Enrique Dans.

Enrique Dans.

“Hai que proscribir o papel”

Enrique Dans considera que o uso do papel "xa non ten sentido", que os tópicos sobre o negocio dixital "están mortos" e que o Big Data é "imparable"

Enrique Dans (A Coruña, 1965) é un dos rostros máis coñecidos e unha das voces máis autorizadas no eido das novas tecnoloxías, redes sociais e comunicación dixital en España e Latinoamérica. Con motivo da súa participación na XIII Conferencia Internacional de Parques Científicos e Tecnolóxicos organizada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, en colaboración coa Asociación de Parques Tecnológicos de España, entrevistamos a este profesor de Sistemas de Información no IE Business School, asesor, conferenciante, colaborador de varios medios e autor do seu blog homónimo, un dos máis coñecidos na blogosfera hispana. Con el falamos de transformación dixital, modelos de negocio, o uso masivo de datos dixitalizados, as transformacións radicais que viviremos no campo da computación lingüística coas melloras nos sistemas de tradución en tempo real, o desenvolvemento das cidades intelixentes, o futuro do papel como soporte, a controvertida vixilancia e control do Estado a través das tecnoloxías e redes de comunicación, o uso que facemos das redes sociais e, ao fío da actualidade, a polémica sobre os tweets publicados polo xa ex-concelleiro de Cultura e Deportes do Concello de Madrid, Guillermo Zapata.

– Cales son as oportunidades e ameazas da transformación dixital?

– A transformación dixital é unha oportunidade que supón posicionarte ben neste novo contexto e precisamente o contrario é a ameaza de non facelo ti e que o fagan outros.

– Pero aínda hai quen mantén que o problema do dixital é o modelo de negocio…

– Hoxe, a compañía máis grande do mundo de taxis é Uber e gaña moitísimo diñeiro; ninguén dubida xa tampouco que a compañía máis grande do mundo de aloxamentos é Airbnb e que move moitos cartos. Os topicazos sobre o modelo de negocio dixital e a burbulla están mortos.

“O que estamos a presenzar é un puñazo sobre a mesa de Silicon Valley ante Wall Street”

– Eses novos negocios xeneran tensións entre o novo e o vello mercado…

– O certo é que moitas compañías non valen o que valen por si mesmas, senón que valen o que valen cando son quen de comerlle a torrada a unha compañía das anticuadas, ás compañías vellas que non son capaces de adaptarse. Non se pode explicar que Uber valga o que vale se non é por un proceso de substitución no que se come á gran maioría de empresas de taxis e taxistas que hai en moitas cidades. E non podes explicar que Airbnb valga o que vale se non se come a un montón de cadeas de hoteis que deixan de ser a preferencia dos clientes. O que estamos a presenzar é un puñazo sobre a mesa de Silicon Valley ante Wall Street.

– É certo que as grandes compañías tecnolóxicas son hoxe líderes en facturación, pero temos o exemplo de Twitter, empresa que cun mercado publicitario extraordinario duns 50.700 millóns de dólares ten perdas…

– Isto explícase porque Twitter está desenvolvendo un modelo publicitario totalmente distinto que se basea nunha publicidade non intrusiva, que non molesta, e que está aínda definindo o modelo de negocio de datos, que ten moito potencial, pero aínda falta que as empresas, os anunciantes, os clientes o entendan e confíen nel… É unha compañía cunha maduración diferente. Lembro que cando entrevistei ós seus fundadores, no ano 2007, a pregunta que todo o mundo lles facía era sobre o seu modelo de negocio e a súa resposta naquel momento era “non temos modelo de negocio”, é dicir, o modelo de negocio irá aparecendo segundo Twitter se vaia convertendo nunha ferramenta indispensable. E así foi. Para moita xente hoxe Twitter é unha ferramenta indispensable, xa non ten nada que ver co Twitter de 2007, cando só era unha ferramenta frívola para saber que estaban a facer os teus amigos; hoxe é unha ferramenta fundamental para calquera directivo para seguir a aquelas persoas que informan sobre a súa industria, tendencias… Twitter creou un ecosistema de uso moi interesante e xa é indispensable para moita xente.

“O Big Data é unha tendencia absolutamente imparable”

– Os datos son poder e negocio…

– A xestión datos é unha das grandes oportunidades para o negocio de Twitter e de moitas outras compañías. As empresas que aprendan a xestionalos e tratalos ben terán bastantes posibilidades de manexar esas industrias.

