Olga Novo, entre Carmen Blanco e Françoise Dubusquet, na Facultade de Humanidades de Lugo. Foto: USC.

Olga Novo, entre Carmen Blanco e Françoise Dubusquet, na Facultade de Humanidades de Lugo. Foto: USC.

Olga Novo, autora da tese que aborda a relación cultural de Bretaña con Galicia

A poetisa e ensaísta Olga Novo aborda na súa tese de doutoramento ‘O soño dunha Armórica Galaica. Imaxes da Bretaña na literatura galega contemporánea’ a relación cultural de Bretaña con Galicia na pegada na súa literatura. A investigación foi presentada na Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC.

Olga Novo presenta nesta investigación, dirixida pola profesora da USC na Facultade de Humanidades e escritora Carmen Blanco e pola docente da Universidade de Rennes Françoise Dubosquet, un amplísimo panorama, de máis de oitocentas páxinas, da prolongada relación cultural de Bretaña con Galicia, dende a historiografía romántica do século XIX ata o poesía celtista de Claudio Rodríguez Fer, profesor visitante en varias universidades bretoas e Doutor Honoris Causa pola Universidade da Alta Bretaña.

Na súa investigación de doutoramento, Novo aborda en detalle a presenza de Bretaña en Galicia na época da revista galeguista Nós, dedicando capítulos específicos a Cabanillas, Risco, Otero Pedrayo e aos intelectuais galegos daquela época que investigaron persoalmente na vella Armórica, como Castelao e Bouza Brey. Seguidamente tratou as conexións literarias durante a posguerra, primeiro en autores tan celtófilos como Fole, Carballo Calero ou Cunqueiro e, logo, nos que posteriormente estableceron relacións máis políticas co nacionalismo bretón, como Manuel María e Ferrín.

No treito final do estudio, Olga Novo ocupouse do celtismo dende a perspectiva feminista de Carmen Blanco e da “Bretaña libertaria” de Claudio Rodríguez Fer, cunha cita do cal comeza a tese que a propia Novo presentou en catro linguas: galego, español, bretón e francés, e coa que acadou o doutoramento internacional.

Tribunal internacional de tese e cualificación

O doutor e galicista Antón Figueroa presidiu o xurado internacional encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada pola poetisa. O tribunal, do que formaron parte a doutora pola Universidade de Alta Bretaña e especialista en celtismo literario María Lopo, e o doutor en Filoloxía celta pola Universidade de Rennes, poeta e filólogo bretón Gwendal Denez. Os membros do xurado acordaron por unanimidade outorgar a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á tese realizada por Olga Novo.

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.