Vicente Prieto é biólogo mariño e funcionario do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia.

Vicente Prieto é biólogo mariño e funcionario do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia.

‘A medicina non cura todo, pero as pseudociencias non curan nada’

O presidente do Círculo Escéptico, o biólogo galego Vicente Prieto, cre que o movemento antivacinas é "irresponsable e egoísta"

A pregunta realizada ante a Comisión Europea por parte da eurodeputada galega Lidia Senra, na que se cuestionaba a seguridade das vacinas, desatou unha gran vaga de reaccións. Algunhas asociación, como o Círculo Escéptico, composto por preto de 200 persoas, científicos de numerosas disciplinas, pero tamén xornalistas, avogados, mestres, etc. e, en xeral, persoas interesadas pola ciencia, criticaron con dureza a cuestión que presentou Senra. A entidade, que preside o biólogo galego Vicente Prieto, intervén activamente na divulgación do pensamento científico, crítico e racional e na denuncia de prácticas pseudocientíficas. GCiencia conversou con Prieto sobre a polémica xerada estes últimos días.

– De onde vén esta actitude escéptica cara as vacinas?

Demostrouse que a relación entre vacinas e autismo era un fraude, pero o dano xa estaba feito

– Hai antivacinas desde que comezaron as vacinas, como pasou con todos os avances científicos, que sempre tiveron os seus detractores. No caso das vacinas, xorde a raíz dun artigo fraudulento publicado en 1998 en The Lancet por un médico chamado Andrew Wakefield, no que relacionaba a vacina triple vírica co autismo. A revista retirou o artigo anos despois por numerosas irregularidades e porque se demostrou que Wakefield tiña un gran negocio montado sobre o asunto, pero o dano xa estaba feito. En Europa, sobre todo no Reino Unido, baixou o índice de vacinación e aumentaron, como non, os casos de enfermidades como o sarampelo. En Estados Unidos, Jim Carrey e a súa parella, que tiña un fillo con autismo, comezaron a mobilizarse en contra dos supostos danos das vacinas e gañaron bastantes adeptos á causa.

– Coas vacinas arguméntase que unha das razóns do avance da ciencia é cuestionarse a si mesma, que forma parte dela.

– Precisamente iso é o que se fai coas vacinas. Avalíanse, mellóranse, próbanse continuamente. E alén disto, abonda con ver os datos que aporta a OMS: calcúlase que entre 2000 e 2015, as vacinas evitaron 20 millóns de mortes por sarampelo, e aínda así, o ano pasado houbo 89.780 mortes por esta enfermidade, e este ano levamos unhas 40 en Europa. E isto é pola irresponsabilidade e o egoísmo da xente que decide non vacinarse, porque rompe a inmunidade de grupo. Hai xente que non se pode inmunizar porque é alérxica a algún dos compostos das vacinas, ou ten enfermidades autoinmunes, e está protexida destas enfermidades porque o resto da poboación si que está inmunizada. Pero se a xente deixa de protexerse, as persoas que non se poden vacinar están en perigo.

– Antivacinas, homeopatía, chemtrails, guerra climática… Hai moitos frentes abertos.

– Internet é unha ferramenta marabillosa para adquirir coñecementos, pero tamén espalla ideas moi perigosas e auténticas tonterías. A xente ten dereito a crer o que queira, pero nós tamén temos dereito a dicirlles que están equivocados, e a argumentalo.

– E por que ‘triunfan’?

“Nin todos os cartos do mundo poderían comprar a ética e o bo facer de todos os profesionais sanitarios”

– Hai moitas razóns. A medicina non cura todo, pero a pseudociencia non cura nada. E se a medicina non che dá solucións, o charlatán sempre vai estar aí para dicirche que ten solucións; e a xente agárrase a quen lle ofrece esperanzas, porque crer consola e conforta. O que queda claro é que o método científico tense que impoñer. Porque nin todos os cartos das farmacéuticas do mundo poderían comprar a ética e o bo facer dos médicos, os investigadores e todos os profesionais sanitarios do mundo que traballan para mellorar a vida da xente.

– E como se responde a isto?

– A nós chégannos todos os días noticias tremendas. Non só en portais de pouca credibilidade, senón tamén en medios públicos, como demostra o caso de Cárdenas en TVE. E o que procuramos é argumentar con evidencias científicas os erros destas actitudes. Nós non obrigamos a ninguén a pensar coma nós, senón que simplemente queremos que pensen por si mesmos, que razoen e saquen conclusións. Pero é moi difícil facer dubidar a alguén que está convencido. Outra vantaxe das pseudociencias é que son fáciles de comprender, teñen explicacións sinxelas; dinche que tes un desequilibrio enerxético ou un problema co karma, e ademais estes gurús saben como solucionalo. Pero ás veces é moi complicado para un médico explicar determinados problemas, e máis cando non teñen unha solución total.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.