Mesa de traballo no proxecto SATEA.

Mesa de traballo no proxecto SATEA.

Autismo 3.0: a domótica ó servizo das persoas dependentes

Estudantes de Telecomunicación da Uvigo desenvolven un sistema domótico para axudar ós autistas

Ariadna Cordal / Universidade de Vigo

Se houbese que destacar un aspecto positivo do desenvolvemento das novas tecnoloxías, teriamos que falar sobre a súa capacidade para facilitar as nosas vidas e axudarnos en múltiples tarefas. Os límites de actuación da ciencia tecnolóxica están a expandirse constantemente, por suposto tamén no ámbito da medicina. Así, déronse notables avances na loita contra as enfermidades, ben no descubrimento de curas ou ben atopando métodos para paliar os seus efectos. No caso do autismo ou Trastorno do Espectro Autista (TEA), un grupo de estudantes galegos da Universidade de Vigo emprendeu a iniciativa dun proxecto para facilitar o día a día dos que o padecen. Deseñaron un sistema domótico, bautizado SATEA (Sistema de Atención para persoas co Trastorno do Espectro Autista) que está a acadar un recoñecido éxito, pois levounos xa ás finais do concurso nacional Think Big que organiza Telefónica.

Unha idea duns estudantes pode converterse nun produto de impacto

A idea destes rapaces (Nicolás Bregua, Iago Cabreira, David Candal, Pedro Hermida, Miguel López e Mar Pousada) comezou como un traballo de materia da titulación en Enxeñería de Telecomunicacións que ofrece a Universidade de Vigo, mais agora mesmo incluso pensan na posibilidade de comercializar o produto. Co fin de levar a cabo unha idea orixinal e que tivese impacto na sociedade, decidiron encamiñalo cara á axuda das persoas con TEA.

Foi necesario un labor previo de investigación e documentación sobre esta enfermidade, así que recorreron basicamente ás asociacións BATA (Baión Asociación Trastorno Autismo) e Por Dereito. A estas agradécenlle a súa confianza no proxecto, que aseguran cubre unha necesidade actual: “Tanto en tema de motivación como de asesoramento, recibimos unha resposta magnífica de ambas asociacións; estiveron aconsellándonos en todo momento”, sinalan. Estas asociacións sen ánimo de lucro dedícanse a ofrecer unha serie de servizos, programas e axudas. No caso de BATA, a súa carteira comprende colexios de educación especial, centros de día, unidades de apoio ou mesmo orientación laboral. Tamén colaboran en diferentes proxectos, e segundo explica Nacho Rey, presidente de BATA, teñen entre mans o desenvolvemento dunha aplicación móbil de recoñecemento de códigos QR para guiar a persoas dependentes, por exemplo, no ámbito laboral.

Unha vez adquirido o coñecemento necesario para recoñecer as necesidades que poderían ter as persoas con autismo, o grupo investigador puido adaptalo á súa materia: as telecomunicacións, e en concreto, a domótica. Esta rama da tecnoloxía aplícase á automatización e o control dunha vivenda, conseguindo así unha xestión eficiente de diferentes funcionalidades que conflúan en maior comodidade e seguridade. E neste campo, SATEA aspira a lograr mesmo a autonomía das persoas dependentes a través de estímulos reproducidos por pantallas, que á súa vez serían activadas grazas ó sistema de sensores co que estarían conectadas. Os estímulos axudarían a guiar e lembrar ás persoas con autismo as tarefas que deben realizar. Un enxeñoso método de facilitar o seu día a día, xa que este trastorno neurolóxico provoca illamento e dificultades para relacionarse e comunicarse, debido á concentración no propio mundo interior dos que o padecen.

“Hai moitas familias que están interesándose e que queren poñerse ó día no manexo deste tipo de tecnoloxía, sobre todo porque saben, máis que ninguén, que os seus fillos necesitan apoios visuais para desenvolverse no día ó día”, afirma o presidente de BATA. E isto non remata aquí, pois estes rapaces teñen pensado xa algunhas melloras para o seu sistema, pois polo de agora, dentro do ámbito nacional, estaría orientado cara máis dun millón de persoas con autismo, pero podería ser ampliado ademais para outros usuarios con algún tipo de discapacidade auditiva ou outros trastornos coma o alzhéimer.

Queda claro que a este proxecto se lle poden augurar grandes oportunidades de aplicación e desenvolvemento nun futuro quizais non tan afastado. Polo de agora xa foron galardoados co premio HackForGood e, tras superar a cita en Madrid, o seu sistema domótico condúceos ata Barcelona, situándoos ás portas de gañar o certame nacional Think Big.

Unha resposta a “Autismo 3.0: a domótica ó servizo das persoas dependentes”

  1. Maria

    Fantástico trabajo. Enhorabuena. Por cierto, eliminad el término “enfermedad” para referirse al autismo, no es correcto

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.