– Cara ónde vai o Big Data?

– O Big Data é unha tendencia absolutamente imparable, primeiro porque agora xa existe a posibilidade de que estes datos sexan trazables en tempo real e analizados con algoritmos que superan por moito a capacidade de análise e predición dunha persoa e que ofrece, polo tanto, posibilidades como nunca antes tivemos. Por iso, aquelas empresas que non o utilicen vanse atopar nun mercado que non lles di nada, mentres que aquelas que si o usen terán sinais clarísimos de por onde ir. Por outro lado, isto haberá que facelo cunhas regras de xogo determinadas: haberá usuarios que se atopen cómodos entregando os seus datos a determinadas compañías e outras que non merezan a confianza requerida para entregarllos, en función de como utilicen eses datos e dos compromisos adquiridos.

– Outro dos campos máis innovadores é o das tecnoloxías da linguaxe e, en concreto, os sistemas de tradución en tempo real, no que estan investindo moitos recursos grandes compañías como Google ou Microsoft. Acabará a tecnoloxía coa maldición de Babel?

“As traducións automáticas e en tempo real por unha máquina xa non son ciencia ficción”

– Este é un tema do que xa escribín no ano 2005 nun texto cun título referido precisamente á Torre de Babel. Este é un tema no que se leva moito tempo traballando e non é sinxelo, xa que unha cousa é a linguaxe e as súas regras e outra, a interpretación desas regras que facemos todos. Non é un problema sinxelo, pero se está avanzando moito e conseguindo que unha máquina non só recoñeza o que estás a dicir senón tamén o que aparentemente queres dicir. Estamos xa vendo traducións razoablemente fidedignas e con moi boas análises de contexto, no só para textos como Google Translate, senón tamén en conversación en tempo real por Skype, por exemplo. Isto xa non é ciencia ficción.

– Falemos das ‘cidades intelixentes’ (smart cities). Como está a ver o seu desenvolvemento?

– Esta é unha caixa moi grande na que estamos metendo un montón de cousas: conceptos de sustentabilidade e medio ambiente, cuestións de comunicación e interacción, transporte… Hai un montón de tecnoloxías arredor desta idea das cidades intelixentes. Por exemplo, o feito de que sigamos vivindo con dous ou tres coches por familia é demencial e insostible, non ten ningún sentido. E moitas tecnoloxías están cambiando esta tendencia. Agora, en Estados Unidos, por exemplo, os mozos xa non queren que os seus pais lles paguen o carné de conducir e lles compren un coche ou lles deixen o de papá, o que queren e que lles carguen as súas contas en Uber coa traxeta de crédito para ir e vir. Este é un bo exemplo de como están mudando as cousas nesta categoría das chamadas smart cities, pero aínda faltan procesos de adopción importantes.

– Outro dos grandes temas e debates que aínda perdura é o que cuestiona desde hai xa anos a existencia do papel nunha era dixitalizada. No ano 2015, que podemos dicir do papel como soporte e ferramenta?

Enrique Dans, con Mark Zuckerberg, fundador de Facebook

Enrique Dans, con Mark Zuckerberg, fundador de Facebook. Foto: Enrique Dans.

– O papel non ten ningún sentido, é un inimigo. Eu son un galego nado na Coruña, pero a miña nai é de Cangas do Morrazo, e cando facía aquelas viaxes entre ambos os dous sitios pasaba por Marín, onde hai unha fábrica papeleira. E lembro ao meu pai dicíndonos no coche que subísemos as ventás ao pasar por alí, polo fedor. Daquela desenvolvín unha fobia ó papel. Logo, co tempo, aquela fobia adquiriu moito sentido, porque que é o papel? O inimigo da circulación de coñecemento, do intercambio de información. As empresas que usan o papel non teñen unha estrutura comunicativa áxil, non teñen un modelo de circulación da información eficiente… O que teñen que facer é proscribir totalmente o papel. Pero para facer isto tamén hai que modificar os espazos de traballo para convertilos en espazos de intercambio de ideas, de enriquecemento e de innovación. Os espazos de traballo pechados xa non teñen sentido; se os abres, se quitas os despachos, se xa non deixas eses espazos pechados cunha mesa onde poñer as fotos dos teus nenos e montóns de papeis acumulados, terás un espazo no que o papel será substituído por ferramentas de comunicación eficientes e instantáneas, fluxos de traballo baseados en documentos electrónicos compartidos.

