Enxeñeiros da Agrupación Astronómica de Vigo, traballando no Humsat.

Enxeñeiros da Agrupación Astronómica de Vigo, traballando no Humsat.

A Universidade de Vigo fabricará un satélite coa Axencia Espacial Brasileira

A Agrupación Aeroespacial da UVigo inicia a súa internacionalización co Serpens, máis evolucionado que o Humsat que xa cumpriu un ano en órbita

Emblema do programa Serpens da Axencia Espacial Brasileira.

Emblema do programa Serpens da Axencia Espacial Brasileira.

A Agrupación Aeroespacial está a participar do proceso de internacionalización no que se atopa inmersa a Universidade de Vigo a través do desenvolvemento do que será o primeiro satélite do programa SERPENS, Sistema Espacial para Realizaçao de Pesquisas e Experimentos com Nanossatélites, unha iniciativa financiada pola Axencia Espacial Brasileira, AEB, co obxectivo de facilitar o acceso ao espazo das universidades do país. Nesta iniciativa da AEB que ten a súa orixe no ano 2013, traballa un consorcio internacional formado por catro universidades e un instituto federal de Brasil, as universidades Federal de Santa Catarina, Federal de Minas Gerais, Federal do ABC e de Brasilia e o Instituto Federal Fluminense; dúas de EEUU, California Polytechnic State University e Morehead State University; a italiana Università di Roma Sapienza e a Universidade de Vigo.

Segundo informa María del Carmen Echevarría, do DUVI, a participación da institución académica viguesa, a través da Agrupación Aeroespacial, que coordinada polo profesor Fernando Aguado, ten na súa orixe un nome propio, o da agora profesora da Universidade de Brasilia e antes da Sapienza de Roma Chantal Cappelletti, membro do grupo GAUSS, encargado o ano pasado do lanzamento do Humsat-D e coa que o grupo de Aguado mantén, dende hai anos, unha intensa colaboración. “Cando ela chegou a Brasil en 2013 propuxo a nosa incorporación ao consorcio de universidades que forman SERPENS”, relata Aguado, que explica que o traballo comezou a finais de 2013, unha vez que a misión quedou definida e empezaron as tarefas de desenvolvemento en paralelo coa operación do Humsat-D, que este venres cumpriu o seu primeiro ano en órbita.

O primeiro satélite do programa SERPENS, que está a permitir a capacitación do alumnado, docentes e investigadores de enxeñarías aeroespaciais de Brasil da man de grupos de investigación internacionais con experiencia nesta área, será lanzado previsiblemente a segunda metade de 2015 desde a Estación Espacial Internacional, a través do foguete Falcon 9 de SpaceX. Posteriormente será inxectado no espazo por medio dun brazo robótico operado polo módulo espacial xaponés Kibo que se atopa na Estación.

Vigo traballará no despregue de sensores e nos datos de órbita do satélite

O primeiro satélite do programa SERPES, que forma parte dun proxecto que inclúe tamén catro estacións en terra e unha vintena de sensores que enviarán datos e se comunicarán co satélite desde varios puntos espallados polo país, é un Cubesat de 3U, dividido en dous sectores. Mentres o sector A ten como obxectivo probar en órbita unha plataforma de baixo custo, utilizando compoñentes comerciais, o sector B, no que participa a Universidade de Vigo, inclúe unha plataforma de altas prestacións e unha carga útil evolucionada de Humsat. “Esta carga é unha evolución da que foi lanzada o pasado ano en Humsat-D e inclúe melloras baseadas nos datos en órbita do satélite”, detalla Aguado, que tamén confirma que a Agrupación participa na operación e despregue de sensores durante a fase de operación. “A través do convenio asinado en abril de 2014 coa Deputación de Pontevedra púidose realizar o deseño dun modelo de cualificación da nova carga útil”, explica o coordinador da Agrupación, que apunta a que a proba en órbita do segundo satélite da constelación realizarase na cidade e na provincia de Pontevedra, grazas ao convenio asinado con ambas as dúas institucións.

Internacionalización aeroespacial

Esta primeira experiencia de colaboración no ámbito internacional é segundo Fernando Aguado “un reto novo para os integrantes da Agrupación Aeroespacial da Universidade”, ao tempo que incide na importancia de apostar pola internacionalización no sector espacial. “Ter a oportunidade de traballar e cooperar con Brasil é extremadamente importante para a aposta na internacionalización da Universidade neste campo”, asegura Aguado, que amosa o seu convencemento en que esta será unha cooperación a longo prazo. Neste sentido, o coordinador a Agrupación ten claro que esta colaboración “non foi a dun mero provedor de subsistemas, senón que a nosa participación foi como a dun membro máis do equipo. Foi e é unha aposta por unha cooperación a longo prazo”, explica Aguado.

O satélite vigués Humsat-D cumpre un ano en órbita, cun éxito completo e 100% de obxectivos cumpridos

Na Escola Superior de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo se recibía a confirmación de que o Humsat-D estaba en órbita e funcionando. Transcorridos doce meses desde entón, a misión do satélite, que esta definida para un ano de duración, “foi un éxito completo, acadando o 100% dos obxectivos previstos”, afirma Fernando Aguado con rotundidade. E é que a través do satélite demostrador da constelación Humsat realizouse unha proba concepto en voo do sistema completo, amosando a viabilidade de utilizar nanosatélites para a recepción de datos transmitidos por sensores de baixa potencia e custo moi baixo.

Ao longo destes meses realizáronse numerosas probas utilizando sensores tanto desde Vigo como desde Brasil e medidas de ruído captado polo receptor Humsat en practicamente todas as partes do globo. Despois da análise, propuxéronse e incluíronse melloras tanto no satélite receptor, como nos sensores que se utilizarán nos satélites SERPENS e FemtoXat, o que fará que o sistema “teña moi boas prestacións, incluso en situacións con interferencias”, asegura Fernando Aguado, que apunta que as melloras realizadas serán avaliadas tanto en sensores situados en Brasil, como na Universidade de Vigo, así como no concello e na provincia de Pontevedra. Á vista dos resultados acadados este primeiro ano, o coordinador do Agrupamento Aeroespacial considera que “o éxito da misión Humsat-D é un novo paso para promover que en Galicia, non só se realicen misións educacionais, que foron e son fundamentais, senón tamén misións comerciais”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.