Foto de familia dos galardoados na II edición dos premios Galicia Spin-off

Foto de familia dos galardoados na II edición dos premios Galicia Spin-off

Galchimia e AllGenetics reciben na Barrié de Vigo os Premios Galicia Spin-off

Pastor e GCiencia impulsan unha iniciativa que recoñece a aposta pola innovación das empresas galegas

Representantes das empresas AllGenetics, Galchimia e Lupeon recolleron hoy en Vigo os galardóns que as distinguen como gañadoras e finalista da segunda edición dos Premios Galicia Spin-off, uns galardóns convocados por Pastor e o portal da ciencia galega GCiencia para distinguir os proxectos empresariais máis relevantes vinculados ás universidades galegas. A entrega dos premios tivo lugar na sede da Fundación Barrié de Vigo á que asistiron, entre outras autoridades o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, e o director xeral de Banco Pastor, Fernando Merino.

No transcurso do acto, Fernando Merino destacou que a entidade financeira non se limita a apostar polas empresas innovadoras a través da financiación senón tamén polo apoio prestado nas diversas fases do emprendimento. Engadiu que a vocación de apoio á innovación se demostra co feito de que preto dun 60% dos créditos concedidos polo Pastor van para autónomos e pequenas empresas.

premios galicia spin-off 2015

Pola súa banda, Román Rodríguez sinalou na súa intervención que as empresas spin-off teñen un papel fundamental á hora da transferencia de coñecemento dende as universidades ás empresas. Aludíu tamén ó bo nivel dos grupos de investigación das universidades galegas e concluíu que iniciativas como os Premios Galicia Spin-off contribúen “a levar polo mundo adiante o modelo que queremos”.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, pechou o acto cun discurso no que explicou que nos últimos dez anos houbo cambios esenciais na tecnoloxía e polo tanto tamén na organización das empresas. Destacou que os Premios Galicia Spin-off permiten recoñecer a aqueles que cos seus coñecementos lograron poñer en marcha unha empresa e lembrou o papel xogado polas primeiras facultades viguesas na construción do tecido empresarial da cidade. Carme Pampín, de Galchimia, e Verónica Rojo, de AllGenetics, coincidiron en agradecer o apoio que atoparon nas universidades de Santiago e A Coruña para levar adiante os seus proxectos.

No apartado de Idea Emerxente, que premia a iniciativa máis innovadora, a gañadora foi AllGenetics, unha empresa creada en 2011, especializada na área do xenoma e vinculada á Universidade de A Coruña. Entre os seus méritos figura ser a primeira empresa do mundo que pon as técnicas de análise do xenoma ó servizo de empresas do sector de Ecotoxicoloxía. A súa tecnoloxía permite verificar con moita maior fiabilidade cales son as especies test que se empregan nos laboratorios para avaliar o impacto no medio ambiente de produtos químicos potencialmente tóxicos. O carácter innovador deste servizo permitelles contar con grandes expectativas comerciais a medio prazo.

O conselleiro Román Rodríguez gabou o papel das spin-off na transferencia da ciencia á sociedade

Nesta mesma categoría a finalista foi Lupeon, empresa dedicada á impresión 3D baixo demanda creada en 2013 por dous alumnos da Universidade de Vigo. Na súa corta existencia a empresa xa desenvolveu proxectos para o sector da automoción, aeronáutico e sanitario, entre outros, e ten unhas importantes expectativas de crecemento. A empresa naceu en Ordes pero está a trasladarse a Nigrán onde afrontará unha nova etapa da súa vida empresarial.

No apartado Selo de Calidade, que distingue á empresa innovadora máis consolidada, a gañadora deste edición foi a compostelá Galchimia, unha compañía que neste mes de outubro celebra os 15 anos de existencia. Foi creada por dous químicos procedentes da Universidade de Santiago, que ao longo dos anos conseguiu converterse en líder español no sector de Química Orgánica Sintética. Galchimia prové de servizos de análise, síntese e desenvolvemento de procesos ás industrias química farmacéutica, veterinaria, agrobiotecnolóxica e biotecnolóxica para o descubrimento e desenvolvemento de novos fármacos. Nos últimos anos Latinoamérica pasou a ser nun mercado importante para a compañía, aínda que un 75% dos seus ingresos aínda depende da liña de investigación baixo contrato.

Os premios Galicia Spin-off incrementaron considerablemente a participación nesta edición. Entre as candidatas atopábanse empresas que apostan pola innovación de xeito moi diverso como a mellora da produción agroalimentaria, a xeración de software innovador ou a investigación química. O xurado estivo formado por representantes da Secretaria Xeral de Universidades da Xunta, da Real Academia Galega de Ciencias, do CSIC, do Pastor e de GCiencia.

En Galicia, o Grupo Banco Popular conta con 259 oficinas e máis de 700.000 clientes, dos que máis de 127.000 son pemes, autónomos e comercios. Mediante Pastor, Galicia é o principal mercado do banco, onde conta coa maior cota de todo o territorio nacional, tanto en créditos como en depósitos. Pastor apoia aos emprendedores e aos empresarios galegos e proba diso é que tras a integración no Grupo Banco Popular, sumaba algo máis do 18% de cota de mercado en créditos e actualmente a súa cota é do 21,84%. En definitiva, trátase de apostar por Galicia e de materializar o seu compromiso a longo prazo coas súas familias, empresas, autónomos e comercios.

GCiencia é o portal da Ciencia en Galicia, unha publicación de Ciencia Galega Industrias Creativas S. L. que se ten convertido nun medio de comunicación de referencia a través das súas reportaxes, entrevistas, audiovisuais, informacións e contidos multimedia, moitos deles trilingües. Ao longo de case tres anos de existencia, GCiencia, premiado recentemente co Premio de Xornalismo Dixital, concedido polo Foro da Comunicación de Galicia, tense consolidado como un dos dixitais máis seguidos de Galicia. GCiencia foi seleccionada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), do Ministerio de Economía e Competitividade, para o seu programa de Fomento da Cultura Científica, Tecnolóxica e da Innovación, converténdose así nun dos catro medios de comunicación de España que forman parte do proxecto.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.