Mapa de industrias contaminantes. Fonte: Instituto Geográfico Nacional.

Mapa de industrias contaminantes. Fonte: Instituto Geográfico Nacional.

A mortalidade por cancro é un 17% maior nas vilas industriais

Un estudo epidemiolóxico establece unha relación entre o cancro e vivir nas proximidades dalgunhas industrias contaminantes

A mortalidade por cancro é un 17% maior nas localidades industriais de España, segundo apunta o maior estudo realizado ata a data e asinado por cinco investigadores do Centro Nacional de Epidemioloxía, en Madrid. O traballo recorda “as grandes cantidades de substancias tóxicas que foron liberadas indiscriminadamente durante moitos anos” pola industria, ao tempo que sinala como unha obriga ‘ineludible’ reducir os niveis de contaminación ambiental.

Os científicos empregaron datos do Rexistro Europeo de Emisións e Transferencias de Contaminantes (E-PRTR), que lles permitiu estudar a exposición á contaminación industrial.”Calculamos a cantidade de carcinóxenos emitidos no aire na proximidade (<5 km) de cidades e mostralas en mapas municipais“, explican os investiadores, que destaca a contaminación por emisións no Suroeste, Leste e Norte de España.

O traballo estima en 9 millóns os españois que están expostos a altos niveis de emisións industriais contaminantes e relacionadas co cancro. Non fan estudos específicos en Galicia, pero no seu mapa sinalan zonas máis afectadas, que coinciden coas grandes industrias situadas en localidades como A Coruña, Pontevedra, Sabón ou As Pontes. O mapa amosa que o tipo de industria é determinante, o que fai que Vigo teña mortalidade por cancro máis baixa que Pontevedra malia ter máis instalacións fabrís.

‘É fundamental eliminar ou reducir a exposición á contaminación industrial’

O exceso de mortalidade centrouse nos cancros dixestivos e do tracto respiratorio, leucemias, próstata, cancro de mama e de ovario. “A pesar das súas limitacións, os estudos ecolóxicos son unha ferramenta útil en epidemioloxía ambiental, non só para propoñer hipótese etiológicas sobre o risco de vivir preto das fontes de contaminantes industriais, senón tamén para proporcionar datos que respondan a situacións de maior mortalidade en áreas específicas”, explican os autores do estudo.

Os científicos non queren dar datos desglosados por pobacións e cancro, en parte por non xerar alarma. En entrevista con GCiencia, o investigador Pablo Fernández Navarro aclarou que o artigo (titulado “Industrial pollution and cancer in Spain: An important public health issue” e publicado en Enviromental Research) non inclúe datos específicos sobre Galicia.

“Todos os resultados deben ser tomados con cautela e non ser interpretados en termos de causalidade”,explica Fernández Navarro, que engade: “Con todo, dada a cantidade de substancias contaminantes (moitas delas carcinóxenas) que emiten as instalacións industriais na proximidade dos municipios, desde o punto de vista da saúde pública, calquera medida preventiva que reduza ou elimine a exposición a estas é fundamental e necesaria”.

Os investigadores engaden un recoñecemento á industria: “Con todo, queremos destacar tamén que o sector industrial realiza grandes esforzos ano a ano para minimizar o seu impacto no mediombiente e deste xeito na saúde”.

Galicia, en cabeza en contaminación industrial

contaminacion

As emisións de gases de efecto invernadoiro por parte das grandes empresas galegas reducíronse un 8% no 2016, ao pasar dos 15,3 millóns de toneladas de dióxido de carbono emitidos (CO2) a 14,1, segundo o balance provisional da Consellería de Medio Ambiente sobre a actividade das 48 instalacións sometidas a control. Un dos maiores descensos, cunha caída do 12,2%, afecta aos principais emisoras, as centrais de produción de electricidade, especialmente as térmicas, que lanzaron á atmosfera 9,3 millóns de toneladas do citado gas.

Este descenso non impide que Galicia siga a ser a segunda comunidade con máis contaminación industrial, segundo os datos do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes.

Galicia é responsábel do 15,08% do total das emisións a atmosfera de España, con 14.284.312 toneladas/ano. Ademáis é a primeira en emisións de flúor, mercurio e perfluorocarburos. É a segunda en emitir dióxido de carbono, gases de efecto invernadoiro, dióxido de xofre, cloro e substancias acidificantes/precursoras de ozono. Tamén é a terceira comunidade por emitir á atmosfera partículas (PM10), monóxido de carbono, compostos orgánicos volátiles non metano (COVNM), metano, arsénico e cromo. Para rematar, ocupa o cuarto posto en emisións de óxidos de nitróxeno e metais pesados en conxunto.

Unha resposta a “A mortalidade por cancro é un 17% maior nas vilas industriais”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.