Venres 26 Abril 2024

Un sistema de intelixencia artificial para axudar no diagnóstico dos pólipos de colon

Desenvolver “un sistema informático capaz de dar apoio en tempo real ao endoscopista na visualización dos pólipos de colon e na toma de decisións terapéuticas sobre eles”. Con este obxectivo preséntase o Proxecto Polydeep: sistema intelixente de detección e clasificación en tempo real de lesións colorrectais mediante deep learning. Con financiamento estatal, investigadores da Universidade de Vigo e do Hospital Universitario de Ourense desenvolverán durante tres anos un proxecto que os seus promotores destacan como “pioneiro e innovador” e que ten como fin último mellorar a calidade asistencial ás e aos pacientes de oncoloxía.

Financiado con 127.171 euros pola Convocatoria Retos da Sociedade do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, o proxecto foi presentado este luns no campus de Ourense. A iniciativa está liderada desde a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense polo Grupo de Investigación Sing (Sistemas Informáticos de Nova Xeración), coordinado polo catedrático Florentino Fernández, e conta coa participación do Grupo de Investigación en Oncoloxía Dixestiva do Hospital Universitario de Ourense (Giodo), coordinado polo doutor Joaquín Cubiella. Os investigadores principais do proxecto son Daniel González e Miguel Reboiro, do Grupo Sing. Por parte do hospital participan catro endoscopistas con especial dedicación á endoscopia avanzada, como son Eloy Sánchez (xefe de servizo), Jesús Miguel Herrero, Laura Rivas e Manuel Puga, así como o responsable de informática do complexo hospitalario, Rubén Domínguez.

Publicidade

O sistema podería evitar a extirpación innecesaria de pólipos benignos

Durante a presentación da iniciativa, Virxilio Rodríguez, vicerreitor en funcións do campus de Ourense, destacou como esta iniciativa se enmarca na liña de traballo que veñen desenvolvendo grupos do campus con entidades da contorna, neste caso o Grupo Sing e o Hospital Universitario de Ourense. Pola súa banda, Julio García, xerente do Servizo Galego de Saúde en Ourense, fixo fincapé en como Polydeep “é un proxecto realmente innovador” que, afirmou, “vai supor seguro un impulso importante no ámbito da endoscopia oncolóxica”.

O proxecto prolóngase desde xaneiro de 2018 a decembro de 2020. Os obxectivos, detallou o investigador Miguel Reboiro, son a implementación dun prototipo de diagnóstico asistido por computador; o desenvolvemento dun modelo de detección e clasificación de pólicos colorrectais mediate intelixencia artificial e o desenvolvemento dun banco de imaxes de pólipos colorrectais dentro do biobanco do IISGS, fase esta última na que xa se está traballando. A iniciativa, explicou Daniel González, aproveitará os avances acadados en deep learning, en aprendizaxe profunda en intelixencia artificial, concretamente en recoñecemento de imaxes. A idea, explicou, é que o sistema que se desenvolva, en base a analizar moitas imaxes de pólipos benignos, malignos e intermedios, xa el mesmo saiba en tempo real durante a endoscopia en que características da imaxe do pólipo se ten que fixar para a valoración e clasificar o potencial perigo do pólipo.

Sendo o cancro colorrectal o de maior incidencia en España, Joaquín Cubiella salientou na presentación do proxecto como ten a característica de que “se pode previr porque podemos detectar a lesión precursora, os pólipos”. Segundo se explicou na presentación, o diagnóstico do tipo de pólipo de colon antes da extirpación endoscópica do mesmo é clave á hora de decidir o modo de eliminalo. Desafortunadamente, detallouse, as técnicas de visualización existentes actualmente teñen unha capacidade diagnóstica limitada, mesmo en mans de endoscopistas expertos. Isto obriga á extirpación e recuperación de practicamente de todos os pólipos para confirmar o tipo histolóxico e coñecer o seu grao de gravidade. Co sistema que pretende desenvolverse no marco de Polydeep, abriríanse escenarios como evitar a extirpación innecesaria de pólipos, custes asociados ao diagnóstico histolóxico e riscos asociados á extirpación, apuntouse entre outros na presentación. “Ter un asistente que sexa máis preciso que o ollo do endoscopista é unha necesidade”, salientou Cubiella. “É un proxecto ilusionante, un paso máis no que vimos traballando”, recalcou pola súa banda, Eloy Sánchez, investigador tamén do complexo hospitalario ourensán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña

Un novo modelo de IA afina o diagnóstico e o tratamento das arritmias cardíacas

Un equipo de Barcelona deseña un método que permite fixar con exactitude o lugar de orixe desta afección do corazón

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

Máis alá dos videoxogos: o uso das imaxes creadas con IA

O investigador do CITIC José Antonio Iglesias Guitián analiza no oitavo episodio de O Descodificador as vantaxas e inconvenientes da xeración sintética de gráficos por ordenador