Un equipo de científicas, entre as que se atopan varias investigadoras galegas, puxeron en marcha o congreso internacional WISE (Women In Science-Ecology), un encontro virtual que  terá lugar do 4 ao 6 de novembro, e que procura poñer no foco a importancia da diversidade e igualdade na Ecoloxía, á vista do “insuficiente” número de mulleres investigadoras nesta rama do coñecemento, sobre todo nos máis altos escalafóns da carreira científica.

O congreso, que conta co apoio de institucións como a USC, a UVigo, a Asociación Española de Ecoloxía Terrestre, o Museum für Naturkunde de Berlín (Alemaña), EU-Horizon2020, e Transmitting Science, ten por obxectivo “xerar un espazo de diálogo no que detectar medidas e accións urxentes a implantar nas diferentes sociedades ecolóxicas para reverter a situación actua”, na que cada vez hai menos mulleres que chegan a postos de investigadoras postdoc e de Ramón e Cajal, a canteira das futuras profesoras de investigación do CSIC”, apunta o comité organizador. Esta situación “non se debe a que as mulleres carezan de ambición profesional, nin de orixinalidade científica”, explica Mar Sobral, investigadora da USC e unha das organizadoras do congreso, “senón de que as medidas para acabar con esta diferenza estrutural inxusta son claramente ineficientes e/ou inexistentes”.

Publicidade

Como mostra, destacan o chamado “efecto tesoira” da carreira investigadora, onde se visibiliza un patrón de perda de mulleres a medida que se ascende na carreira profesional, mentres que a taxa de homes dispárase en postos fixos e de responsabilidade. Unha tendencia que “non mellora desde 2008 se non que vai a peor, e que se repite a nivel mundial, independentemente do país ou da institución científica”, advirten as impulsoras de WISE.

O ‘efecto tesoira’ que lle corta o paso ás investigadoras galegas

WISE contará cos relatorios de 24 mulleres de renome mundial relacionadas co mundo académico que se atopan en diferentes estadíos da súa carreira profesional, e que falarán, desde a súa experiencia, sobre as diversas causas que deteñen ou dificultan as carreiras das mulleres en Ecoloxía, tales como a invisibilidade, a desigualdade nos coidados e a conciliación familiar ou o acoso. “É a primeira vez que se celebra un congreso sobre estas temáticas, xa que existen outras experiencias centradas no ámbito da investigación sobre igualdade e non desde o punto de vista persoal de científicas expertas noutros ámbitos e que falan da necesidade de igualdade”, explica Sara Varela, da UVigo, tamén integrante do Comité organizador.

Desigualdade

Para contar esta realidade, WISE conta con relatorios virtuais e mesas redondas de debate que poñerán o foco sobre as desigualdades que sofren moitas mulleres ecólogas na súa carreira profesional debido principalmente a que a academia carece das medidas ou non se establecen actuacións destinadas a fomentar a equidade no desenvolvemento do labor investigador. Tal e como sinala, a relatora convidada Joan Roughgarden, bióloga evolutiva e profesora xubilada da Universidade de Stanford, “existe a necesidade de que as mulleres científicas aspiremos a influír sobre a dirección do mundo académico no canto de simplemente adaptarnos a el”.

O desequilibrio nos coidados ou a conciliación familiar, será unha das principais temáticas deste congreso. Florencia Yannelli, ecóloga arxentina na Freie University de Berlín, será unha das relatoras invitadas que falará do peso que ten o sistema académico sobre a maternidade. Florencia conta como se viu afectada a nivel persoal e profesional, na decisión de ter fillos e no cando telos, o que se debe, na súa opinión, a que o ámbito académico aínda funciona como un ‘boys club’, “onde para ser competitivos hai que elixir non ter fillos ou ter alguén en casa para coidalos, un rol que recae maioritariamente nas mulleres. Todo isto empeorado por medidas de conciliación familiar igualitarias aínda insuficientes”, opina.

WISE pretende recoller 10 medidas a implementar en todas as sociedades de ecoloxía europeas para alcanzar a equidade

Outro dos temas clave de WISE, será as insuficientes medidas para protexer e evitar que haxa mulleres que teñan que enfrontarse a situacións de acoso no seu ámbito de traballo. Entre os relatorios convidados, este Congreso contará con casos de mulleres investigadoras que sufriron o acoso de compañeiros do seu mesmo grupo de traballo, e que viron como moitas institucións carecen de regulamentos ou códigos de conduta para xestionar estas situacións, e de medidas efectivas ante este tipo de comportamentos. Unha cuestión que “ocorre e repítese dentro do ámbito de traballo”, segundo denuncia a relatora convidada Marcia Barbosa, bioxeógrafa freelance.

O obxectivo principal de WISE, é, por tanto, abrir un debate sobre o rumbo de xénero na academia científica que contribúa tanto a visibilizar o problema como a urxir na procura de solucións. WISE pretende recoller unha lista de 10 medidas a implementar en todas as sociedades de ecoloxía europeas para alcanzar a equidade na carreira académica. “En WISE queremos identificar 10 problemas e 10 solucións a implementar en institucións e centros de traballo, para o que fai falta vontade social e política”, sinala Mar Sobral.

Outro dos rumbos de xénero aos que se enfronta WISE, é que do total de 100 persoas rexistradas ao Congreso a nove días do seu comezo, o 97% das participantes son mulleres e só un 3% de homes apuntáronse. O que, en opinión de Antonio Martínez Cortizas, xefe do grupo ECOPAST, promotor do Congreso e participante, é “un indicativo da falta de interese – ou mesmo oposición activa -, que non deixa de ser un reflexo da situación actual”, lamenta.

Este Congreso ademais de chegar ás sociedades científicas, quere alcanzar ás administracións locais e autónomicas, xa que se tratarán medidas que, segundo Sara Varela, “reverterán nun avance na I+D+i do noso país, porque o progreso científico pasa por acabar coa exclusión das mulleres investigadoras na procura de solucións e a toma de decisións”.

Máis inscricións e información no web do congreso WISE, nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os antepasados dos pontevedreses tiñan desgaste dental severo polo consumo de peixe

Un equipo da USC demostra a relación entre dieta e saúde bucal despois de analizar restos óseos de 34 individuos que viviron entre os séculos XIII e XVII

O novo Pacto pola Ciencia busca erradicar a fraude e fomentar a integridade no sector

Nun comunicado, as organizacións piden compromiso para reducir o teito de cristal, especialmente nas áreas do ámbito STEM

E se cortar a herba da Pampa non servise para nada?

O biólogo e investigador da UDC Alejandro Martínez aporta un novo enfoque sobre unha especie invasora en Galicia: "imponse só cando non lle fan sombra"

Clara Veiga: “En Santa Clara entramos nun mundo secreto e descoñecido para a maioría”

A responsable da exhumación dos restos óseos achados no convento pontevedrés declárase sorprendida pola austeridade dos enterramentos