Venres 26 Abril 2024

Xigantes das profundidades na lingua de Verne

O libro 'Géants des profondeurs' será presentado en París en marzo.
O libro ‘Géants des profondeurs’ será presentado en París en marzo.

O domingo 8 de febreiro, celebrouse o 187 aniversario do nacemento de Xulio Verne. O autor francés foi un dos grandes divulgadores da existencia da lura xigante, que fixo aparecer combatendo ao Nautilus de Nemo na súa novela ‘20.000 leguas baixo dos mares’. Na mesma lingua de Verne, en colaboración co investigador honorífico do Museo Nacional de Historia Natural de París Michel Segonzac, o investigador do CSIC Ángel Guerra escribiu un novo libro de divulgación sobre a lura xigante, titulado ‘Géants des profondeurs‘, no que se abordan dende os mitos e lendas que foron xurdindo en torno a esta especie, ata os resultados das últimas investigacións.
A obra, publicada por Éditions Quae dentro da colección Carnets de Sciences, está dirixida a público xeral francofalante. Divídese en sete capítulos, nos que se abordan os diferentes métodos de investigación que se utilizaron para estudar estes animais e a súa evolución, así como os principais aspectos relacionados coa súa bioloxía e ecoloxía. Ademais, explícanse as características dos océanos nos que viven e o seu papel como indicador dos ecosistemas.
O libro, que conta con abundantes ilustracións a cor ao longo das súas cen páxinas, tamén narra os resultados das campañas e expedicións que se teñen feito dende 1996 para observalo in situ e gravalo no seu medio natural, o que non se conseguiu ata xullo de 2012 preto dunha illa de Xapón. “Ata mediados do século XX e principios do XIX todo o que se coñecía das luras xigantes procedía de gravacións de animais mortos”, explican os autores.

Guerra axudou a confirmar que só existe unha especie de lura xigante: Architeuthis Dux

En definitiva, “na obra pretendemos, ademais, dar resposta as preguntas que pode facerse o público xeral en torno ás luras xigantes: como funcionan?, son intelixentes?, distinguen as cores?, cal é o seu menú preferido?, como se reproducen?”, apunta Guerra.
O investigador do CSIC foi o único español que participou no estudo no cal se confirmou, en 2013, que había unha única especie de lura xigante no mundo: Architeuthis dux. Guerra desenvolve o seu labor investigador no Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo, e nos últimos anos destacou polo seu traballo no campo da divulgación científica con obras como ‘El calamar gigante’, da colección do CSIC e La Catarata, ou ‘El anzuelo. Una expedición en aguas de California’.
Pola súa banda, Segonzac é experto na ecoloxía da fauna abisal (animais que habitan nas profundidades dos océanos). Durante 33 anos dirixiu o departamento para o estudo de mostras de oceanografía biolóxica (CENTOB) de L’Institut Français de Recherche pour l’Exploitation de la Mer-IFREMER (Brest, Francia).
A presentación oficial do libro será en París a mediados de marzo.

Exemplar de lura xigante que se conserva na Universidade de Vigo.
Exemplar de lura xigante que se conserva na Universidade de Vigo.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte