Participantes nas xornadas sobre oportunidades de dixitalización para o sector agroalimentario celebradas no Campus Terra. Foto: USC

Participantes nas xornadas sobre oportunidades de dixitalización para o sector agroalimentario celebradas no Campus Terra. Foto: USC

Investigadores do Campus Terra analizan distintas liñas de traballo para dixitalizar o agro en Galicia

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico, Andrés Barreiro, inauguraron este xoves a xornada ‘Oportunidades da dixitalización do sector agroalimentario galego para a investigación do Campus Terra’, na que se abordaron as oportunidades para a investigación do campus nas estratexias de dixitalización do sector primario.

Avaliar e dinamizar ideas e oportunidades de proxectos a partir da colaboración interdisciplinar; coñecer as iniciativas e o papel do Campus Terra no Polo de Innovación Dixital para o Sector Agroalimentario de Galicia impulsado conxuntamente co Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), e coñecer experiencias e casos de éxito na dixitalización de procesos e áreas de produción, conformaron os principais obxectivos desta xornada.

O foro abriuse co relatorio ‘A dixitalización do Sector primario: unha prioridade nas estratexias de I+D europea e rexional, a cargo de Francisco Ónega, investigador do Campus Terra da USC e José Manuel Dorado, en representación de Gradiant. A continuación, Déborah Franco, de Monet Viticultura, expuxo a súa experiencia de dixitaliación no sector agroalimentario. Tras ela, foi a quenda de Ismael Matínez, de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN); María Rey, da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), e Félix Díaz, en representación do Centro Singular de investigación en Tecnoloxías da Investigación (CiTIUS).

A xornada rematou coa intervención de distintos investigadores da sede universitaria luguesa, que presentaron as ideas de proxectos e/ou liñas de investigación con potencial aplicación ao Polo de Innovación Dixital para o Sector Agroalimentario de Galicia. Emprego de cinzas como biomasa para uso agrario, smart farming agrogandería, sistemas espaciais de axuda á toma de decisións, patoloxía granxa vacún de leite, xestión ambiental de granxas de porcino, acuicultura, integración de sistemas e RPAS, ou micoloxía foron algunhas das propostas presentadas.

O Campus Terra da USC e Gradiant decidiron unir forzas e apostar pola creación dun polo de innovación dixital no sector agroalimentario (Digital Innovation Hub na terminoloxía da Comisión Europea). Neste polo conflúen, pola banda da demanda, un sector produtivo e transformador aberto á incorporación de tecnoloxías e servizos innovadores adaptados á súa realidade produtiva; e pola banda da oferta, a conxunción de provedores tecnolóxicos e de servizos así coma dos centros de coñecemento e innovación xeradores desas solucións e melloras que demanda o sector.

Esta iniciativa establece unha dinámica proveitosa de colaboración aberta e áxil, da que cada parte interesada pode tirar beneficios específicos: maior competitividade para o sector agroalimentario, oportunidades de negocio e potencial exportador para os provedores tecnolóxicos ou oportunidades de capitalización do coñecemento existente nos centros de investigación e innovación galegos.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.