Venres 26 Abril 2024

Galicia busca atraer e recuperar o mellor talento para impulsar a economía

Unha das máximas polas que deben apostar as economías desenvolvidas é a de contar co mellor talento posible no seu tecido investigador e emprendendor. Só deste xeito é posible anticiparse ás innovacións antes ca ninguén, e levar ao mercado estes avances de xeito eficiente e sustentable. Neste senso, unha das prioridades da Xunta de Galicia nos últimos anos é a aposta pola atracción e o retorno de persoal de alta cualificación para a súa incorporación ao tecido produtivo galego.

Neste ámbito, unha das últimas iniciativas é o novo programa Talento Sénior, co que a Xunta vai favorecer a contratación de investigadores doutores e profesionais de alta cualificación con traxectorias consolidadas para que desenvolvan proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación en empresas, organismos de investigación non universitarios e centros tecnolóxicos galegos.

Publicidade

O prazo de solicitudes está aberto ata 0 29 de outubro, e prevese apoiar 15 contratacións

Con esta iniciativa, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanece aberto ata o 29 de outubro, prevese apoiar un total de 15 contratacións de persoal con máis de cinco anos de experiencia na área da I+D+i .

As entidades beneficiarias contarán cun incentivo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), de 64.000 euros por cada contrato indefinido ou de duración igual ou superior a tres anos, no que deberán achegar ao profesional que se incorpore ao organismo un salario de cando menos 40.000 euros brutos por anualidade. Ademais, o persoal poderá estar contratado pola entidade beneficiaria da axuda desde o pasado 1 de xaneiro.

A convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, esixe a excelencia das propostas, e así, só se terán en conta aquelas que alcancen unha puntuación mínima do 60% do total dos puntos establecidos no baremo. Entre outros criterios, valorarase o perfil da persoa a contratar, a súa experiencia e traxectoria internacional, así como a condición de retorno e atracción. Ademais, tamén se prestará especial relevancia á presentación dun plan de igualdade de xénero no equipo do proxecto e que a persoa contratada sexa muller, primando tamén as contratacións indefinidas.

Entre os obxectivos deste novo programa, cunha dotación de preto dun millón de euros, que se pode ampliar en caso de ser necesario, búscase estimular a demanda de profesionais de alta cualificación tanto no sector público como no privado. Así, dos 15 contratos previstos para este ano, nove están reservados a empresas e seis a organismos de investigación non universitarios e centros tecnolóxicos.

Emprego e talento de alta cualificación

Esta iniciativa, que contribúe á mellora da competitividade das empresas e organismos públicos de investigación galegos, así como á creación de emprego de alta cualificación, compleméntase con outros programas impulsados pola Xunta para atraer talento.

É o caso do Oportunius, centrado en investigadores excelentes ERC. Desde 2014, data na que se puxo en marcha este programa, obtiveron asesoramento a través de diferentes encontros 180 investigadores, dos que 5 recibiron unha axuda deste organismo da Comisión Europea, encargado de apoiar a investigación de fronteira a través de financiamento competitivo en base á excelencia científica dos proxectos e á traxectoria académica dos investigadores.

No ámbito do emprego de alta cualificación, a Xunta tamén activou o programa Principia, unha iniciativa pioneira posta en marcha no ano 2016 para favorecer o mantemento do talento na Comunidade e o desenvolvemento da súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos vinculados á I+D+i. Desde a súa posta en marcha, o Principia ten permitido a incorporación de 372 profesionais menores de 35 anos en 158 entidades.

Os programas Principia e Oportunius xa teñen apoiada a contratación de centos de expertos

De feito, a Xunta vén de resolver a terceira convocatoria desta iniciativa, que permitirá a contratación de 110 mozos e mozas titulados en 59 entidades galegas. Mediante estes contratos, que deberán ter unha duración mínima dun ano, o Goberno galego busca abrir unha porta ao mercado laboral a universitarios ou titulados de FPII con pouca experiencia, xa que o programa está focalizado nos mozos e mozas menores de 35 anos con menos de 36 meses empregados na súa categoría profesional.

Nesta terceira convocatoria -que mobilizará 3,4 millóns de euros– o 93% das entidades beneficiarias son empresas e o 90% dos contratos concedidos son indefinidos. Ademais, nove de cada dez dos traballadores recibirán máis de 60 horas de formación a cargo da empresa e o 36% dos técnicos seleccionados carece de experiencia laboral, o que confirma que este programa é unha boa ferramenta para impulsar a empregabilidade dos mozos e mozas titulados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificado o risco de miocardiopatía dilatada nos portadores xenéticos

O estudo liderado polo investigador Pablo García-Pavía analiza as posibilidades de herdanza da enfermidade en familiares

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Un neno maltratado ten tres veces máis risco de desenvolver unha adicción de adulto

O estudo dunha investigadora da Universidade de Queensland analiza as consecuencias do maltrato infantil a longo prazo