Martes 16 Abril 2024

O ‘efecto tesoira’ que lle corta o paso ás investigadoras galegas

Un ‘efecto tesoira‘ corta a carreira das mulleres dende a súa formación académica ata o acceso aos postos directivos na carreira investigadora. Son maioría en todas as escalas dos estudos universitarios pero, cando se trata do mercado laboral, comeza unha fenda que as deixa en minoría. 22 por cento de catedráticas en Galicia, onde nunca houbo unha soa reitora.

Segundo o último informe estatístico do Sistema Universitario de Galicia, con datos de 2014, a presenza feminina nos sete campus galegos é, en xeral, superior á dos homes. Nese ano había matriculadas en ensinanzas de grao 32.741 (55 por cento) de mulleres fronte a 26.612 homes (45 por cento). As porcentaxes son semellantes nas persoas matriculadas en máster (42 fronte a 58), unha cifra que é idéntica á do persoal de investigación e servizos. Non en tanto, noutros eidos das universidades galegas, a fenda de xénero persiste.

Publicidade

Unha das súas principais manifestacións é o “efecto tesoira”, do que alertan as áreas de Igualdade das tres universidades galegas. É dicir, a medida que se avanza na escala investigadora, redúcese a porcentaxe de mulleres. Este fenómeno maniféstase de xeito especial no reducido número de catedráticas, só un 22 por cento do total, segundo as cifras do 2014. En termos absolutos, 162 mulleres e 560 homes.

Tamén persiste esta fenda no conxunto do persoal docente e investigador, Un 61 por cento (2.988) son homes, fronte ao 39 por cento de mulleres (1.924).

A porcentaxe de mulleres estudantes é do 60%, pero supoñen só un 22 por cento dos catedráticos

En canto aos órganos de goberno, ningunha das reitoras é muller. Non en tanto, as mulleres ocupan 4 das 9 vicerreitorías da USC, 4 de 7 na UDC e 3 de 7 na UVigo. Este cargo é unha das excepcións a unha norma na que se mantén bastante presente un número moi superior de homes nos cargos de responsabilidade e máis prestixio académico.

Para estudar e reverter algunhas destas situacións, as tres universidades galegas contan con cadansúa oficina de Igualdade, que velan polo cumprimento das políticas con perspectiva de xénero en canto a cifras, pero tamén no tocante á linguaxe que se emprega nos lugares de ensino e ás accións impulsadas desde estes organismos. E desde estas oficinas falan dalgúns resultados que, canto menos deberían invitar á reflexión.

No informe “A muller no eido científico, tecnolóxico e de transferenza do coñecemento en Galicia”, elaborado por expertas das tres universidades galegas, alértase do “efecto tesoira” que se produce á altura dos estudos de doutoramento. “Se ben as mulleres son maioría nos estudos de graos e posgrao (…), por algún motivo vense máis desincentivadas que os homes a finalizar as súas teses”.

Así o manifesta o informe da Fundación CYD para as universidades. Os datos sinalan que as mulleres son o 60% das persoas que aproban o grao e o 61 por cento das que completan un máster. Non en tanto, a porcentaxe feminina cae ao 49 por cento no número de teses de doutoramento aprobadas.

Na mesma liña se manifesta o Diagnóstico sobre a Igualdade na USC, no que se alerta de que, en numerosos eidos, “a universidade debería deseñar e implantar accións para mellorar a situación” ou ben as accións que se están levando a cabo “non son satisfactorias”.

Persisten tamén as grandes diferenzas nalgunhas áreas de coñecemento. En numerosas enxeñarías, sobre todo Informática, e titulacións do eido tecnolóxico, a presenza masculina segue sendo moito maior. Polo contrario, en outros graos, como o de Enfermaría, Educación Infantil, Educación Social ou Pedagoxía, as aulas están claramente feminizadas.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UDC patenta un sistema pioneiro que mide a postura vertebral en tempo real

Investigadores do CITENI crean unha tecnoloxía non invasiva e de baixo custo para mellorar o diagnóstico e tratamento das doenzas da columna

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Como medir as estrelas para revelar os misterios da Vía Láctea

Os investigadores do CITIC Xabier Pérez e Lara Pallas participan na misión Gaia, que pretende crear o maior mapa 3D da nosa galaxia

Unha científica galega secuenciará o xenoma da ‘herba de namorar’

A especie 'Armeria pungens' está presente nas illas Cíes, o único lugar de Galicia onde se pode atopar