Investigadores do IIM, xunto ao biobanco. Foto: IIM/CSIC.

Investigadores do IIM, xunto ao biobanco. Foto: IIM/CSIC.

O biobanco do IIM de Vigo, unha enciclopedia mariña con 250.000 mostras

O proxecto, pioneiro a nivel mundial, presta servizos a máis de 50 centros de investigación, como as universidades de Roma ou Copenhague

En 2013, o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM), adscrito ao CSIC, puxo en marcha o biobanco de ADN de mostras e moléculas mariñas de parasitos de especies comerciais de pesca extractiva. É un proxecto pioneiro a nivel mundial, que presta servizos a máis de 50 centros de investigación de referencia internacional, como as universidades de Roma e Copenhague ou o hospital La Paz de Madrid.

Esta semana, o CSIC informou de que o biobanco alcanzou a cifra de 250.000 mostras. A creación destes sistemas de almacenamento, xestionados a través de programas de software, permite incrementar o impacto dos proxectos de investigación, a través da capitalización destas mostras no eido investigador e a súa tradución en bens e servizos para actividades económicas e industriais.

O proxecto, pioneiro a nivel mundial, supuxo un gran avance na transferencia de coñecemento

“Este biobanco constitúe un claro exemplo da innovación aberta ao trasladar por primeira vez o sistema de xestión do eido clínico ao non hospitalario. As súas mostras e moléculas reúnen, ademais, un claro interese biotecnolóxico con fins de diagnóstico, terapéutico e de investigación”, explica Ángel F. González, xefe do grupo Ecobiomar, e vicedirector do IIM.

A filosofía do biobanco, segundo sinala González “está baseada no control do proceso de cesión-donación de mostras e na definición dunha infraestrutrura que lle confira calidade e orde, destino e trazabilidade ás mesmas, necesarias durante a súa preparación, almacenamento, conservación e transporte”.

Este proxecto é, por tanto, tal e como sinala o científico do IIM, “unha plataforma de apoio á investigación traslacional e multidisciplinar, e contribúe a incrementar o impacto dos proxectos e programas de investigación a través da capitalización das mostras no ámbito investigador”. Así, afórranse costes e evítase realizar mostraxes constantes.

O futuro do biobanco

No ano 2015 deuse un paso importante respecto ao proxecto grazas á posta en marcha dun segundo banco de ADN para albergar parasitos e biomoléculas de especial interese para a acuicultura. Ambos foron iniciativa do grupo Ecobiomar, no marco dos proxectos europeos Parasite e Parafish Control, financiados polo VII Programa Marco e H2020.

“O noso obxectivo, tras estes catro anos, é continuar avanzando e apostando pola posta en marcha de biobancos de mostras mariñas. De feito, entre as prioridades da política comunitaria mariña e marítima figura a incorporación de novas infraestruturas, mecanismos de apoio e estruturas de xestión para resolver os novos retos da investigación en ciencias do mar”, sinala Santiago Pascual, tamén científico do CSIC e membro de Ecobiomar.

A curto prazo, segundo sinalan desde o CSIC, preténdese completar e ampliar a oferta de mostras e traballar na identificación xenética. Para máis adiante, o obxectivo é obter fondos comunitarios para optimizar a infraestrutura, que ten unha “importancia capital en retos sociais a nivel europeo, como a eficiencia de recursos e cambio climático, a seguridade alimentaria, a biotecnoloxía ambiental e o desenvolvemento industrial sostible”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.