Venres 26 Abril 2024

O VIH en Galicia: da lacra da droga ás prácticas sexuais de risco

No ano 1984 rexistrouse en Galicia o primeiro caso de sida. A doenza, entón aínda descoñecida e letal, espallouse a gran velocidade debido, sobre todo, á epidemia da droga que arrasou á mocidade nos anos 80. En só 12 anos, en 1996, o ano de maior número de novos casos, xa había máis de 2.000 afectados, a maioría deles por compartir xeringas para inxectarse.

Dous decenios despois do pico da doenza, a sida está case case desaparecida en Galicia. No 1996, a implantación dos tratamentos antirretrovirais de gran actividade (coñecidos como Targa), frearon o avance da enfermidade e as graves consecuencias de saúde que traía consigo. Así foi posible frear o agravamento do VIH tras a infección, primeiro estadio do proceso, ata a aparición de complicacións que desembocaban na sida. Desde entón, e no marco dun notable descenso do número de novos casos, as prácticas sexuais de risco viñeron substituír aos usuarios de drogas inxectables como fonte principal de contaxio.

Publicidade

Todos os anos, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade publica un informe sobre a situación do VIH-sida e outras enfermidades de transmisión sexual. O último documento, cos datos de 2016, revela aspectos reseñables:

2.000 novas infeccións nos últimos 10 anos

Novos contaxios por VIH entre 2004 e 2016. Fonte: DXSP do Sergas.
Novos contaxios por VIH entre 2004 e 2016. Fonte: DXSP do Sergas.

Unha media de 192 infeccións por ano, cunha tendencia notable á baixa desde 2012. En 2016, último ano do que se teñen datos, 95 homes e 24 mulleres, 119 persoas en total, foron diagnosticadas de VIH en Galicia. Supón unha incidencia de 70 casos por millón de habitantes, por debaixo da media española, que é de 101.

Sexo de risco, factor de contaxio no 90% dos casos

Nos últimos 12 anos estudados, as relacións sexuais de risco consolidáronse como o factor de contaxio na gran maioría dos casos. Fronte ao rápido descenso dos usuarios de drogas inxectables, as relacións sen protección supoñen xa máis do 90% dos casos nos últimos anos. Un 50% das infeccións prodúcense en relacións homosexuais entre homes, e un 43% en relacións heterosexuais. É salientable que entre este último grupo, o 20% dos casos dos últimos 12 anos se teñan producido entre persoas maiores de 49 anos, polo que o Sergas remarca a necesidade de tomar precaucións.

A epidemia da droga inxectable

Os peores anos do VIH en Galicia coincidiron coa maior presenza de drogas de tipo inxectable. O contaxio por esta vía foi notable a finais dos anos 80 e comezos dos 90, tal e como se pode ver no gráfico.

Casos de sida segundo fonte de contaxio entre 1984 e 2016. En azul destaca a cifra dos usuarios de drogas inxectables a comezos dos anos 90. Fonte: DXSP do Sergas.
Casos de sida segundo fonte de contaxio entre 1984 e 2016. En azul destaca a cifra dos usuarios de drogas inxectables a comezos dos anos 90. Fonte: DXSP do Sergas.

Pouco a pouco, esta fonte de infección foi baixando ata convertirse en anecdótica. Con todo, no cómputo total dos casos rexistrados desde 1984, os usuarios de drogas inxectables aínda suman o 61% dos casos totais de sida.

Máis de 3.000 mortos só en Galicia

Aínda que parezan cifras doutra época e outro lugar, hai só 25 anos morrían en Galicia case 300 persoas ao ano por causa da sida. En total, segundo os datos do Sergas, faleceron 3.040 persoas (2.440 homes e 600 mulleres) entre 1984 e 2015. Os peores anos foron 1995 e 1996, con 293 e 283 persoas falecidas, respectivamente. As taxas de mortalidade de aqueles anos entre os mozos subiron de forma espectacular, tal e como se pode ver:

Taxa de mortalidade do SIDA segundo franxa de idade e ano. Fonte: DXSP do Sergas.
Taxa de mortalidade do SIDA segundo franxa de idade e ano. Fonte: DXSP do Sergas.

Máis de 57 millóns de euros en atención aos pacientes

O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública estima que en 2016 se investiron 57.604.129 euros na atención ás persoas infectadas por VIH. O 60% deste gasto (34.562.477 euros) destinouse ao tratamento en medicamentos antirretrovirais, o 15% a outras medicacións e o 25 a hospitalizacións e outros gastos.

Aquí podes consultar o informe completo do Sergas

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses