Sábado 27 Abril 2024

Láser e biomateriais para novos implantes óseos

O grupo de investigación en Aplicacións dos Láseres da Universidade de Vigo vén de conseguir producir implantes para aplicacións craniofaciais empregando unha técnica láser similar á da impresión 3D pero cun novo concepto de material. Concretamente, empregando unha combinación de fosfato cálcico, que é a principal compoñente inorgánica dos ósos, e vidro bioactivo. Estes implantes poden ser personalizados e adaptados ao tipo e ao tamaño do óso que é preciso rexenerar, facilitando tamén o crecemento do novo tecido óseo. A publicación electrónica Scientific Reports, nova aposta do grupo editorial da revista Nature, vén de publicar un artigo no que se recolle o traballo feito polos investigadores da Escola de Enxeñería Industrial.

Representación da nova técnica deseñada para os implantes no cráneo.
Representación da nova técnica deseñada para os implantes no cráneo.

O artigo, titulado Toward Smart Implant Synthesis: Bonding Bioceramics of Different Resorbability to Match Mone Growht Rates, está asinado, por parte do grupo de investigación vigués, por Rafael Comesaña, Fernando Lusquiños, Jesús del Val, Félix Quintero, Antonio Riveiro, Mohamed Boutinguiza e Juan Pou. O estudo conta tamén coa participación de Julian R. Jones, do Departamento de Materiais do Imperial College de Londres, e de Robert G. Hill, do Dental and Physical Sciences, de Barts and the London. Nel explican como mediante unha técnica baseada na fabricación asistida por láser se poden producir implantes óseos sintéticos.
O fosfato cálcico e o vidro bioactivo, explican os investigadores, son dous materiais que se comportan de maneira totalmente diferente cando son implantados no corpo humano e ata a actualidade sempre se tiñan empregado de forma separada. A súa mestura, tal e como se demostra no traballo, permite combinar as propiedades de ambos para obter un material que é capaz de ser absorbido polo corpo ao tempo que medra gradualmente o novo óso. “Estes materiais téñense empregado de forma illada, por exemplo en recubrimento de implantes metálicos, pero combinados e modificados coas técnicas de xeración en 3D asistidas por láser que desenvolvemos no noso grupo ofrecen un resultado moi favorable”, apunta Juan Pou.

As próteses carecen de toxicidade e poden ser moi útiles para a zona dos ollos

Os biomateriais feitos de fosfato de calcio ou vidros bioactivos están dispoñibles pero precísase una técnica de procesamento versátil para fabricar biocerámicas para a súa aplicación como implantes de reabsorción controlada. Deste xeito, os investigadores vigueses desenvolveron unha técnica de creación rápida de prototipos baseada en láser e capaz de producir implantes biocerámicos tridimensionais empregando eses dous materiais. Cada compoñente do implante é validado en termos de propiedades químicas e físicas e carece de toxicidade. Os ensaios con eles revelan a adherencia e o crecemento de novas células óseas no material.
“Pensamos que pode ser un tipo de implante útil para zonas nas que é difícil ou especialmente problemático pór implantes metálicos”, recalca Pou. Concretamente, os autores da investigación apuntan á súa potencial utilidade en zonas como a orbital, arredor dos ollos, e o cranio, onde se fai necesario un implante que permita o crecemento óseo e que sexa absorbido gradualmente durante o proceso de rexeneración. Nestes casos, este implante sintético cumpriría axeitadamente a función de substituír o óso danado ou que non existe namentres vai crecendo o novo óso.
A investigación está actualmente en fase experimental e con ela o grupo de Aplicacións dos Láseres da Universidade de Vigo dá continuidade a unha liña de traballo aberta nos últimos anos neste eido, liña que comezou estudando o recubrimento dos implantes e que agora se centra na mellora dos propios implantes.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo láser consegue desviar raios para evitar que caian na terra

Un potente láser instalado nos Alpes crea un pararraios virtual que pode mellorar a seguridade de infraestruturas críticas

Limpar os cascos dos barcos con tecnoloxía láser: novos avances da ciencia galega

Profesionais do Campus Industrial de Ferrol amosan os resultados preliminares dunha investigación centrada na limpeza de embarcacións de fibra de vidro

Un home sen fala logra deletrear máis dun millar de palabras grazas a un implante

Unha recente investigación demostra que unha neuroprótese axuda ás persoas con parálise nos músculos da fala a recuperar a comunicación

Unha muller cunha doenza neurodexenerativa volve camiñar grazas a un implante

A paciente levaba un ano e medio prostrada na cama debido a unha enfermidade que provoca a perda das neuronas reguladoras da presión arterial