– Meténdonos agora no campo das redes sociais en liña, vemos como a información que circula por estas é tanta como a desinformación que se disemina. Que podemos facer ó respecto?

“Cada vez máis somos o que compartimos nas redes sociais”

– As redes sociais están vivindo un cambio enorme. Nun tempo pasado se consideraban un sitio onde relacionarnos cos nosos amigos e achegados. Pero iso xa non é así. O maior tempo que pasas en Facebook xa non o adicas a aqueles usos senón a ler noticias. Agora, un Facebook ou un Twitter ben definidos son espazos nos que segues a aquelas persoas que che aportan valor; as persoas desinformadas que che meten unha mentira ou manipulación un día si e outro día tamén xa deixas de seguilas, máis aínda se empezas a consideralas persoas con pouco criterio. Cada vez máis somos o que compartimos nas redes sociais. E esta regra de que somos o que compartimos fai que sexamos máis coidadosos á hora de compartir información e contidos con valor. Hoxe xa non interesa con quen estou ou onde estou. Se eu publico en Twitter que estou en determinado restaurante e o que estou comendo, os meus seguidores diranme “e a min que me importa… Dáme artigos ou xenera debates que si aportan valor”. Pasamos a un uso das redes sociais autocurativo que fai que cada vez máis a xente se preocupe polo que comparte.

– Ó fío da actualidade, que valoración fai do caso do concelleiro Guillermo Zapata, de Madrid, que dimitiu pola publicación duns tweets de humor negro no ano 2011 referidos ó Holocausto e o terrorismo? Que poder ten a masa crítica que se está configurando nas redes sociais? Somos escravos das nosas publicacións nas redes sociais?

– O que sucedeu neste caso é un fenómeno de descontextualización. O peor deste caso é que representa o máis sinistro da política española: o frentismo. Eu non vou xustificar eses tweets, que foron de moi mal gusto, pero esa persoa ten o mesmo de antisemita ca eu de anano. Non é verdade que Zapata estea a prol do Holocausto, o seu chiste estaba no contexto dunha discusión, pero o doado na contenda política é descontextualizalo. Neste caso, o que temos é un uso das redes sociais perverso para o enfrontamento. E se a persoa implicada foi tan torpe como para poñerllo tan doado, pois aínda peor… Pero hai cousas moito máis graves que deberían causar máis dimisións que este caso. O humor negro é moi cuestionable cando fai dano a xente, pero en moitos casos o dano pode saldarse cunha desculpa, mentres que a corrupción ou o roubo non se saldan pedindo perdón. Do que estamos a falar realmente é dunha dinámica mala, perniciosa, na que triunfa o mal. Eu teño publicado máis de 20.000 tweets desde o ano 2007 e seguro que algún se pode descontextualizar. Que queremos, cargarnos o valor dunha posible ferramenta para a transparencia política?

– Para rematar, as filtracións de WikiLeaks ou o caso Snowden, como paradigmáticos, descubríronnos unha realidade até hai ben pouco imaxinada pero non comprobada: o control e vixilancia que exercen os Estados a través das tecnoloxías e das nosas comunicacións en rede. Debemos ser temorosos ou, cando menos, cautelosos?

“Librarse do terrorismo xa non é posible, xa que toda comunicación pode ser cifrada”

– Si. Temos que redifinir o papel do Estado. O Estado xa non pode seguir sendo o protector absoluto ó que lle outorgábamos toda a nosa confianza para que nos libre do terrorismo… Librarse do terrorismo xa non é posible, xa que toda comunicación pode ser cifrada e estar á marxe dos sistemas de espionaxe. E o que lle teño que dicir ó Estado é que non me protexa tanto e me deixe máis espazo de liberdade. Esta teoría de que se non teño nada que ocultar non teño nada que temer a ser vixiado é totalmente falsa; calquera persoa que non teña nada que ocultar pode parecer ou non un sospeitoso en función da mala ou boa interpretación que se faga dos seus datos. Temos que poñer ó Estado no seu sitio e definir o que o Estado pode e non pode facer, definir as regras e provocar a reconversión da industria que máis lles importa a todos, que é a política.

Unha resposta a ““Hai que proscribir o papel””

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.