Martes 23 Abril 2024

Un proxecto para converter a ría de Vigo nun pantano

A mediados do pasado século, a política de construír pantanos puido acadar a máxima superación. Inaugurar presas semellaba para o ditador Franco un deporte tan querido como a caza ou a pesca a bordo do yate ‘Azor‘. Non había documental do No-Do no que o Caudillo non aparecese visitando un aproveitamento hidroeléctrico. Pero a idea formulada en 1952 para a ría de Vigo estivo a piques de superar a todas as demais.

Gerardo Campos.
Gerardo Campos.

O xornalista Gerardo Campos, impulsor do Centro de Iniciativas de Vigo, iniciou unha campaña para converter a enseada de San Simón nun gran pantano, cunha presa que xeraría enerxía eléctrica e que serviría coma ponte entre as dúas beiras da ría. Malia o carácter fantasioso da obra, a idea tivo partidarios e detractores. Ata que foi desbotada, despois de moito debate.

Publicidade

Na década dos anos 50 do pasado século, Campos enviou a súa proposta ao Ministerio de Obras Públicas. E pronunciou conferencias e publicou artigos defendendo a súa proposta. O máis completo aparece publicado no xornal Faro de Vigo, a toda plana. Alí, o entusiasta vigués -a quen se atribúe aínda hoxe a idea da actual ponte de Rande– dedica o seu proxecto “Ao Excelentísimo Señor Conde de Vallellano, ministro de Obras Públicas, co debido respecto e admiración”.

Campos lembra que o maior encoro construído ata 1952 era o de Alarcón, no río Xúcar ó seu paso por Cuenca, con 700 millóns de metros cúbicos. A capacidade total dos pantanos en España era de 6.634 millóns de metros cúbicos, “pero xamais se encheron, habendo pola contra chegado a estar totalmente baleiros pola falta de choivas”.

O autor lembra un recente discurso do ministro de Industria, quen afirmou como “imprescindible intensificar a produción de enerxía eléctrica”.

O impulsor da idea creía que podería pagarse coa prata dos galeóns de Rande

“A natureza dá realizado na ría de Vigo o pantano ou encoro ideal, posto que cun traballo e un gasto relativamente pequenos pode ser un manancial de enerxía formidable, con enormes vantaxes sobre os encoros fluviais e sen moitos dos seus inconvenientes”, escribe.

“Na enseada de San Simón non hai que expropiar nin ocupar terreo algún, nin se priva deste á agricultura”, subliña Campos, que engade: “Non se precisa dunha enorme obra para pechalo, xa que a súa boca entre a punta de Rande e a de Bestas mide uns setecentos metros”. O autor considera que a presa só debe erguerse uns 4 metros sobre o nivel da marea alta. E que o fondo sería duns 25 metros. Sobre o bordo da presa discorrería unha estrada que enlazaría as dúas beiras como actualmente o fai a ponte de Rande.

Actual imaxe da ponte Rande.
Actual imaxe da ponte Rande.

Campos afirma que o muro da presa podería ser menos groso que nunha obra dun embalse convencional. Aínda que era xornalista, e non enxeñeiro, entusiásmase achegando cifras e especulando con datos técnicos. Cre que, ao haber masas de auga a ambos os dous lados da presa “non hai perigo algún de derrube, como sucedeu nalgúns pantanos”. Trátase dunha afirmación bastante audaz, que non se sustenta con ningún estudo.

Segundo os cálculos do autor, o pantano de San Simón ocuparía unha superficie de 18 millóns de metros cadrados e tería capacidade para 30 millóns de metros cúbicos. A subida e baixada da marea xeraría un movemento diario de encoro e desembalse de 120 millóns de metros cúbicos. A acción dunhas turbinas permitiría xerar tanta electricidade que “en 55 días produciría como todos os pantanos de España xuntos”.

Para permitir que a ría de Vigo non quede partida en dous, Gerardo Campos propón unhas enormes comportas de 30 metros, polas que poderían transitar os barcos desde Redondela, Vilaboa e Arcade ata máis aló de Rande.

As mareas permitirían a produción de enerxía eléctrica, afirmaba o proxecto

A presa utilizaríase tamén “para unha ponte de formigón sobre columnas que unise a estrada de Vigo a Pontevedra naquel punto coa de Cangas a Vilaboa na parte de enfronte”.

Pero o autor vai máis aló, aínda que xa recoñecendo que entra case no terreo da fantasía. Porque cre que o seu proxecto permitiría recuperar os galeóns da batalla de Rande. “Puidera ser que a obra do encoro e ponte resultasen gratis e aínda que gañase diñeiro o Estado”, entusiásmase Campos.

A idea é desecar ao completo a enseada de San Simón, pechando as comportas e impedindo que entre a auga da marea: “podería traballarse coma se tivésemos en seco a enseada”.

O xornalista cita o proxecto do enxeñeiro Moxó, que anos atrás se converte na enésima iniciativa de rescate dos galeóns. Para iso, como sempre, óbvianse os datos históricos e presuponse que a prata de Indias segue no fondo do mar. Citando ao italiano Carlo Iberti, Campos calcula que nos galeóns hai aínda prata por valor de 27.167.513 libras esterlinas. Nin unha máis nin unha menos.

Esquecendo que a prata dos galeóns de Rande foi evacuada a Castela antes da batalla, o autor defende que estas riquezas pagarían abondosamente as obras do fabuloso encoro.

Conclúe Gerardo Campos recoñecendo que a súa proposta só pertence ao mundo das ideas: “Non necesito insistir en que o mesmo os datos expostos que as súas consecuencias son aproximados soamente e que sería preciso un estudo completo antes de levar o proxecto á superioridade“. Desta frase deducimos que asimilaba que é pouco recomendable que os xornalistas substitúan aos enxeñeiros. Pero quen pode deter ao enxeño humano cando se entrega a soñar ideas?

2 COMENTÁRIOS

  1. As ideas non precisan da formación dos enxeñeiros. As ideas témolas todos e para razoar como fai Gerardo só fai falta sentido común. E manexarse un pouco ben coas matemáticas, pero iso está á disposición de moitos.
    Atrevámonos a pensar!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Mariñeiros de Arousa denuncian que o baleirado masivo de encoros afoga o marisco da ría

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa constatou que os niveis de salinidade da ría chegaron a cero nalgunhas zonas

Unha das maiores riquezas que xamais cruzase o Atlántico: as cifras do tesouro de Rande

O empirista John Locke certificou nun estudo as cargas de cada transporte como os dos galeóns que chegaron a Vigo en 1702

A censura aos xornais na Grande Guerra

A propaganda foi unha arma decisiva na I Guerra Mundial e usouse en Galicia en medios convencionais e libelos

Mergulladores e luz para o capitán Nemo

Os respiradores Rouquayrol e as lámpadas Ruhmkorff usadas en Rande inspiraron a Verne en ”20.000 leguas”