A concelleira de Educación de Pontevedra, María do Carme Fouces Díaz (Vigo, 1965) é tamén farmacéutica e profesora de ciencias. Dobre motivo para gozar con Pontenciencia. Manifesta que a feira é “un orgullo” para a cidade. Fouces asumiu as competencias de Educación despois da primeira edición, e desde entón, ano a ano, vanse sumando novas ideas que lle dan pulo á celebración, que este ano cumpre un lustro de vida.
– Que significa Pontenciencia para Pontevedra?
– Para nós é un referente no traballo que queremos facer a prol da educación e a cohesión social. Cremos que o que se fai nos colexios non pode quedarse detrás dos muros; a xente ten que saber o gran traballo que se fai alí, e os estudantes e profesores teñen que amosalo fóra. Pontenciencia é unha transferencia de coñecemento do ensino cara a sociedade, para que a sociedade o poida disfrutar.
“Necesitamos que os adultos do futuro leven consigo desde nenos unha bagaxe rica de coñecementos”, di Fouces
É moi importante que os estudantes aborden o método científico, e non só na ciencia ou na tecnoloxía, senón tamén en historia, socioloxía ou antropoloxía, e iso é algo que fan en Pontenciencia. Con esta feira teñen unha fantástica oportunidade de rachar cos métodos clásicos de ensino: traballan dun xeito distinto e acceden a novas oportunidades que de portas cara adentro dos colexios non terían.
– Estamos diante do xermolo de decenas de vocacións científicas?
– Está claro que facilitarlles aos rapaces o acceso a novos métodos e estímulos provócalles un pulo maior. Non podemos esquecer que detrás de cada un dos proxectos que imos ver na feira hai moitos días de traballo, de aprendizaxe. Aprenden a entender o que é traballar por un obxectivo e, ao mesmo tempo, compenden como funciona o mundo, o corpo humano, o universo, a natureza, etc. E poñer enriba da mesa todo ese traballo contribúe, sen dúbida, a estimular as futuras mentes científicas.
– E tamén falamos dunha colaboración a distintos niveis: no ensino, e tamén na familia.
– O traballo que se fai no espazo familiar é algo moi gratificante. Conseguimos algo que non é sinxelo: as familias reúnense na casa, teñen que deseñar un proxecto de investigación, e os pais e nais déixanse dirixir polos seus fillos e fillas, que son os que traen o coñecemento desde a escola, escóitanos e aprenden deles.
Con estes proxectos creamos un ecosistema moi beneficioso. Non debemos perder de vista que estamos educando non só ás persoas do futuro, senón aos nenos do presente: van ser os novos líderes da sociedade, e necesitamos que eses adultos do futuro desde cativos leven consigo unha bagaxe rica de coñecementos.
– Este ano Pontenciencia esténdese aos estudantes de Secundaria.
– É un paso máis que había que dar. O que nos diferenciaba doutras feiras era a relación directa que tiñamos entre a Primaria e o ensino universitario. Pero desde Secundaria xa nos estaban pedindo participar. É algo natural, e así tamén lle seguimos dando espazo aos mozos e mozas que comezaron a participar en Primaria e agora están xa na ESO. Con todo, había que facelo ben e planificalo, porque non queriamos que a entrada dos maiores ocultara dalgunha forma o que se está a facer en Primaria. E así intentamos facelo.
– E outra das novidades: a participación das empresas locais.
– En Pontevedra temos unha sorte enorme: que a xente está afeita a colaborar desde moitas perspectivas. E foi moi sinxelo conseguilo. Cando falamos coas empresas (Orballo, Setga, Hifas da Terra, Cristalería Pontevedresa) sentíronse agasalladas por recibir a propostas, e automáticamente dixeron que si, encantadas. Son empresas que desenvolven procesos de I+D+i, e que tamén queren dar a coñecer o que fan, e todos saímos gañando.