Imaxe do documental sobre as irmás De la Vega.

Imaxe do documental sobre as irmás De la Vega.

Un documental sobre as irmás De la Vega, primeiras licenciadas en Galicia

Estas pioneiras conseguiron ingresar en 1913 na Facultade de Medicina de Santiago

A Fundación TIC sumouse aos actos organizados polo Concello de Lugo con motivo do Día Internacional da Muller coa presentación dun documental sobre a vida e traxectoria das irmás Jimena e Elisa Fernández de la Vega Lombán, as primeiras mulleres que se licenciaron en Galicia. Este traballo elaborouse en colaboración co IES Lucus Augusti de Lugo, o instituto no que as irmás estudaron o bacharelato por libre.

O patrón da TIC, Álvaro Santos, subliñou que “é o primeiro documento audiovisual que existe sobre estas pioneiras, dúas mulleres excepcionais, loitadoras, apaixonadas e comprometidas, que abriron o camiño á muller na universidade e no campo científico”. Con este proxecto a TIC e o instituto lucense, a través dun convenio de colaboración entre ambas institucións, poñen en valor a figura e o labor destas mulleres cun documento co que “contribuímos á difusión de referentes da cultura e historia da nosa provincia que serven de exemplo entre as novas xeracións”, subliñou o deputado provincial.

Colaborou o IES Lucus Augusti, no que as irmás estudaron o bacharelato por libre

O documental, titulado 120 anos do nacemento das irmás Fenández de la Vega, cunha duración aproximada de 20 minutos, fai un percorrido pola vida e traxectoria das primeiras médicas galegas. O documento recolle relatos únicos de familiares e investigadores das Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña.

Entre os relatores atópanse figuras como o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Ricardo Gurriarán, un dos primeiros que sacou á luz documentación sobre as pioneiras; a catedrática de xenética do Campus de Lugo da USC, Laura Sánchez Piñón; e Ánxela Bugallo, doutora en Bioloxía da Universidade da Coruña (UDC). O fío condutor e o acento máis íntimo do audiovisual ten como protagonista a Óscar Fernández de la Vega, un dos poucos parentes das xemelgas que quedan en Lugo.

Jimena e Elisa Fernández de la Vega Lombán, irmás xemelgas nacidas na localidade asturiana de Vegadeo, e que estiveron moi vinculadas as súas raíces en Lugo, ingresaron na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela en 1913, tres anos despois da aprobación do Real Decreto do 8 de marzo que permitía o acceso da muller á universidade. Pese a ser discriminadas por ser mulleres, obtiveron os mellores expedientes da súa promoción e a ámbalas dúas foilles outorgada a Cruz de Alfonso XIII.

Con posterioridade, as irmás fixeron grandes achegas á ciencia en España e Europa, en especial Jimena, que traballou con prestixiosos da época como Gregorio Marañón ou Nóvoa Santos. A pesar dos seus logros, recibiron un recoñecemento tardío na historia, xa que non é ata o ano 1996, cando a Xunta de Galicia e a USC dedican ás irmás un «Vítor», o primeiro da institución galega ata o momento, referido a unha muller. Na actualidade dan nome ao Vicerreitorado de estudantes de Compostela e a unha rúa na súa vila natal.

Unha resposta a “Un documental sobre as irmás De la Vega, primeiras licenciadas en Galicia”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.