O investigador destaca que a prevención é fundamental, xa que unha vez colonizado un hábitat, a erradicación é imposible. Foto: Duvi.

O investigador destaca que a prevención é fundamental, xa que unha vez colonizado un hábitat, a erradicación é imposible. Foto: Duvi.

A ameixa asiática xa invade case 200 km dos ríos galegos

A colonización augas arriba só se pode explicar por "actividades humanas", segundo unha investigación da UVigo

Unha vez que a ameixa asiática (Corbicula fluminea) coloniza un hábitat, a súa erradicación é imposible. Por iso é na educación, na concienciación, na prevención e no control onde a comunidade científica reclama atención. Esta especie invasora está presente en Galicia dende 1989, cando se identificou por primeira vez no río Miño e na actualidade pódese atopar tamén noutros ríos, como o Ulla ou o Sil.

O investigador da Universidade de Vigo Noé Ferreira leva tres anos analizando o seu patrón e velocidade de dispersión, así como as características ecolóxicas que poidan ser aplicadas na xestión, prevención e control desta especie exótica en Galicia. As conclusións do seu estudo recóllense na súa tese de doutoramento, dirixida pola catedrática de Ecoloxía Isabel Pardo, dentro do programa de doutoramento Marine Science, Technology and Management, Do*Mar.

Na actualidade, esta especie invasora xa colonizou os ríos Ulla, Mero, Deva, Sil e medios illados como as lagoas de Centeáns, aínda que dende 2008 semella que existe un período de estancamento no que se refire a súa extensión a novos ríos, segundo destaca o investigador.

Unha das vías da entrada da especie é a través das augas de lastre

Para a elaboración do seu estudo, Ferreira estableceu un total de 97 estacións de mostraxe en 30 ríos e tres sistemas de lagoas, tanto en Galicia (71 puntos nos ríos Anllóns, Avia, Eume, Eo, Ladra, Landro, Lérez, Louro, Masma, Mandeo, Miño, Neira, Sil, Sor, Tambre, Tea, Ulla e Umia e nos sistemas lagunais artificiais de Centeáns, no Porriño) como no norte de Portugal, onde estableceu 26 estacións. Os resultados confirman a presenza de C. fluminea no río Miño dende a desembocadura na Guarda ata Ribadavia e amosan que a especie tamén colonizou o río Sil. O investigador explica que máis recentemente esta especie invasora colonizou novas concas e engade “hoxe podémola atopar no Ulla e no Mero, onde ano a ano avanzou augas arriba ata o encoro de Cecebre”. No norte de Portugal atopárona nos ríos Alva, Douro, Ferro, Limia, Mondego, Rabaçal, Tamega, Tuela e Vouga, así como nas lagoas de Mira e de Pateira de Fermentelos.

Os datos de campo recollidos no estudo de Ferreira amosan unha dispersión media augas arriba de 3.6 quilómetros ano-1 nos ríos Miño, Ulla e Mero, resultados que son semellantes aos obtidos noutras concas europeas, como as do Elba e Rin (2.4 km yr-1), explica. Na conca do Miño-Sil, a ameixa asiática colonizou 197 quilómetros augas arriba dende a desembocadura, indicando unha taxa de dispersión máxima de 9.2 km ano-1. “Esta colonización da conca augas arriba prodúcese a pesar dunha sucesión de embalses que superan os 25-30 metros de altura, o que só se pode explicar pola asociación da especie con actividades humanas, por exemplo o seu uso como cebo para a pesca deportiva”, remarca Ferreira.

Estratexias de prevención

Unha das principais vías de entrada de especies exóticas acuáticas de auga doce prodúcese a través das augas de lastre de grandes barcos. Para atallar esta problemática, o intercambio das augas de lastre en alta mar tense sinalado como unha ferramenta efectiva pero que pode ser mellorada se se incrementa a temperatura nos tanques e con ela a taxa metabólica das potenciais especies invasoras transportadas. Outra das vías de entrada da especies invasoras é o comercio de animais. “Para atallar as invasións biolóxicas é chave unha boa prevención e para iso é preciso unha avaliación do potencial invasor das especies antes da súa comercialización como animais de compaña/ornamentais, ademais dun esforzo conxunto entre administracións, ONGs e os diferentes actores implicados na dispersión”.

Consecuencias da invasión

Cando as estratexias de prevención fallan e se produce a chegada e establecemento no novo hábitat, a avaliación do risco ambiental permite o establecemento de estratexias de manexo que brinden unha rápida resposta fronte as invasións biolóxicas. Neste senso, o traballo desenvolvido permite ter en conta factores nunca avaliados ata o momento, como o calcio, no establecemento e dispersión da ameixa asiática.

Na súa tese o investigador tamén avalía o impacto que estas especies invasoras teñen noutras especies, como os mexillóns de auga doce (náiades), un dos grupos animais máis ameazados a nivel mundial. Un destes moluscos nativos, o Unio delphinus, “rexistrou un descenso de ata un 30% nas súas poboacións nos últimos 30-40 anos”.

Coa vista posta no futuro e dado que o quecemento global “é unha realidade a día de hoxe”, Ferreira avalía tamén impacto destas invasoras ante un escenario de quecemento durante as cada vez máis frecuentes ondas de calor e en base ás predicións realizadas polo IPCC. “Os resultados son preocupantes, pois a introdución da ameixa asiática diminúe a capacidade das náiades nativas para superar eventos climáticos extremos como as ondas de calor”. Non obstante, os ecosistemas posúen as súas propias estratexias de control biolóxico sen a intervención humana. Neste senso, parte da comunidade adaptou a súa alimentación a este novo recurso incrementando os seus efectivos en resposta a invasión de C. Fluminea. Unha consecuencia é o incremento da poboación de especies como a Gabita (Haematopus ostralegus), un ave limícola que se alimenta principalmente de moluscos no esteiro do Miño.

Pero este novo recurso trófico non só é aproveitado por especies nativas e xera novos retos de futuro. A introdución de sapoconchos exóticos poderían supor un novo problema de conservación para as especies de sapoconcho nativas por un mellor aproveitamento deste abundante recurso. Pero mentres que a distribución da ameixa asiática polo territorio galego é cada vez maior, outras especies como o mexillón cebra non foron rexistrados na comunidade. Neste senso e aínda que de limitada aplicación, os actuais plans de reintrodución do esturión en Europa podería representar unha ferramenta de control biolóxico do mexillón cebra ao menos nos primeiros estadios das invasións.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.