Elena Pazos Chantrero, na súa etapa como investigadora en Chicago.

Elena Pazos Chantrero, na súa etapa como investigadora en Chicago.

A Coruña contrata dous novos investigadores co programa InTalent de Inditex

Un total de 122 científicos concurriron á convocatoria da universidade coruñesa dende 21 países

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, presentaron na Reitoría aos dous novos investigadores de referencia internacional que se incorporan á entidade académica coruñesa dentro do Programa de captación de talento InTalent UDC-Inditex.

Presentación na Coruña da resolución do programa InTalent.

Presentación na Coruña da resolución do programa InTalent.

Elena Pazos Chantrero e José Antonio Cortés Vázquez foron seleccionados por unha comisión de expertos dun total de 122 solicitudes chegadas de 21 países de Europa, Asia, África e América para participar nesta primeira convocatoria do programa InTalent.
O reitor agradeceu á empresa Inditex o seu apoio para este programa do que se empezan a ver os primeiros froitos. Subliñou que os dous investigadores seleccionados teñen uns curricula brillantes e destacou que no caso de Elena Pazos se trata dun retorno á comunidade autónoma na que se formou, xa que estaba no Centro Tecnolóxico da Química de Cataluña; mentres que o caso de José Antonio Cortés é unha demostración de captación de talento. Abalde lamentou “que só se puidesen seleccionar dous investigadores porque a calidade das solicitudes di o nivel dos novos investigadores que temos e indica unha ausencia de canles para dar unha carreira investigadora estable a estes investigadores que están formados e no estranxeiro e que non teñen forma doada de incorporarse nos centros e universidades españolas”.

Elena Pazos traballou en Santiago co equipo do investigador José Luis Mascareñas

Elena Pazos Chantrero (Marín) doutorouse pola Universidade de Santiago de Compostela en 2012 baixo a supervisión dos profesores José Luís Mascareñas e M. Eugenio Vázquez, traballando na síntese de sensores fluorescentes para a detección dalgunhas proteínas implicadas en cancro. Durante a súa etapa doutoral foi estudante visitante no Trinity College Dublin (Irlanda) e na Universidade de Illinois en Urbana-Champaign (Estados Unidos). Ao finalizar o seu doutoramento, recibiu unha beca postdoutoral da Fundación Barrié que lle permitiu unirse ao grupo do profesor Samuel I. Stupp na Universidade de Northwestern nos Estados Unidos, onde levou a cabo investigacións no campo da química supramolecular e da bionanotecnoloxía. Tras a súa etapa postdoutoral, traballou na spin-off Medcom Advance como investigadora durante un ano, e en decembro de 2015 incorporouse no grupo do profesor Ramón Álvarez Puebla no Centro Tecnolóxico da Química de Cataluña como investigadora TECNIOspring e Marie Curie. Ao longo da súa carreira investigadora publicou quince artigos científicos, a maioría deles en revistas con alto impacto no ámbito da química, e algúns dos resultados da súa investigación foron protexidos con dúas patentes.

O proxecto de investigación que Elena Pazos levará a cabo no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña durante os próximos anos terá a mesma natureza multidisciplinar que caracteriza a súa traxectoria investigadora, e estará enfocado no desenvolvemento de ferramentas químicas con aplicacións en biomedicina.

Por unha parte, desenvolveranse sensores intelixentes para enfermidades dexenerativas, é dicir, moléculas que en presenza de marcadores específicos destas doenzas emitan luz permitindo así a súa detección. Estes sensores non só se poderían empregar para o diagnóstico precoz, senón tamén para comprender a nivel molecular os mecanismos que causan a patoloxía e como ferramentas poderosas para identificar novas dianas terapéuticas e novos fármacos. Por outra banda, tamén traballará no desenvolvemento de novos nanomateriais biocompatibles capaces de producir un determinado efecto nas células, como por exemplo promover a rexeneración celular ou empregalos como vehículos para a administración controlada de fármacos.

José Antonio Cortés.

José Antonio Cortés.

José Antonio Cortés Vázquez (Sevilla) é licenciado en Ciencias Ambientais e doutor en Antropoloxía Social pola Universidad Pablo de Olavide (Sevilla). As súas investigacións se centran na análise da relación que os seres humanos manteñen co medio, desde o punto de vista da cultura e a ecoloxía política, a través do estudo de comunidades rurais e costeiras en espazos naturais protexidos. Traballou como investigador postdoutoral Marie Curie nas universidades de Manchester e Sheffield e como profesor na University College London e National University of Ireland-Galway. Coordinou congresos e proxectos internacionais e publicou máis dunha ducia de capítulos e artigos en revistas de prestixio internacional, ao igual que unha monografía pola que recibiu en 2011 o premio nacional Marqués de Lozoya, o recoñecemento de maior prestixio en antropoloxía social en España.

Cortés Vázquez estuda os beneficios e impactos sociais das políticas de conservación ambiental na Europa post-crise: O caso galego, e desenvolverá o seu proxecto na Facultade de Socioloxía.

A expansión de políticas de conservación ambiental en décadas recentes veu aparellada de importantes cambios sociais no mundo rural e costeiro. Desde os anos 80, a complexidade de plantexar un uso más sustentable dos recursos naturais fixo que en numerosos casos a introdución de políticas de conservación ambiental derivase en conflitos con poboacións locais. Por outro lado, tamén abriu a porta a novas formas de desenvolvemento económico por medio de actividades como o ecoturismo. Non obstante, a crise económica e a introdución de políticas de austeridade ao longo desta última década reduciu enormemente os recursos e a capacidade de acción da administración ambiental. Por outro lado, tamén potenciou a participación de novos sectores da sociedade civil e do sector privado nas políticas de conservación. Con isto xerouse un novo escenario dentro dos espazos naturais protexidos sobre o que urxe reflexionar.

InTalent é un programa para captar e reter a excelencia investigadora en Galicia. Creado pola Universidade da Coruña en 2016, conta co financiamento de Inditex por un importe total de 1.450.000 euros para contratar a seis investigadores, que se incorporarán de dous en dous nos anos 2017, 2018 e 2019. O contrato terá unha duración de dous anos, coa posibilidade de prórroga dun ano máis.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.