Sábado 27 Abril 2024

As páxinas web pioneiras do dominio .gal comezarán a funcionar o 25 de xullo

A Asociación puntoGAL presentou hoxe a páxina web www.dominio.gal, o primeiro sitio en Internet baixo o dominio propio para Galicia. A presentación tivo lugar na véspera do Día das Letras Galegas na Cidade da Cultura de Galicia e contou coas intervencións do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo; Xosé Antonio Gómez Segade, catedrático de Dereito da Universidade de Santiago, e Manuel González, presidente da asociación.

Dende o 1 de xuño, a Asociación puntoGAL aceptará candidaturas para o Programa Pioneiros. Así, e co obxecto de garantir a estabilidade e funcionamento do dominio, abriráse un período no que un grupo reducido e significativo de dominios estará dispoñible para a sociedade galega. O Programa Pioneiros ofrecerá aos administradores de sitios web seleccionados a posibilidade de rexistrar e comezar a usar o dominio .gal uns catro meses antes do período de rexistro xeral. Tales nomes de dominio chámanse Nomes Pioneiros. Durante o mes de xuño se poderá enviar propostas e se seleccionará, baseándose en criterios de visibilidade e notoriedade, até un máximo de 90 Nomes Pioneiros. Estas direccións de pioneiros entrarán en funcionamento na Rede o 25 de xullo, Día Nacional de Galicia. Iso si, terán que afrontar un prezo especial —entre 3.000 e 400 euros segundo o tipo de solicitante— e cumprir unha serie de requisitos. PuntoGAL publicará todos os detalles do Programa de Pioneiros o 1 de xuño, cando se abra o prazo.

Segunda fase

A seguinte fase, bautizada como Abrente, comezará o próximo mes de setembro e durará até novembro. Neste período buscarase a protección de dominios de interese público. Así, as entidades públicas e privadas poderán exercer o seu dereito preferente de solicitar o seu dominio. Deste xeito se procurará protexer os intereses de colectivos como propietarios de marcas, administracións públicas, marcas internacionais protexidas de acordo as normas da ICANN (o organismo que goberna as direccións da Internet), etc.

Publicidade

Paralelamente ao Abrente haberá unha Carreira para o público en xeral para as direccións que non teñan dereitos preferentes. Durante a Carreira se poderá poxar por direccións especialmente atractivas.

Fase Aberta

Finalmente, no mes de decembro, chegará a Fase Aberta, na que todo o público poderá acceder ao dominio .gal sen máis restricións. As condicións e características concretas de cada fase serán publicadas no portal www.dominio.gal con suficiente antelación. Ademais, a través desta páxina indícase a fórmula para consultar e solventar dúbidas.

Segundo os promotores do dominio .gal, os motivos para organizar o lanzamento en diferentes fases son para “garantir a súa estabilidade técnica, cumprir as normas establecidas por ICANN e garantir un lanzamento ordenado e que protexa os dereitos públicos e privados”.

Requerimentos

Non todos os sitios web de Galicia poderán optar ao dominio propio da autonomía. O rexistro será libre pero as páxinas co .gal deberán ter un contido mínimo significativo en lingua galega, aínda que se mostre tamén noutros idiomas. En caso de que non se mostre contidos en galego, deberán estar relacionados coa cultura galega ou prestar servizos en liña específicamente dirixidos á comunidade galega e que favorezan o seu desenvolvemento. Así o establece a candidatura do .gal aprobada por ICANN.

Segundo Manuel González, presidente de puntoGAL, o novo identificador fará “máis accesíbeis” as páxinas web en galego, “aumentando o seu tráfico e favorecendo o comercio electrónico e o desenvolvemento de novas ferramentas na Rede para o idioma”, informa a asociación. Tamén expresou que “o .gal servirá para que os internautas atopen máis rápido e eficazmente información relacionada co galego ou coa cultura galega”. E especificou que “os grandes buscadores de Internet poderán ordenar e clasificar os contidos en galego dun xeito máis eficaz de como o facían ata agora”.

González tamén salientou que todos os beneficios que xere a xestión do novo dominio “serán dedicados ao fomento da presenza do galego na rede e nas novas tecnoloxías”.

Pola súa banda, o presidente da Xunta argumentou que “actos coma este explican porque no ceminterio dos pobos e das culturas non está Galicia”. Na súa opinión, “o puntoGAL será o mellor salvoconducto para que Galicia atravese fronteiras”.

A Asociación puntoGAL está formada por 114 organizacións de todos os sectores sociais, incluídas as principais institucións culturais do país e ducias de asociacións culturais de base. Durante os seus sete anos de traballo continuado gañouse o apoio de máis de 12.000 persoas, fundamental para que a ICANN aprobase a candidatura en 2013 e delegase o dominio esta primavera.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses