Venres 26 Abril 2024

Triple alianza pola auga limpa

Jesús Torres, da Universidade de Vigo.
Jesús Torres, da Universidade de Vigo.

A utilización de organismos vivos para tratar os contaminantes que afectan ao medio ambiente co obxectivo de recuperalo, é unha técnica que, aínda que a día de hoxe segue a ser utilizada nunha pequena porcentaxe, preséntase como unha alternativa de futuro para garantir unha contorna de biodiversidade e sostenibilidade. Así o pensa Jesús Torres profesor do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, que se encargará da coordinación de Bioauga, a rede de biorremediación de augas doces contaminadas, formada por unha ducia de grupos de investigación das tres universidades galegas, oito de Vigo, catro de Santiago de Compostela e un de A Coruña. “O obxectivo principal de Bioagua é sumar estratexias para avanzar nos procesos de biorremediación dos recursos hídricos degradados, mediante o desenvolvemento de metodoloxías e tecnoloxías transferibles ao sector industrial galego, para unha mellora no uso eficiente dos recursos naturais, que aseguren a integridade medioambiental, a biodeversidade, os recursos na contorna natural, rural e urbana como factor de competitividade e desenvolvemento socioecónomico do país”, explica Torres, que destaca el carácter multidisciplinar da rede, que celebrou este martes na Ecimat a súa reunión inaugural.

A alianza científica galega busca financiamento de proxectos europeos

Segundo explica María del Carmen Echevarría no DUVI, en paralelo ao seu obxectivo principal de transferir as súas metolodoloxías e tecnoloxías ao sector industrial galego, Bioauga contempla outros fins planificados de interacción entre equipos de traballo, con intercambio de persoal investigador, busca de financiamento de proxectos europeos e extensión da rede ás empresas e á industria. “Os obxectivos da rede seguen a liña marcada pola Estratexia de Lisboa”, explica o seu coordinador, “conteñen un enfoque orientado cara ao coñecemento e á innovación, con particular énfase na investigación e no desenvolvemento tecnolóxico no ámbito da sostenibilidade ambiental e a eficiencia enerxética”. Para a consecución destes fins, Bioagua estimula o espírito innovador e fomenta o coñecemento multidisciplinar no campo da biorremediación de recursos hídricos degradados, mediante da aplicación de novas tecnoloxías (microbioloxía, biosensores, algoritmos baseados en intelixencia artificial, nanopartículas) e metodoloxías desenvolvidas noutros campos (inmunoloxía, novas técnicas analíticas) e a investigación aplicada entre grupos moi diversos como modelo de desenvolvemento sectorial, integrando os avances científicos no ámbito empresarial (ecoloxía, biocombustibles, medicina, alimentación).

Publicidade

A alianza agrupa a case cen investigadores das tres universidades de Galicia

Cunha media de oito a dez investigadores por cada un dos grupos que integran a rede, Bioauga súmase, tanto no contexto nacional, como no internacional, a outras iniciativas xa existentes con similares obxectivos e coas que prevén contactar e cooperar cara ao programa Horizonte 2020. Aínda que será a partir da constitución da rede que os grupos que a conforman terán a oportunidade de traballar xuntos, con anterioridade xa existía relación entre eles, como confirma Jesús Torres.

Un equipo multidisciplinar

E é que os procesos de biorremediación implican a microalgas, bacterias en procesos controlados mediante biosensores, control de propiedades termofísicas, técnicas procedentes doutros campos como inmunoloxía e busca de valorización de biomasa aplicando métodos de filtración baseados en nanopartículas encamiñados a obter enerxía e aplicacións nos campos da medicina, alimentación e ecoloxía. Procesos, que requiren dos coñecementos e o traballo dos grupos que integran a rede, nomeadamente, Física Aplicada 2, Electroanálisis e Biosensores, Inmunoloxía, Química Analítica, Equipo de Bioprocesos, Química Coloidal, Grupo de Microbiología e Equipo de Aproveitamento de Materiais Lignocelulósicos da Universidade de Vigo; Biodiversidade e Botánica Aplicada, Propiedades Termofísicas de Fluidos e Biomateriais e Hixiene, Inspección e Control de Alimentos da Universidade de Santiago e Microalgae da Universidade de A Coruña.

A depuradora de Guillarei (Tui) xa traballa cunha bacteria nun proxecto pioneiro en depuración

A rede Bioauga ten no proxecto EnerbioAlgae unha clara inspiración. Liderado tamén por Jesús Torres, o proxecto cofinanciado pola Unión Europea a través do programa SUDOE, integra a protección e conservación do medio ambiente, a loita contra o cambio climático ou a explotación de enerxía alternativas e a protección da biodiversidade. “Sentía que se podían facer moitas cousas no ámbito da biorremediación das augas, utilizando sinerxías desde distintos ámbitos e áreas de coñecemento”, explica Torres, que lembra que dispoñen dunha planta piloto en Guillarei (Edar en Tui) coa que realizar distintos tipos de experiencias neste campo.

Mesmo á hora de falar da receptividade que as propostas da rede podan ter no sector industrial galego, o coordinador de Bioauga, explica que “xa o vimos co proxecto EnerBioAlgae onde entramos en contacto con empresas como Citroën e Frinova, realizando con esta última un proxecto de aplicación deste tipo de técnicas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Aquarium Finisterrae reforma o sanatorio de focas: “Combinaremos todas as necesidades ambientais”

O museo coruñés remodela no seu 25 aniversario a área de curación dos animais mariños

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844