O lobo mariño cincento Barizo comeza a fase final da súa recuperación antes de recobrar liberdade. O animal foi rescatado o día 6 de xaneiro no porto de Barizo, en Malpica de Bergantiños, e durante días loitou entre a vida e a morte nas instalacións en Nigrán da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA). O seu estado era tan precario que, na súa evacuación, os técnicos pensaron que non resistiría a viaxe.
Pero a súa evolución foi favorable e Barizo, de 110 centímetros de lonxitude e de 23 quilos de peso, comezou a alimentarse por si mesmo na UCI da organización.
Agora, pasará a derradeira fase da súa recuperación en A Illa de Arousa, no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA), onde xa fará actividades para que poida recuperar a súa independencia e alimentación convencional.
Tras tres ou catro semanas nas piscinas do IGAFA, o lobo mariño será embarcado para ser liberado en augas do Gran Sol. Como é habitual, “o mantemento e a atención sanitaria do mamífero será responsabilidade da Cemma, contando coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do Igafa, que aproveitará a estancia desta cría para formar aos estudantes en aspectos relacionados co coidado dos mamíferos mariños”.