Sábado 27 Abril 2024

O monopraza galego, listo para Silverstone

Hai preto de dous anos, un pequeno grupo de estudantes de Enxeñería Industrial do campus de Vigo comezaron a barallar a idea de participar na competición interuniversitaria automobilística máis importante de Europa, Formula Student. Ese soño é xa unha realidade. O equipo UVigo MotorSport creceu ata acadar os 14 membros, que este xoves presentaron o monopraza que estrearán a vindeira semana no circuíto inglés de Silverstone.
Deseñado e fabricado por eles, será tamén pilotado polos propios estudantes nas tres probas nas que competirán en Inglaterra, Alemaña e España. Foi un proceso que recoñecen duro, de moitas horas de traballo e poucas de sono e que sobre todo custou arrancar. “Costou conseguir que a xente crese en nós”, recoñece Marcos Fernández, o responsable técnico do equipo. Este xoves, acompañados polas autoridades académicas e os representantes das institucións e empresas patrocinadoras, desvelaron o segredo mellor gardado, o UM15. Esta tarde probarano no campus, e en sete días estrearanse como unha das preto de 100 universidades de todo o mundo que participan na competición Formula Student, o grande escaparate da formación en enxeñaría a nivel mundial.

Como a “crónica dun éxito anunciado” definía o alcalde Vigo, Abel Caballero, este proxecto ideado e levado a cabo polo alumnado, unha escudaría composta por estudantes dos diferentes graos da Escola de Enxeñería Industrial, apoiados por un equipo de docentes coa subdirectora Ana Mejías á cabeza e tamén de egresados da escola que actualmente está vinculados a empresas dedicadas ao automobilismo de altas prestacións. Polo seu éxito foron felicitados polo rexedor vigués, pola vicerreitora de Estudantes, Dolores González; o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa; a delegada de Zona Franca, Teresa Pedrosa; o director da escola, Juan Pou, e polos patrocinadores, compañeiros e amigos que asistiron ao acto.

O vehículo foi promovido por estudantes de Enxeñería Industrial

Os equipos deben demostrar tanto os seus coñecementos de enxeñaría como as súas capacidades de xestión, presentando un plan de márketing e unha planificación económica. Este é o escenario no que se move a escudaría UVigo Motorsport que, de todos os circuítos que se celebran este ano, elixiron participar en Silverstone, do 9 ao 12 de xullo, en Hockenheimring, do 28 de xullo ao 2 de agosto e en Montmeló do 27 ao 30 de agosto. Gonzalo Ferreiro, responsable de Marketing e Comunicación do equipo, destaca que “ningún equipo se pode permitir competir en todas as probas e somos o único dos dez españois que teñen un coche de Formula Student que competiremos en tres carreiras, e iso no noso primeiro ano”. Recoñece que que é “unha aposta arriscada, pero temos o nivel para facer un bo papel e poñer á Universidade de Vigo e a Galicia á altura da enxeñaría mundial, a oportunidade de demostrar que non só se fai enxeñaría en Alemaña, aquí tamén se pode crear, innovar e investigar”.

Bolido Uvigo 2
Teresa Pedrosa e Abel Caballero, xunto a outros patrocinadores e os estudantes na presentación do vehículo.

O equipo manexou neste proxecto un orzamento de 60.000 euros, dos que 28.000 corresponden ao custe real de monopraza. “O resto é para desprazamentos do vehículo e do equipo para as probas”, destaca Ferreiro. Fronte a eles, equipos xa expertos con orzamentos de 1,2 millóns de euros e coches de medio millón. Asumen que as competicións serán duras. “Pero somos esixentes, queremos competir e dar boa imaxe”.
Dado que Formula Student non é unha competición de velocidade, o xurado valora tanto probas estáticas, como o plan de viabilidade, como dinámicas nas que se examinan a aceleración, o sprint, a estabilidade ou a seguridade. Trátase, como resume Marcos Fernández, “dunha competición de enxeñaría”. “Búscase un coche cunhas prestacións boas e prezo reducido e tivemos que traballar nun escenario hipotético no que fabricamos 1000 unidades”. Así, a velocidade pico do UM15 é de 130-140 km/h, porque “levamos un cambio corto para favorecer a aceleración”, que agardan sexa de 0 a 75 metros en 4 segundos.

Publicidade

Cun orzamento de 60.000 euros, competirá con equipos que manexan ata 1,2 millóns

No tocante aos pilotos, serán cinco membros do equipo os que conducirán o monopraza en cada unha das tres citas. E é que para asegurar que o que inflúe realmente no resultado é o coche e non quen o conduce, a organización obriga a que sexan cinco pilotos diferentes en cada proba. Para a primeira cita, do xoves 9 ao domingo 12 deste mes en Silverstone, desprazaranse 12 dos 14 membros da escudaría. “Non podemos ir todos, pero cada un de nós irá a algunha proba, algo que non fan a maioría do equipos”, destaca Gonzalo Ferreiro. Antes diso, este mesmo xoves fixeron unha primeira proba xa co motor instalado no aparcamento da EE Industrial, e o martes porán rumbo a Inglaterra.

bolido uvigo 3
O monopraza, bautizado como UM15.

Abel Caballero adiantoulles que a partir do día 13 contarán tamén “co apoio da Deputación de Pontevedra” e destacou que o coche é resultado “do esforzo dunha escola, dos seus estudantes e profesores, na cidade do automóbil”. O alcalde tamén felicitou á Universidade, “que avanza a pasos de xigante e xa se mide coas mellores de España e de Europa”. Pola súa banda, Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social, primeira porta á que chamaron os estudantes cando arrancou este proxecto, salientou que “en actos coma este resplandece o valor capital da formación e do emprendemento”. “Vós axudades a cambiar o mundo e participades nunha nova misión das universidades, reforzar a vocación técnica, industrial e innovadora e a súa implicación coa contorna empresarial”, dixo.

Abel Caballero e Teresa Pedrosa asistiron a presentación do monopraza

Pedrosa coincidiu coa vicerreitora de Estudantes en que “a primeira vitoria é estar hoxe aquí presentando o coche, que representa a innovación en estado puro, simboliza a gran capacidade desta magnífica escola e toda a Universidade de Vigo”. Dolores González apuntou tamén que esta iniciativa “reúne moitos dos valores da nosa Universidade: xuventude, innovación, talento, emprendemento, traballo en equipo, internacionalización, deporte e por suposto coñecemento”. “Sodes exemplo evidente do talento e da capacidade de innovación tecnolóxica da nosa institución, cuxo nome levaredes polo mundo”., engadiu.

bolido uvigo 4
Un momento da presentación.

A delegada de Zona Franca felicitou aos estudantes polo traballo realizado e destacou a importancia “de apoiar o talento e o coñecemento e somos conscientes de que na Universidade de Vigo hai moito”. Juan Pou, director da Escola de Enxeñaría Industrial, tamén recoñeceu o esforzo deste grupo de estudantes e agradeceu a participación de institucións como Consello Social, Concello, Zona Franca e Deputación de Ourense e das empresas patrocinadoras. “Sen elas este proxecto tería sido imposible”, así como do PAS e PDI do centro que se implicaron na iniciativa.
Formula Student é unha competición de deseño e construción dun coche de carreiras de monoprazas que celebra probas en varios países arredor do mundo. O obxectivo é simular o funcionamento dunha empresa real, na que os estudantes exercen de enxeñeiros e teñen que valerse por eles mesmos para deseñar e construír o prototipo, que debe cumprir esixentes características de condución na aceleración, freado e estabilidade, mantendo un custe razoable.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos